Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, convoca unha concentración en apoio das Persoas Afectadas pola desidia do goberno municipal á hora de entrega das vivendas protexidas de titularidade municipal do barrio de Recimil.
Os obxectivos desta mobilización son, nun primeiro lugar denunciar a mala xestión do goberno municipal con respecto ao parque municipal de vivendas de Recimil e sobre todo no referente ao Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas; en segundo lugar para reclamar a celebración da xuntanza solicitada o pasado 22 de maio, solicitude reiterada aos quince días, e que até o de agora o Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela, deu largas para a súa realización, despois de asegurar que as portas da Alcaldía "sempre estarán abertas"; en terceiro lugar para manter unha xuntanza cos grupos municipais da oposición para entregar-lles as nosas queixas e demandas ao Concello, recabar a información que eles teñen sobre o parque de vivendas e o proceso de reparación, adxudicación e entrega; e en cuarto e último lugar reclamar ao goberno municipal un calendario de adxudicación e entrega das vivendas de Recimil ás persoas da lista que están agardando por elas.
A concentración terá lugar, este venres, 28 de Xuño, pola mañá ás 11:30hs, diante do Pazo Municipal do concello de Ferrol.
Esta concentración é pública e está aberta a todas aquelas persoas que queiran solidarizarse con este colectivo e incorporarse á loita por unha vivenda digna.
Ferrol, a 27 de Xuño de 2013
Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
|||||||||||