mércores, 3 de xullo de 2013
Recimil: A loita por unha vivenda digna continúa - Intento de peche na sede local do Partido Popular - Reunión cos grupos municipais da oposición
O pasado 26 de Xuño, tiña lugar unha Asemblea de Persoas Afectadas pola desidia do goberno municipal á hora da entrega das vivendas protexidas de titularidade municipal de Recimil. A Asemblea estaba convocada por Stop-Desafiuzamentos de Ferrol Terra da Rede de Apoio Mutuo. A xuntanza tiña lugar pola tarde, no Inferniño, no Centro Cultural Carvalho Calero. Foi unha Asemblea moi participativa. Tanto de persoas afectadas como de activistas en apoio desta xusta loita. O obxectivo desta asemblea era o de abordar o estado actual da reivindicación de adxudicación e entrega das vivendas.
Despois da información veu o debate e a toma de decisións. A Comisión de Traballo levaba unha proposta de mobilización e unha entrevista cos grupos municipais da oposición, ratificado na Asemblea de "Stop", do pasado 20 de Xuño. A acción tería lugar este Venres 28 de Xuño. Mais no transcurso da Asemblea, saíu a proposta de que, dado que o Sr. Alcalde non recibe a este colectivo, ir até a sede local do Partido Popular, e pechar-se até conseguir un compromiso público e firme. Esta proposta complementaria foi aprobada pola Asemblea. A acción tería lugar o mesmo día no que se ía celebrar o Pleno, o 27 de Xuño, ás 11:30 hs.
As dúas accións xa se efectivizaron. Mentres se producía o convulso Pleno Municipal do 27 de xuño, un grupo de 22 persoas entre afectadas e activistas, dirixiron-se até a sede do Partido Popular, na rúa Ruvalcaba, a porta pechada e de abrir nada. Á media hora chegou a policía, mais sen ter claro se nos podían desaloxar ou non. De feito, a acción durou máis de hora e media e a rematamos por decisión asemblearia. Non sen antes deixando-lles unha misiva na porta cos motivos da nosa acción. Este venres, 28 de Xuño, concentrábamo-nos no Pazo Municipal, para posteriormente manter unha xuntanza cos grupos municipais da oposición, para entregar-lles as nosas queixas e demandas ao Concello, recabar a información que eles teñen sobre o parque de vivendas e o proceso de reparación, adxudicación e entrega.
Levamos desde o 22 de maio agardando por unha nova xuntanza co Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela, reiterada por varias veces coa nosa presencia física diante das dependencias da Alcaldía. Non nos chega con algunhas difusas noticias de prensa, cos rumores de que xa contrataron a unha empresa para a reforma e reparación das vivendas baleiras; ou de que seguen chamando, por orde, a algunhas persoas da lista de espera, para confirmar a súa demanda de vivenda; ou tamén que se rematou de elaborar o demandado censo de vivendas baleiras. Na primeira xuntanza e única que mantivemos con el, e con a concelleira Rosa Martínez Beceiro, negou-se á conformación dunha comisión de seguimento, alegando que as portas da Alcaldía sempre estarían abertas para cando quixeramos. Mais foi todo o contrario, non só non están abertas senón que puxo "catro candados". Desde a secretaría da Alcaldía dan-nos largas, supostamente, unha vez consultado co Alcalde. O Regulamento de Participación Cidadá ampara-nos (Artigos 4, 5, 9, 10, e 54).
No seu momento denunciamos que as dúas primeiras vivendas que se entregaron non reunían as condicións básicas de habitabilidade. O que non é de xustiza e vulnera o acordado no Pleno Municipal do pasado 28 de febreiro. Unha parte da veciñanza afectada, concretamente 30, presentaron reclamacións ante o Concello de Ferrol e unha Queixa ao Valedor do Pobo que están polo de agora sen resolver. O propio "Stop" da Rede presentou unha Queixa ante o Valedor do Pobo.
A desidia deste goberno á hora de solucionar o problema potenciou a ocupación ilegal de vivendas que nos consta que segue na actualidade, co conseguinte descenso do número de vivendas baleiras o que supón un alto potencial de conflito moi difícil de solucionar.
Non temos a menor dúbida de que se algo se está movendo no asunto Recimil, é porque nos comezamos a mobilizar para demandar os nosos dereitos, a denunciar a mala xestión do goberno municipal con respecto ao parque municipal de vivendas de Recimil e sobre todo no referente ao Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas.
A loita por unha vivenda digna continúa.
Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
||||||||||||||