xoves, 18 de xullo de 2013

Un veciño de Arteixo intenta suicidar-se cando ía ser desafiuzado da súa casa en Arteixo

Todas e todos temos dereito a unha vivenda digna e adecuada, non pode ser que por falta de recursos económicos, as persoas podamos quedar sen un teito onde poder vivir. En Arteixo hai mais de 2000 vivendas baleiras. Os poderes públicos teñen que artellar solucións. Non pode ser que haxa persoas sen poder acceder a unha vivenda, e pola contra haxa miles de vivendas baleiras. No manifesto das PAHs esixe-se a reconversión do parque hipotecario nun parque público de aluguer social. O dereito á vivenda é un dereito humano fundamental. Pola importancia da noticia transcribimos-la a continuación.

Un home intenta suicidarse cando ía ser desafiuzado do seu piso en Arteixo
.
Disparouse na cabeza cando a comisión xudicial e a procuradora ían efectuar o desaloxo da vivenda de aluguer - Foi denunciado por deber oito meses de renda.
O veciño, de 62 anos, permanece ingresado no hospital da Coruña en estado moi grave


Un veciño de Arteixo disparouse onte un tiro na cabeza cando ía ser desafiuzado do piso no que residía en réxime de aluguer. O home, Xullo M.E., de 62 anos, permanece ingresado no Centro Hospitalario Universitario da Coruña en estado "moi grave", segundo informaron desde o centro médico.

Os feitos sucederon pasadas as 11.30 horas de onte no número tres da Rúa Ángel López del Castillo, onde acudira a comitiva xudicial, un procurador e un cerralleiro para proceder ao desafiuzamento da vivenda polo non pago, segundo puido saber este xornal, de oito meses de aluguer. Xullo M.E. solicitou-lles máis tempo para poder levarse os mobles do piso e, tras ser-lle denegado este adiamento, desculpou-se un momento, meteuse nunha habitación e disparou-se na cabeza cun "arma curta", segundo informa a Garda Civil, que iniciou unha investigación sobre o suceso.

Até o lugar desprazaron-se dúas patrullas da Policía Local de Arteixo, a Garda Civil, unha ambulancia asistencial e outra medicalizada, na que o home foi traslado ao hospital da Coruña, onde, ao peche desta edición, permanecía ingresado na Unidade de Coidados Intensivos debido á ferida de bala que presenta na cabeza.

Non era a primeira vez que a comitiva xudicial acudía ao dúplex que habitaba Julio M.E. para desafiúza-lo. O pasado 8 de xullo, a comitiva, formada por un xestor e un funcionario do corpo de auxilio, tamén acudiu á vivenda acompañada do procurador que representa aos propietarios do inmóbel. Pero nesa ocasión suspendeu-se o desaloxo a petición do inquilino, que solicitou uns días para baleirar a vivenda. Os propietarios accederon a esta petición e concederon-lle tres días máis, aínda que non foi até onte pola mañá cando a comitiva xudicial regresou ao terceiro piso do número 3 Rúa Ángel López del Castillo. Julio M.E. recibiu-lles en pixama. Minutos despois, tras comunicar-lle que esta vez non habería o adiamento que el reclamaba, pegou-se un tiro na cabeza.

O suceso provocou unha grande conmoción na zona. O home non era unha persoa coñecida no municipio onde, segundo fontes consultadas, reside desde o ano 2011. "Ninguén se dá conta de quen é, non debe de facer moita vida en Arteixo", comentaba un grupo de veciños tras coñecer o tráxico suceso. Outro dos veciños, que reside no edificio contiguo, viu desde a súa fiestra como a ambulancia se levaba a un home "intubado e controlando os seus constantes vitais". "Non teño nin idea de quen é", asegura. Ningún dos inquilinos do número 3 Rúa Ángel López del Castillo quixo realizar declaracións sobre o acontecido minutos antes no terceiro esquerda. Segundo algunhas fontes, Julio M.E. vive só neste inmóbel, situado nunha céntrica rúa do municipio.

Segundo sosteñen desde o Concello de Arteixo, o home non se puxo en contacto con Servizos Sociais para pedir axuda e acceder ás prestacións dispoñíbeis.

O home foi denunciado polo non pago do aluguer polos propietarios do piso. Presentou alegacións e celebrou-se o xuízo, no que o xuíz decretou o desafiuzamento e se fixou o pasado 8 de xullo como a data para proceder ao despexo. O BNG de Arteixo lamenta este "tráxico suceso" e reclama "unha vez máis" ao Goberno local maior implicación para que este tipo de situacións "non se repitan".

Noticia publicada en "La Opinión de A Coruña", por Viviana Burón / Tania Suárez | Arteixo | 18.07.2013
____________

sábado, 13 de xullo de 2013

Os incumprimentos do goberno municipal con respecto da entrega das vivendas de Recimil, entra nos xulgados - A compañeira Piti presentou unha demanda


Por ser de interese para toda a Rede de Apoio Mutuo, transcribimos a seguinte noticia publicada no xornal comarcal Diario de Ferrol, desde aquí desexar á compañeira Piti que se faga xustiza e se condene ao goberno municipal, e con esta acción axude a todas e todos a conseguir os nosos obxectivos dunha vivenda digna e adecuada.


Unha muller que está á espera dun piso municipal demanda ao Concello de Ferrol

Unha veciña de Ferrol acudiu onte aos xulgados para presentar unha demanda contra o Concello de Ferrol por entender que se está incumprindo o regulamento de adxudicación das vivendas municipais do barrio de Recimil. Estefanía Pérez Fernández ten dous fillos de 14 e 8 anos, e traballa unha hora e media ao día nunha empresa de limpeza, polo que os pouco máis de 230 euros que cobra ao mes nin sequera permítenlle facer fronte ao aluguer do piso no que viven, que é de 330 euros. A súa situación viuse agravada no presente mes, xa que lle retiraron a axuda familiar que compatibilizaba co seu salario, por mor de realizar unhas horas extras.

Estefanía solicitou unha vivenda municipal en decembro de 2010, cando aínda gobernaba o PSOE. A lista de espera para as adxudicacións non se publicou até xullo de 2012, xa no presente mandato do PP, e ela figura co número 23.

Esta nova nai asegura atopar-se nunha situación moi precaria e quéixase da falta de axuda do Concello. De feito, aínda non lle responderon á solicitude dunha axuda para o aluguer que, por indicación da propia administración local, presentou no pasado mes de maio.

Farta da espera, decidiu acudir á plataforma STOP Desafiuzamentos, pero decidiuse a dar un paso máis presentando no xulgado unha demanda contra o alcalde e os responsables de Benestar Social e Facenda. A fundamenta no incumprimento dunha das cláusulas do regulamento dos pisos municipais, concretamente a referida a que se adxudicará unha vivenda cada vez que exista algunha libre. Estefanía di ter constancia de que na actualidade hai polo menos unha ducia de pisos baleiros, a maioría deles tapiados polo Concello, polo que non acerta a entender por que non se entregan ás familias que están na lista de espera.

Reportaxe de Carmela López | Ferrol | 12 Xullo 2013

Fonte: diariodeferrol.com

Foto: estefanía pérez fernández, onte na porta dos xulgados de ferrol, por daniel alexandre

____________________

venres, 12 de xullo de 2013

Contra a criminalización dos movimentos sociais - Manifestación na Coruña - Fotos - Vídeo


Umha representación de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, participou hoxe na manifestación contra a criminalización do movimento social d'A Coruña.

O movimento social d'A Coruña ven denunciando acoso continuado por parte das autoridades. Un acoso que tivo nas multas recibidas por 17 persoas, pola súa participación na loita contra o desafiuzamento da veciña d'A Coruña, Aurelia Rey.

Para denunciar ese acoso e castigo aos movimentos, varios colectivos sociais manifestaron-se polas rúas da cidade baixo o lema "Multan-nos a nós, para asustar-te a ti". Ao remate da manifestación os colectivos participantes realizaron a micrófono aberto intervencións moi aplaudidas. O representante dos "Sen Teito", reivindicou unha cidade que os acolla, e pola que transitar con liberdade. O representante do colectivo "Sen Papeis" reivindicou unha cidade máis humana: "Ningunha persoa é ilegal". A representante da loita de Afectad@s polas Preferentes explicou, nunha emocionada intervención, en que punto se encontra a súa loita, que máis de 15.000 euros, soman as multas recibidas da Delegación do Goberno, dixo que lle propuxeron ao Delegado o troque das multas por un paquete de preferentes, 'din que o Delegado do Goberno non aceptou' sic... A concentración recibiu tamén as saúdas doutros colectivos, e tamén da delegación de STOP-Desafiuzamentos de Ferrolterra. Para rematar o poeta Luix, da Timba Poética d'A Coruña, verbalizou en dous poemas a indignación e as esperanzas que afloran destas loitas, remataban estes versos cun "a rebelión está en marcha".


http://youtu.be/AIipswwxH-g

Publicado por Galiza Contrainfo, espazo de comunicación alternativa, o 12 de Xullo de 2013, na canle:
galizacontrainfo.

Web:
http://galizacontrainfo.org/

Os movementos sociais da cidade sairon á rúa para denunciar a represión a que están sendo sometidos e esixir a dimisión do delegado do goberno Samuel Juárez.
Baixo a Licenza  Creative Commons (reutilización permitida).

Conta no facebook de Stop-Desafiuzamentos A Coruña:
https://www.facebook.com/pages/STOP-DESAHUCIOS-A-CORU%C3%91A/216065495111451

Enlace relacionado:
Ártabra 21: Contra a criminalización da solidariedade, concentración n'A Coruña, hoxe xoves, 11 de xullo, no Obelisco ás 8 da tarde

Fonte: Ártabra 21
_______________

mércores, 3 de xullo de 2013

11 de Xullo, na Coruña, Stop desafiuzamentos convoca un acto contra “a criminalización da solidariedade”


As multas impostas a varias persoas que participaron da mobilización que impediu o despexo da anciá coruñesa Aurelia Rei seguen a provocar reaccións en contra. Esas sancións -que recibiron oito activistas -entre eles o portavoz parlamentar do BNG, dous concelleiros, un dirixente da CIG e o bombeiro que se negou a colaborar coa policía forzando a porta- xa foron contestadas mediante o grupo de persoas que acompañou a presentación de alegacións por parte d@s sancionad@s na Delegación do Goberno español e volverá repetirse o próximo 11 de xullo, día no que a plataforma Stop Desafiuzamentos chama a unha concentración -no Obelisco da Coruña, ás 20.00 horas- baixo o lema “Contra a criminalización da solidariedade”.

“Múltannos a nós para asustarte a ti”, asegura a plataforma nun pasquíns que comezan a ser visíbeis polas rúas e nos que se afirma que “as multas responden a un plan xeral de criminalización dos movementos e colectivos sociais que poñen en evidencia a violencia económica que está a exercer o goberno do Estado. Ademais, non é casual que estas propostas de sanción cheguen xusto cando a veciñanza afectada polas obras do Ofimático está en pé de loita”, en referencia a un novo conflito na cidade que xa provocou manifestacións, a última frustrada pola policía.

“Estas sancións son un intento de amedrentar á cidadanía, de disuadirnos para que esteamos calad@s, para que non saiamos ás rúas, para que non nos organicemos para loitar contra a inxustiza. Porque? Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte, como se demostrou no caso de Aurelia. A cidadanía gañou, e teñen medo de que volvamos gañar unha e outra vez”, asegura na súa convocatoria Stop Desafiuzamentos A Coruña.

Fonte: sermosgaliza.com
_________

Este xoves 4 de Xullo, Asemblea Aberta de STOP-Desafiuzamentos - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

Unha nova Asemblea Aberta de STOP-Desafiuzamentos - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, para quen quixer participar.

Atención: a Asemblea é en Caranza.

Día: Xoves, 4 de Xullo.
Hora: Ás 17:00hs (5 da tarde).
Lugar: En Caranza, no local de Arméria, na Traseira do Mercado Municipal.

Punto previo: Nomear persoa moderadora da Asemblea e acordar ou modificar a orde do día proposta.

Orde do día:
1.- Xuízo de desafiuzamento. Xestións e Accións.
2.- Análise últimas accións en demanda de adxudicación e entrega das vivendas de Recimil.
3.- Análise da situación interna de Stop-Desafiuzamentos e toma de decisións (Elixir nova Comisión de Traballo).
4.- Novas propostas, rogos e preguntas.

Lembra, non faltes á xuntanza aberta deste Xoves 4 de Xullo, necesitamos a túa colaboración e axuda. Participa na Rede de Apoio Mutuo.

||||||||||||||||

Recimil: A loita por unha vivenda digna continúa - Intento de peche na sede local do Partido Popular - Reunión cos grupos municipais da oposición


O pasado 26 de Xuño, tiña lugar unha Asemblea de Persoas Afectadas pola desidia do goberno municipal á hora da entrega das vivendas protexidas de titularidade municipal de Recimil. A Asemblea estaba convocada por Stop-Desafiuzamentos de Ferrol Terra da Rede de Apoio Mutuo. A xuntanza tiña lugar pola tarde, no Inferniño, no Centro Cultural Carvalho Calero. Foi unha Asemblea moi participativa. Tanto de persoas afectadas como de activistas en apoio desta xusta loita. O obxectivo desta asemblea era o de abordar o estado actual da reivindicación de adxudicación e entrega das vivendas.

Despois da información veu o debate e a toma de decisións. A Comisión de Traballo levaba unha proposta de mobilización e unha entrevista cos grupos municipais da oposición, ratificado na Asemblea de "Stop", do pasado 20 de Xuño. A acción tería lugar este Venres 28 de Xuño. Mais no transcurso da Asemblea, saíu a proposta de que, dado que o Sr. Alcalde non recibe a este colectivo, ir até a sede local do Partido Popular, e pechar-se até conseguir un compromiso público e firme. Esta proposta complementaria foi aprobada pola Asemblea. A acción tería lugar o mesmo día no que se ía celebrar o Pleno, o 27 de Xuño, ás 11:30 hs.

As dúas accións xa se efectivizaron. Mentres se producía o convulso Pleno Municipal do 27 de xuño, un grupo de 22 persoas entre afectadas e activistas, dirixiron-se até a sede do Partido Popular, na rúa Ruvalcaba, a porta pechada e de abrir nada. Á media hora chegou a policía, mais sen ter claro se nos podían desaloxar ou non. De feito, a acción durou máis de hora e media e a rematamos por decisión asemblearia. Non sen antes deixando-lles unha misiva na porta cos motivos da nosa acción. Este venres, 28 de Xuño, concentrábamo-nos no Pazo Municipal, para posteriormente manter unha xuntanza cos grupos municipais da oposición, para entregar-lles as nosas queixas e demandas ao Concello, recabar a información que eles teñen sobre o parque de vivendas e o proceso de reparación, adxudicación e entrega.

Levamos desde o 22 de maio agardando por unha nova xuntanza co Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela, reiterada por varias veces coa nosa presencia física diante das dependencias da Alcaldía. Non nos chega con algunhas difusas noticias de prensa, cos rumores de que xa contrataron a unha empresa para a reforma e reparación das vivendas baleiras; ou de que seguen chamando, por orde, a algunhas persoas da lista de espera, para confirmar a súa demanda de vivenda; ou tamén que se rematou de elaborar o demandado censo de vivendas baleiras. Na primeira xuntanza e única que mantivemos con el, e con a concelleira Rosa Martínez Beceiro, negou-se á conformación dunha comisión de seguimento, alegando que as portas da Alcaldía sempre estarían abertas para cando quixeramos. Mais foi todo o contrario, non só non están abertas senón que puxo "catro candados". Desde a secretaría da Alcaldía dan-nos largas, supostamente, unha vez consultado co Alcalde. O Regulamento de Participación Cidadá ampara-nos (Artigos 4, 5, 9, 10, e 54).

No seu momento denunciamos que as dúas primeiras vivendas que se entregaron non reunían as condicións básicas de habitabilidade. O que non é de xustiza e vulnera o acordado no Pleno Municipal do pasado 28 de febreiro. Unha parte da veciñanza afectada, concretamente 30, presentaron reclamacións ante o Concello de Ferrol e unha Queixa ao Valedor do Pobo que están polo de agora sen resolver. O propio "Stop" da Rede presentou unha Queixa ante o Valedor do Pobo.

A desidia deste goberno á hora de solucionar o problema potenciou a ocupación ilegal de vivendas que nos consta que segue na actualidade, co conseguinte descenso do número de vivendas baleiras o que supón un alto potencial de conflito moi difícil de solucionar.

Non temos a menor dúbida de que se algo se está movendo no asunto Recimil, é porque nos comezamos a mobilizar para demandar os nosos dereitos, a denunciar a mala xestión do goberno municipal con respecto ao parque municipal de vivendas de Recimil e sobre todo no referente ao Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas.

A loita por unha vivenda digna continúa.

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

||||||||||||||