venres, 31 de outubro de 2014

Absoltas de todos os cargos


As seis persoas acusadas hai un ano polo desafiuzamento de Elisabeth Sanlés foron absoltas de tódolos cargos na mañá de hoxe.

Parabéns xs compañeirxs!

A loita é o único camiño!

Enlace relacionado:

Seis persoas serán xulgadas mañá por apoiar a unha muller enferma a piques de ser desafiuzada.

|||||||||||||||||||||||

domingo, 19 de outubro de 2014

Seis persoas serán xulgadas mañá por apoiar a unha muller enferma a piques de ser desafiuzada



Boa tarde,


Mañá, luns 20 de outubro, ás 10.30hrs., terá lugar o xuízo contra as seis persoas detidas durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado 27 de novembro de 2013. Dende as 10.00hrs. da mañá convocamos á cidadanía da Coruña a acompañar e arroupar a estas activistas a través dunha concentración diante dos xulgados da R/Monforte*.

Ao non teren oposto ningún tipo de resistencia cando a policía entrou na vivenda –a ampla presenza de medios de comunicación en fronte das xanelas da vivenda testemuña este feito-, inicialmente a policía tan só xuntou momentaneamente a estas seis persoas  nunha das habitacións, e mesmo confirmoulles que ao saír da vivenda permitiríanlles levar consigo os xoguetes que había na casa para devolvérllelos aos cativos. Sen embargo, ao cabo dun rato escoitaron como de súpeto dábanse novas instrucións ao operativo policial,  instándoos a proceder á detención e fichaxe policial destas seis persoas que estaban axudando ca mudanza a Elisabeth Sanlés no interior da vivenda, sorprendendo incluso aos axentes integrantes do operativo. A día de hoxe, por culpa desta arroutada dun mando policial, estas seis activistas están acusadas de “desobediencia”, inda que cando as trasladaban á comisaría dixéronlles que a acusación sería de “desordes públicos”, boa mostra de que nin a propia policía tiña claro por qué estaban levándoas detidas.

Para contextualizar esta vingativa reacción policial –supoñemos que instigada dende a Delegación e Subdelegación do Goberno- cómpre lembrar que con axuda da cidadanía da Coruña e STOP Desafiuzamentos, Elisabeth Sanlés, enferma de fibromialxia, con tres fillos e uns ingresos mensuais de 200€, lograra xa parar a primeira tentativa de desafiuzamento do seu fogar, o 8 de outubro de 2013.

Á vista deste éxito social, a segunda vez que tentaron desafiuzala o Xulgado elaborou unha estratexia co obxectivo de anular toda posibilidade de arroupamento e protección por parte da cidadanía e, de paso, tentar dificultar a cobertura mediática: notificou con tan só unhas horas de antelación que ía executar o lanzamento –o avogado de Elisabeth recibiu comunicación do Xulgado, vía correo electrónico, ás 18.00hrs do día anterior-.

Pero por se non abondase esta limitación de prazo co obxectivo de estrangular as posibilidades de facer fronte á perda do seu fogar, a policía decidiu irromper na vivenda aproximadamente tres horas antes da hora sinalada para o desafiuzamento. Como se dun operativo policial de máximo risco se tratara, apareceron sobre as 7 da mañá nunha furgoneta camuflada, e numerosos axentes introducíronse armados e con pasamontañas no portal de Elisabeth Sanlés. Parecía unha película, si, pero de terror. Cortaron a rúa e despregaron un operativo de ducias de antidisturbios que militarizou o barrio do Castrillón durante varias horas. No medio do asalto á vivenda, identificábase  tamén claramente policías non uniformados, ca faciana tamén tapada con pasamontañas, especialmente formados para tirar abaixo as portas das casas de persoas en risco de perder o seu fogar. Formar unha unidade especial para tombar portas e non llo ter que pedir aos bombeiros foi a única ensinanza que a policía e a Delegación do Goberno extraeron do mediático caso de Aurelia Rey.

Á vista do desorbitado despregue policial, o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés constitúe a día de hoxe o máis perverso exemplo de despilfarro de diñeiro público para amedrentar e expulsar do seu fogar a unha muller enferma que ademais, como subliñara uns días antes o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña a través dunha providencia, atopábase en "situación de especial vulnerabilidade ou desvalimento".  Aliás, a pesar de que a actitude das  activistas e da xente que acudiu a apoiar a Elisabeth foi totalmente pacífica, convertiuse no desafiuzamento con máis persoas detidas de cantos ten habido até o dagora na Galiza.

No contexto actual de abafante corrupción política e bancaria, a maioría das persoas temos asumido que o Partido Popular forma parte da trama organizada que decidiu afundir  o sistema financieiro para provocar a desestructuración da base do sistema de garantías sociais –sanidade, educación, emprego...-, dando lugar á depauperación total das clases traballadoras e favorecendo a privatización dos servizos públicos a través do seu deterioro intencionado e posterior desmantelamento. Así, lonxe de facer fronte aos políticos e banqueiros criminais, o PP está esforzándose por lexislar para afogar ás persoas que denuncian publicamente estes delitos, impoñendo unha lexislación contraria á liberdade de expresión e manifestación, como é o caso da chamada “Lei Mordaza”/”Ley de seguridad ciudadana”, que foi  levada a tramitación parlamentaria fai apenas uns días -o pasado 16 de outubro-, co único apoio do Partido Popular.

Como vimos denunciando dende o ano 2013 a través da campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti”, o Partido Popular está a desenvolver todo tipo de estratexias represivas para acalar as críticas que denuncian o ataque aos dereitos humanos e sociais instigados dende o actual Goberno central. Esta situación está sendo denunciada tamén a través de organizacións internacionais, como fixo o pasado mes de abril Amnistía Internacional no seu informe “España: el derecho a protestar amenazado”. A día de hoxe, tan só en STOP Desafiuzamentos A Coruña, e pese a que tódalas nosas accións reivindicativas foron absolutamente pacíficas, acumulamos case 6.000€ en multas.

Defender os dereitos humanos e sociais non é un crime! O que é un crime é permitir que nos últimos cinco anos os bancos deixaran sen fogar a máis de 12.000 familias galegas co beneplácido do goberno do PP, que ademais afonda na crueldade desta situación favorecendo que case 300.000 vivendas, máis de 100.000 delas novas ou case novas, fiquen baleiras e apodrecendo, constituíndose no mellor icono metafórico das cabezas dos “nosos” podres gobernantes.


Xuízo a 6 activistas polo desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
Concentración solidaria
10:00hrs.

Xulgados
R/Monforte, s/n
A Coruña
Declaracións aos medios de comunicación.
Héctor Tejón –voceiro de STOP Desafiuzamentos A Coruña- e Antonio Vázquez –avogado de Elisabeth Sanlés-
10:15hrs.
Xuízo
10.30hrs.
Valoración do xuízo para os medios de comunicación.
Ao finalizar a vista

Cronoloxía  do caso de Elisabeth Sanlés:
(04/10/2013) O caso de Elisabeth,
(06/10/2013)
Convocatorias contra o desafiuzamento de Elisabeth
(14/10/2013)
Caso Elisabeth - Presentado o recurso para a suspensión do desafiuzamento
(20/10/2013)
Caso Elisabeth - Sen solución dúas semanas despois
(26/11/2013)
URXENTE! Novo intento de desafiuzamento de Elisabeth
(28/11/2013)
Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
(30/11/2013)
Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo?
(03/12/2013)
O IGVS, a última esperanza de coherencia no caso de Elisabeth Sanlés
(07/12/2013) O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés
(25/02/2014) X. M. Quintela, responsábel de Servizos Sociais, xulgado por inxurias e/ou vexacións contra unha usuaria e activistas de STOP Desafiuzamentos
(10/06/2014) O responsábel de Servizos Sociais da Coruña visita por 2ª vez os xulgados por insultar a unha usuaria
Cronoloxía de denuncias da represión exercida polo Partido Popular:
[30/06/2013] MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI (panfleto)
[02/07/2013] MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI - Campaña informativa
[09/07/2013] Dúas novas sancións por participar en mobilizacións de apoio ao dereito á vivenda
[10/07/2013] Catro persoas máis propostas para sanción
[08/08/2013] Campaña MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI
[17/08/2013] DEFconDOS e KONFLIKTO contra a represión dos movementos sociais
[20/09/2013] Os "petos de resistenza" chegan á rúa co apoio dunha trintena de establecementos coruñeses
[28/11/2013] Concentración en condena da represión policial efectuada durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés
[16/05/2014] Escalada represiva do Partido Popular para tentar acalar as críticas sociais
[07/07/2014] DA REPRESIÓN A DOMICILIO AO ACOSO PERSONALIZADO. Recruece a violencia do PP contra a liberdade de expresión
[09/07/2014] Acompañamento popular ás compañeiras xulgadas polo desafiuzamento de Aurelia Rey
[11/07/2014] Manifestación contra a represión
[02/09/2014] Xulgarán por “alteración da orde pública” ao bombeiro que se negou a intervir no desafiuzamento de Aurelia Rey
[03/10/2014] Festa e solidariedade contra a represión do Partido Popular
 
Moitas grazas pola vosa atención

Un saúdo e moi boa xornada,

STOP Desafiuzamentos A Coruña

--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
Facebook

Grupo de stopdesahucios de A Coruña



http://youtu.be/UOOQUnQATpE


||||||||||||||||||||||||||

Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, participou na acción coordinada e simultanea que se denvolveu en diferentes cidades da Galiza, diante do IGVS, contra o engano e malfacer institucional e en demanda dunha vivenda digna e adecuada


A mañá do venres 17 de Outubro, concéntramo-nos, na Praza Amada Garcia de Ferrol, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada .

Concéntramo-nos para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada, comezando polas persoas máis vulnerábeis e sen recursos económicos, así como para solicitar información sobre as 500 vivendas das que, segundo as medidas aprobadas pola Xunta, dispón para todo o País e que se fagan públicas, tamén para que se nos facilite información sobre o parque de vivenda social baleira que hai en Ferrol, Narón e no resto dos concellos das comarcas do noroeste galego.

Hai que ter en conta que a Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, recolle no seu Artigo nº 3 que o IGVS ten como función “garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica ...”. Desde as plataformas que demandamos a aplicación efectiva do dereito humano a unha vivenda digna e adecuada, denunciamos que non se está cumprindo con este mandato.

Ao mesmo tempo, compañeiras e compañeiros das PAHs e de STOP Desafiuzamentos de Compostela, Ourense,  Lugo e A Coruña, concentraban-se coordinadamente diante das delegacións do IGVS que ten en cada unha destas cidades, confluíndo así na primeira acción reivindicativa sincronizada realizada por colectivos antidesafiuzamentos na Galiza. Outras plataformas de STOP's e PAH's da Galiza, como,  Barbanza, O Sanés, Ponteareas e Pontevedra, realizaron outro tipo de accións mais de acorde co seu xeito de funcionamento e dispoñibilidade, algunhas plataformas enviaron escritos ao IGVS. A PAH de Vigo-Tui manifestaba-se ao día seguinte, sábado 18 de Outubro, contra a pobreza, a exclusión social e por un reparto da riqueza equitativo para tod@s.

Concéntramo-nos diante das sedes do IGVS, porque está claro que diante do engano e malfacer institucional teremos que ser nós quen construamos e conquistemos os nosos dereitos.

O mesmo día da acción, o IGVS fixo público un comunicado dicindo que están a desempeñar o seu cometido perfetamente, intentando desmentir cunha información parcial, a denuncia das plataformas antidesafiuzamentos. O Grupo d'A Coruña de Stop-Desafiuzamentos, contestou o comunicado oficial do IGVS inmediatamente que publicamos no noso sitio-e co titulo "Aclarando o misterio das 500 vivendas do Instituto Galego da Vivenda e Solo".

Nin casas sen xente nin xente sen casa!

Saúde e vivenda Digna !

Si se pode !  #Limite24D

Foto de Jorge Meis publicada no Diario de Ferrol.

|||||||||||||||||||

venres, 17 de outubro de 2014

Aclarando o misterio das 500 vivendas do Instituto Galego de Vivenda e Solo


Moi boa tarde a todas e todos,


Na mañá de hoxe colectivos antidesafiuzamentos da Coruña, Ourense, Ferrol Terra, Lugo e Compostela acudimos ás oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) [1] para denunciar o desleixo de responsabilidades que esta institución á que lle corresponden “as competencias e funcións en materia de política de vivenda, favorecendo o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada” está a cometer.


No caso de STOP Desafiuzamentos A Coruña, mantivemos unha concentración diante da delegación do IGVS na cidade baixo o lema “A súa solución, caixas de cartón”, escenificando con traxes feitos con caixas que a única opción que esta institución contempla para as persoas e familias desafiuzadas é precisamente durmir na rúa cubertas con cartóns. Tamén contamos con compañeiros e compañeiras que recitaron poemas a través dos cales abordaron o drama da perda da vivenda, así como cuestións vinculadas á loita contra os desafiuzamentos, tales como a represión policial ou a preeminencia do valor económico por riba dos propios valores éticos. Aliás, repartimos pasquíns informativos sobre as medidas aprobadas, pero incumpridas, pola Xunta en materia de desafiuzamentos.

Dándose por aludido, o IGVS  publicou hoxe un comunicado valorando que están a desempeñar o seu cometido perfectamente e, de paso, contradinse a si mesmos negando que existan 5.000 persoas na provincia demandando vivenda, cando este é precisamente o argumento que lle dan por escrito ás persoas que a solicitan.

Non obstante, afortunadamente non tódalas persoas que traballan no IGVS teñen a impresión de que están a desempeñar as súas labouras correctamente, e estas son as valoracións que na delegación territorial do IGVS na Coruña trasladaron hoxe ás representantes de STOP Desafiuzamentos que acudiron a pedir información sobre as 500 vivendas que o presidente Feijoo anunciou en decembro de 2012 que estarían a disposición das persoas e familias desafiuzadas.
  • Das 500 vivendas non saben nada. Practicamente déronnos a entender que fora unha ocorrencia do presidente Feijoo,  palabras ao aire para dar a impresión de que fan algo.
  • Propostas en firme de alugueiro social do IGVS: non hai nin se espera. Só moi de cando en vez, e a través dunha reunión da Comisión Provincial con carácter excepcional, valoran expedientes dentro dos e das solicitantes de adxudicación directa. Pero vaia, tendo en conta que lle denegan alugueiro social a mulleres enfermas, no paro e con fillos/as, non queda claro que requisitos dramáticos hai que cumprir para que se dea esta medida excepcional.
  • Sen embargo, proseguiu a persoa que nos atendeu, na Lei de Vivenda si que se establece que poderíanse facer ou conceder vivendas de carácter asistencial, pero nunca se desenvolveu este punto. É máis, segundo nos dixeron, o desenvolvemento desta Lei corresponderíalle á  Consellería de Benestar en contacto co IGVS, pero esta mañá confirmáronnos no propio IGVS  que en ningún momento se valorou esta posible alianza interinstitucional.
  • En plena crise e afogadas por un problema social de acceso á vivenda sen precedentes, o recorte en orzamentos do IGVS é enorme -"estratosférico", dixo a persoa que nos atendeu-. Así que simplemente non se están facendo actuacións de vivendas protexidas porque o IGVS non ten orzamento para actuar nese sentido. É máis, hai vivendas das que xa recuperou a titularidade -vivendas nas que vivían persoas que as deixaron-, pero non hai orzamento para reparalas.
  • Por outra banda, a nivel provincial, aclarounos que na Coruña non van adxudicar vivendas de carácter asistencial polo IGVS, por moito que sexa o seu cometido velar por que se cumpra o dereito “constitucionalmente recoñecido” a unha vivenda digna. Mais ben os intereses do IGVS son outros, estritamente vinculados á promoción da propiedade privada e ó interese financieiro. Segundo nos adiantaron, nuns días publicarase na web un acordo da comisión de vivenda provincial do IGVS polo cal sacarán 5 vivendas públicas na Coruña. Iso si, para adxudicalas en réxime de compra-venda a unidades familiares cuns ingresos non inferiores ó 1,5 veces o IPREM.
  • E xa dende un plano máis local, confirmáronnos hoxe que o corrupto Concello da Coruña dispón de chan cedido polo IGVS, que á súa vez outórgalle vivendas para que as xestione. Inda por riba tamén ten parque de vivendas propio. Para acceder a estas vivendas hai que inscribirse previamente, pero trátase dun proceso de libre concorrencia polo cal tes que ter uns ingresos que a día de hoxe poderiamos considerar “medios”  para acceder a este tipo de vivendas.  O problema é que, por unha banda, os servizos sociais  do Concello non están avisando destas convocatorias ás persoas usuarias en situacións máis vulnerables e, por outra, o nivel de ingresos esixido para acceder ás mesmas é moi alto, condición que obviamente non  se corresponde coa situación económica real da xente que se atopa en risco de exclusión social.

Dende os distintos colectivos que loitamos na Galiza para que se cumpra o dereito a unha vivenda digna seguiremos instando ao IGVS e aos nosos respectivos concellos a darnos respostas, e mobilizarémonos activamente para esixir que cumpran cas súas responsabilidades.

Moitas grazas pola vosa atención


[1] Axuntamos imaxes correspondentes á mobilización realizada na Coruña. Tamén no Facebook de STOP Desafiuzamentos A Coruña tendes unha compilación das imaxes publicadas polos colectivos participantes na acción coordenada de esta mañá.

Un saúdo e que teñades moi boa xornada,

STOP Desafiuzamentos A Coruña
--

___________________

Hoxe 17 de Outubro, concentraremos-nos para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada



Este, venres 17, ás 12 do mediodía acudiremos ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol (Praza Amada García) para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada, comezando polas persoas máis vulnerábeis e sen recursos económicos, así como para solicitar información sobre as 500 vivendas das que, segundo as medidas aprobadas pola Xunta, dispón para todo o País e que se fagan públicas e se nos facilite o parque de vivenda social baleira que hai en Ferrol, Narón e no resto dos concellos das comarcas do noroeste galego.


Ao mesmo tempo, compañeiras e compañeiros de STOP Desafiuzamentos Compostela, STOP Desafiuzamentos Ourense, STOP Desafiuzamentos Lugo e STOP Desafiuzamentos d'A Coruña, acudirán ás sedes que o IGVS ten en cada unha destas cidades, confluíndo así na primeira acción reivindicativa sincronizada realizada por colectivos antidesafiuzamentos na Galiza.


E non é de estrañar que sexa precisamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo o que teña a vergoñenta honra de que todas vaiamos protestar á súa porta, xa que precisamente está a ser a Xunta de Galicia a institución pública máis cinicamente inoperativa de todas cantas teñen competencias en materia de vivenda no noso País, e o IGVS a súa ferramenta fundamental para vulnerar os máis elementais dereitos humanos.


Maio de 2012: A Xunta de Galiza publicita un decreto “para paliar os efectos da crise” sobre as familias desafiuzadas. A día de hoxe, non sabemos de ningún caso no que se teña conseguido aplicar este decreto.


Decembro de 2012: o presidente Alberto Núñez Feijóo en persoa anuncia un Programa de Realoxo dotado inicialmente con 500 vivendas, aprobado no Consello de Goberno do día 5.  Non se sabe de ningunha familia ou persoa á que se lle teña concedido unha destas vivendas. As solicitadas co apoio de STOP Desafiuzamentos A Coruña foron todas denegadas. Saíu publicado na prensa que se concederon 33 adxudicacións, mais non se sabe nin como, nin cando, nin a través de que procedemento.


Xaneiro de 2013: o daquela Director do IGVS, Antonio José Boné Pina, comprométese con STOP Desafiuzamentos do Barbanza a que ningunha familia vai quedar sen dereito a unha vivenda digna. Esta mesma mentira “vendeulla” o IGVS tamén a STOP Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde. A día de hoxe, o único exemplo que coñecemos no que o IGVS concedera unha vivenda foi no caso de Aurelia Rey. Porén, a partires de aí non concedeu vivenda a ningunha das persoas que a solicitaron apoiadas polos distintos colectivos antidesafiuzamentos galegos. Ademais, segundo datos do propio IGVS, tan só na provincia da Coruña acumúlanselle 5.000 casos de persoas baixo o limiar da pobreza e en grave risco de exclusión social ás que tampouco ten pensado atender na xestión dunha vivenda onde meterse.


Abril de 2013:  Feijoo vende fastuosamente a sinatura dun convenio entre  Xunta, Concellos e Poder Xudicial, disque para “adoptar medidas de carácter social” e “mobilizar as 500 vivendas que a Xunta ten a disposición das familias desafiuzadas”. Non se soubo máis do tema... Non temos coñecemento de ningún caso no que se teña activado este protocolo, e iso que solicitámolo varias veces.


Maio de 2013: A Xunta de Galicia emite a Orde de 16 de maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga. Non coñecemos ningún caso no que unha familia ou persoa desafiuzada fora acollida por este programa.


Mentiras e máis mentiras. Rir na cara de persoas desesperadas ás que lles acaban de arrebatar o máis elemental para ter unha vida minimamente estable, unha vivenda.  Namentras, o  feito de que estas institucións estean a incorrer nunha obscena deixadez de responsabilidades ten consecuencias dunha gravidade intolerábel.


Como xa temos informado, alegando non apreciar “singularidade” con respecto ás outras 5.000 solicitantes, na Coruña neste momento o IGVS denégalle unha vivenda pola vía de emerxencia a unha muller enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai as 24hrs. do día.  O mesmo lle dixo uns meses antes a Elisabeth Sanlés, enferma tamén, con tres fillos e desafiuzada uns días antes cun custosísimo e desproporcionado operativo policial.


En Ourense, o IGVS vén de lle denegar unha vivenda a outra muller, vítima de violencia machista, diagnosticada de trastorno depresivo, ao cargo dun fillo e dúas fillas, unha delas cunha minusvalía do 38%.


En Compostela, a inasumíbel burocracia e a falta de interese do funcionariado do IGVS lograron o seu obxectivo: que a familia de Aríns integrada por seis membros -con menores de idade e unha persoa maior con mobilidade reducida- estafada por un prestamista asumira que de nada serviría pedir unha vivenda pola vía de urxencia.


A vivenda non é unha propiedade, senón un dereito básico recollido no Art. 47 da Constitución. Pero o IGVS e a Xunta so saben dun dereito, o “dereito á mendicidade”, así que rexeitan cumprir cas súas responsabilidades e manteñen 300.000 vivendas baleiras en Galicia, e case 10 en ferrol, e 16.00 no conxunto da comarca. Para nós, a lección do Art. 47 é que os dereitos humanos só existen cando se loita por eles.


Cando o Concello, a Xunta, o Estado comercian cas nosas vidas, están a facer negocio cos nosos dereitos.


Este venres 17 concentrarémonos nas sedes do IGVS na Coruña (12:00hrs), Lugo (12:00hrs), Compostela (10.30hrs.), Ferrol (12:00hrs) e Ourense (12:00hrs), porque está claro que diante do terrorismo institucional teremos que ser nós quen construamos e conquistemos os nosos dereitos. Nin casas sen xente nin xente sen casa!

Saúde e vivenda Digna !
Si se pode !  #Limite24D


Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||||||

Enlaces relacionado
s:

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos. | Acceder.

Acción de denuncia e protesta, convocada para o vindeiro venres 17 de Outubro, ás 12 do mediodía, diante do Edificio da Xunta, en coordinación co resto de PAHs e STOPs de Galiza, para evidenciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social

| Acceder.
||||||||||||||||||||||

xoves, 16 de outubro de 2014

Acción de denuncia e protesta, convocada para o vindeiro venres 17 de Outubro, ás 12 do mediodía, diante do Edificio da Xunta, en coordinación co resto de PAHs e STOPs de Galiza, para evidenciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social

Acción simultanea e coordinada co resto de PAH's e STOP's de Galiza, para denunciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social e negar-se a facilitar o censo e estado das vivendas de propiedade pública baleiras.

Como no resto das cidades da Galiza, en Ferrol, vai ter lugar unha concentración de denuncia e protesta.

Data: Venres 17 de Outubro.
Hora: 12 do mediodía.
Lugar: Praza Amada García, diante do edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Obxectivo: denunciar e protestar pola actitude do IGVS de non adxudicar vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social e negar-se a facilitar o censo e o estado das vivendas de propiedade pública baleiras nos concellos das comarcas. E presentar un escrito coas demandas no citado organismo.

O pasado 8 de outubro, recebemos unha comunicación-proposta do Grupo de Stop Desafiuzamentos da Coruña, dirixido tamén ao resto de PAH's e STOP's de toda Galiza. Formulan a convocatoria dunha mobilización simultanea diante de todas as delegacións do IGVS, para "evidenciar a actitude inhumana do IGVS ao poñer tódalas trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social, salientar que non está a cumprir ca lexislación elaborada especificamente para apoiar ca xestión dunha vivenda ás persoas en risco de desafiuzamento, e demandar que aclaren publicamente de cantas vivendas dispoñen e cales son exactamente os criterios de adxudicación, xa que parece que ninguén lles parece axeitad@ para concederlle unha vivenda, por moi dramática que sexa a súa situación". Pedían "que ese día se realicen tamén mobilizacións de denuncia contra o IGVS en tódalas cidades e vilas galegas nas que sexa posíbel, é dicir, unha especie de acción coordenada descentralizada das PAH´s e STOP´s de Galiza".

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, como a maioría de STOP's e PAH's de Galiza, decidiu secundar a convocatoria simultanea e coordenada.

Ademais das vivendas públicas municipais de Recimil, das que o Goberno Municipal de José Manuel Rey Varela, vulnera constantemente o seu Regulamento, aquí en Ferrol, hai moitas vivendas que son do IGVS das que non sabemos cantas hai baleiras. Teremos que pedir á Xunta de Galicia que informe de cantas hai e da súa situación.

En Ferrol acordamos secundar a convocatoria polo que nos imos concentrar o vindeiro venres 17 de Outubro.

Nin casas sen xente nin xente sen casa!

Saúde e vivenda Digna !
Si se pode !  #Limite24D

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||||||

Enlace relacionado
:

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos. | Acceder.

_________________________

venres, 3 de outubro de 2014

Os últimos datos do INE confirman o fracaso das medidas-parche do PP e a vulneración do dereito á vivenda

Hoxe publicáronse os datos do segundo trimestre sobre execucións hipotecarias. As cifras publicadas polo INE confirman, unha vez máis, que as medidas tomadas polo PP non fan máis que agravar a situación deemerxencia habitacional e de vulneración de dereitos humanos en materia de vivenda en todo o territorio de Estado.

Segundo os datos oficiais, no 2º trimestre de 2014 iniciáronse 32.960 execucións hipotecarias. Do total de execucións, 19.155 son vivendas, é dicir, case o 60%, e destas, máis do 50% son de vivenda habitual. Todos os datos facilitados pola administración indican que as execucións hipotecarias, lonxe de diminuír van en aumento. En total, estamos falando de que acumulamos máis de 550.00 execucións hipotecarias iniciadas desde 2007. E todo iso sen contabilizar os datos relativos ao aluguer, un drama crecente.

Antes de analizar os datos queremos denunciar, unha vez máis, que as cifras chegaron tarde e seguen sendo incompletas e insuficientes.

Os datos do INE unicamente distinguen entre persoa física e xurídica no caso de procedementos de execución hipotecaria iniciados no trimestre, en cambio non se especifica esa distinción nas cifras de desahucios.

Non se recollen datos clasificados por criterios básicos como o perfil das familias, si hai menores ou a situación laboral.

Non se inclúen tampouco estatísticas relacionadas coa pobreza enerxética ou o impacto na saúde que están sufrindo as persoas afectadas por esta constante vulneración de DDHH.

Nas PAHs levamos desde 2009 denunciando a falta de datos cuantitativos e cualitativos referentes ao procedemento de execución hipotecaria e a clara intencionalidade de facer invisíbel o drama dos desafiuzamentos e a vulneración sistemática do dereito á vivenda e os dereitos humanos por parte das administracións públicas. Non recoller datos estatísticos de calidade é unha decisión política que contribúe a que non se vexan os problemas.

Coa intención de paliar esta información cortada, as PAHs presentaron o ano pasado o Informe de Emerxencia Habitacional no Estado español a partir das enquisas realizadas pola xente afectada. Novamente, un paso por diante das institucións e con moi poucos recursos, desde as PAHs e o Observatorio DESC estamos realizando unha enquisa centrada no impacto en saúde e infancia do procedemento de execución hipotecaria que toda a xente afectada pode reencher.

Analizando os datos publicados hoxe -conxuntamente cos datos do CGPJ e do Banco de España- podemos concluír que 7 anos despois do estalido da burbulla inmobiliaria, a emerxencia habitacional no Estado Español lonxe de diminuír, aumenta. As cifras constatan o incremento dos desafiuzamentos e do número de execucións hipotecarias, e que nada do que fixo o Goberno mellorou a situación. As súas medidas-parche son un insulto e unha falta de respecto ás persoas afectadas.

Cunha aval de máis de 1,5 millóns de firmas da cidadanía que dan apoio ás demandas das PAHs non nos cansaremos de esixir unha e outra vez que se aprobe a ILP ante os oídos xordos do goberno do Partido Popular. A ILP é democracia e garantía de dereitos. Así mesmo, desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca tamén queremos denunciar a falta de transparencia por parte do Goberno en canto a datos de execucións hipotecarias refírese.

Mentres o Goberno mira para outro lado e protexe ás entidades financeiras somos a cidadanía organizada a que estamos autotutelando o dereito á vivenda, parando desafiuzamentos, arrincando dacións, condonacións e alugueres sociais ás entidades financeiras e producindo datos de calidade para dar luz ao drama das execucións hipotecarias. Até que non se faga efectivo o dereito á vivenda e as nosas medidas de mínimos non estean reguladas, as PAHs continuará nos xulgados, nos Concellos, nas rúas e onde faga falta.

¡Si se pode!

Estatística sobre Execucións Hipotecarias publicadas polo INE, do 2º  trimestre 2014. | Acceder/Baixar.

Enviado pola web estatal das PAHs o 30 de Setembro de 2014

|||||||||||||||||||||