martes, 15 de outubro de 2013

O pulso entre a PAH e a SAREB polo dereito á vivenda - Co #blocSalt si se pode dicir basta ao roubo do Banco Malo


O Bloc Salt convértese hoxe e mañá no campo de batalla dunha loita polos dereitos fundamentais que está librando a cidadanía fronte ao expolio da SAREB


Fai oito meses 16 familias recuperaron esperanza para as súas vidas grazas á PAH. Desafiuzaran-nas e chamaron a todas as portas, pero ninguén lles deu unha segunda oportunidade.

Na súa mesma cidade, como en todas, había miles de vivendas sen uso. Vivendas baleiras e familias na rúa. Un feito máis que xustificado para recuperar un edificio de 15 vivendas propiedade de Banco Mare Nostrum, que levaba tres anos baleiro, en Salt (Girona). Daquela o Banco Mare Nostrum, como outros bancos, foi rescatado polo Goberno con diñeiro público e moitos dos seus pisos quedaron no banco malo: a SAREB.

Mañá 16 de outubro teñen data de desaloxo das súas vivendas impulsado polo actual propietario, a SAREB. Un macro-desafiuzamento de 43 persoas de vez.

Esgotáronse todas as vías para evita-lo, pero nin a xuíza, nin a SAREB escoitan. Tampouco o Goberno, nin a Generalitat. Fronte a institucións erradas a PAH está facendo o que calquera goberno que se diga democrático debería facer.

Cada desafiuzamento é imperdoábel. Os políticos negan unha realidade que cada dia é máis a regra: moita xente ten que abrir pisos cada día porque ou o fai, ou dorme baixo a ponte.

Por iso, que se desafiúce a 16 familias con criaturas de pisos que estaban baleiros para vende-los a prezo regalado aos inversores internacionais é un escándalo. É un escándalo cando ademais hai máis de 3.000.000 de vivendas baleiras no Estado.

A SAREB literalmente rouba a toda a poboación. Ninguén entende que pisos pagos con diñeiro público dos rescates, sirvan para especular en fondos voitres, no canto de dar-llos aos que os necesitan. É inaceptábel que desde a administración se rescate aos bancos e non ás persoas. É innegábel que está sendo a cidadanía organizada a que está rescatando ás persoas, malia os bancos.

É sinxelamente inhumano que a SAREB desafiúce á xente, mentres os seus directivos cobran ata 500.000 euros (por exemplo a súa presidenta, Belén Romana) e o Goberno lava-se as mans e fai oídos xordos ao reclamo xeneralizado de respectar o dereito á vivenda.

Por todo isto, facemos unha chamada a toda a poboación para que veña a Salt hoxe e mañá a loitar polos dereitos máis esenciais. Será un momento de forza colectiva onde a xente do montón defenderemos-nos dos que nos rouban, onde faremos valer os nosos dereitos.

Centenares de persoas deron xa o seu apoio. Hoxe facemos públicas tamén todas estas adhesións ao manifesto.

Veñen autobuses de máis de 60 PAH de Catalunya, comPAHs do resto do estado, artistas que nos brindan o seu apoio coa súa música, xente a nivel particular, 100 bombeiros da Generalitat de Catalunya, deputados que deron o seu apoio. Os que non poidan vir, desde a distancia estarán atentos ao que pase en Salt e ao que faga a SAREB.

Os dereitos conquístanse loitando e evitar o desaloxo do Bloc Salt é unha vitoria necesaria na conquista cotiá do dereito á vivenda.

Esperámosche en Salt.
Ningunha familia máis na rúa!
Si a SAREB é nosa, as súas vivendas tamén.
Defendamos o bloque da Obra Socia da PAH.

Enviado polas PAHs o 15 de Outubro de 2013

________________