Boas tardes, tras parar o desafiuzamento de Elisabeth o Martes 8, a coordinación institucional necesaria pra solución do presente conflicto convertiuse nunha empresa fabulada ao abeiro dos acontecementos sucedidos ao longo destes días.
Sorprende a parsimonia do órgano xudicial para dar resposta a un requerimento da Consellería de Traballo e Benestar ante unha situación de emerxencia como a que estamos a vivir. Emerxencia pola nula marxe temporal da que se dispón (o desafiuzamento, marcado para onte, non tivo lugar simplemente pola presión social na rúa, que o parou no momento en que se ía producir a notificación) e pola situación da propia afectada, Elisabeth, tal e como recoñece a Consellería de Traballo e Benestar e o propio Xulgado de 1ª Instancia nº 9.
En vista desta emerxencia, non nos explicamos a sucesión dos acontecementos: o venres 4 de outubro o xuíz notifica unha posible situación de vulnerabilidade social e remite á Consellería de Benestar e Traballo; a Consellería no mesmo día constata a falta de tempo material para actuar, e o luns 7 envía un fax solicitando a suspensión do desafiuzamento. Tendo en conta que o día 7 era festivo local na cidade da Coruña, e entendendo que o xulgado competente tiña esta notificación dende o día 8 (data marcada para o desafiuzamento) a primeira hora, que se fixo dende o xulgado ata o día de hoxe? Pasaron dous días e Elisabeth non ten ningunha notificación oficial de que o desafiuzamento fose suspendido.
O único que queda é que o xuíz se pronuncie inmediatamente para que a Consellería de Benestar e Traballo e os Servizos Sociais do Concello da Coruña acaden unha solución axeitada para Elisabeth. Ata entón, seguiremos resistindo.
Grazas pola vosa atención,
STOP Desafiuzamentos A Coruña
Correo-e:
desahucios.coruna@gmail.com
Blogue:
http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/
Facebook:
https://www.facebook.com/pages/STOP-DESAHUCIOS-A-CORU%C3%91A/216065495111451
Twiter:
https://twitter.com/Desahuciocoruna
Grupo de stopdesahucios de A Coruña
@desahuciocoruna
https://n-1.cc/pg/groups/
|||||