xoves, 29 de novembro de 2012

Se queren resolver o problema dos desafiuzamentos, escoiten á Plataforma Afectad@s pola Hipoteca

A banca dita, o goberno redacta un Decreto Lei
Carta da PAH ao Goberno Español: se queren resolver o problema dos desafiuzamentos, escoiten á PAH

O Pleno do Congreso dos Deputados decide hoxe xoves, 29 de novembro, sobre a convalidación ou derrogación do "Real Decreto de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedor hipotecarios", nome co que se designa a recente moratoria parcial de desafiuzamentos aprobada polo Goberno.

Desde a PAH recordamos que este Decreto non só non vai resolver o problema dos desafiuzamentos, senón que até pode empeoralo.

En primeiro lugar, esta moratoria é insuficiente porque exclúe á maioría de xente afectada a través de requisitos que son arbitrarios e discriminatorios (así por exemplo, poderá acollerse unha familia cun neno menor de tres anos, pero non outra en idénticas condicións económicas con dous nenos de 4 anos). Todas as persoas que poden perder a súa casa por motivos económicos alleos á súa vontade, son casos vulnerábeis. É significativo que dos casos de suicidio por desafiuzamento que fixeron saltar todas as alarmas nas últimas semanas, ningún podería acollerse ao decreto.

En segundo lugar, non aborda o problema da débeda: só prevé unha moratoria do desafiuzamento como máximo durante dous anos nuns poucos casos. Durante ese tempo, os intereses seguirán aumentando e cando termine a moratoria a débeda será aínda maior. Tampouco di nada sobre a xente xa afectada polas 400.000 execucións hipotecarias que xa se realizaron en todo o Estado e que son as que xeraron este debate. Miles de persoas condenadas a ser proscritas financeiras para sempre, con débedas ilexítimas e impagábeis.

En terceiro lugar, o Decreto pode empeorar a situación porque ignora que toda a xente afectada por desafiuzamento de vivenda habitual é un caso de extremada vulnerabilidade. Perder a propia casa sen ter onde ir é do peor que lle poida suceder a unha persoa ou familia. Por iso, todas as persoas afectadas atopan-se nunha situación de desesperación. Tendo en conta isto, o decreto pode provocar que algunhas destas persoas acaben atentando contra a súa propia saúde para cumprir co requisito de "enfermidade grave", ou que decidan ter un fillo para entrar na categoría de "familia con fillo menor de 3 anos", ou ate que se produzan denuncias falsas de violencia de xénero, xa que é outro dos criterios de "vulnerabilidade" establecidos polo decreto. Así, esta medida pode acabar causando máis dano do que supostamente ía resolver.

En calquera caso, sempre se está a tempo de rectificar. E aínda que sexa tarde, o drama dos desafiuzamentos e as débedas hipotecarias que afecta a miles de familias require medidas urxentes que realmente resolvan a situación. Por iso instamos ao Goberno a que escoite á PAH: se algo temos, é coñecemento exhaustivo e experiencia na materia. Non só: as nosas demandas contan co respaldo da maioría da poboación e, a diferenza dos bancos, as nosas opinións non están contaminadas por intereses especulativos senón que perseguen a realización dos dereitos humanos e o benestar xeral.

Se realmente queren resolver o problema, escoiten á PAH.

Achegamos carta formal dirixida ao Goberno do Reino de España:
|Carta ao Goberno|.

Publicado por afectadosporlahipoteca en 29 novembro 2012

Sobre o Real Decreto, no blogue da Plataforma Estatal:
***