xoves, 29 de novembro de 2012

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país


O grupo parlamentario asegura que a dramática situación actual impón a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país.

Os membros do Grupo Parlamentar consideran intolerábel a situación social que se vive no noso País, resultado da vaga de desafiuzamentos que enchen a cotidianeidade dramática das familias traballadoras. Esta situación imponnos a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas para evitar unha problemática inxusta que está a causar alarma social, pobreza e marxinalidade, e mesmo mortes. Os datos semellan un berro elocuente encol dunha realidade que antepón o lucro privado aos dereitos recollidos na Constitución e no Estatuto.

Alternativa Galega de Esquerda acredita a urxencia de modificar a legalidade de maneira que resolva tanto a situación das familias que están a piques de sufrir a perda da súa vivenda canto permita atender a situación das familias que xa a perderon.

No noso País a media de desafiuzamentos diarios é de 16, segundo os datos proporcionados polo arquivo estadístico do Consello Xeral do Poder Xudicial, que recolle a perda da vivenda ou local comercial por parte de 3.037 propietarias e propietarios no primeiro semestre do ano. Os datos son moi superiores aos dos anos pasados a causa tanto da dureza da crise canto da veracidade e completitude dos mesmos, en canto recollen tamén os lanzamentos acordados nos xulgados de primeira instancia. Nos primeiros seis meses deste ano formalizáronse 1.320 casos de execucións hipotecarias. As cifras oficiais, nada sospeitosas de tentar provocar alarma social, son estarrecedoras: dende 2008 ordenáronse 7.367 execucións que remataron en desafiuzamentos en 5.994 dos casos. Estas cifras impóñennos actuar a favor das persoas e familias afectadas por esta problemática.

Os últimos pronunciamentos públicos de diferentes entidades oficiais apuntan á urxencia para reformar unha lexislación que ampara hoxendía múltiples abusos do poder financiero. As propostas presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial ou a iniciativa da Avogacía Xeral da Unión Europea dan razón aos grupos políticos e ás entidades de loita social que vimos denunciando e contrapropoñendo diversas iniciativas neste senso dende hai varios anos.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda acredita na necesidade de modificar en profundidade a lexislación para evitar inxustizas flagrantes e escandalosos procedementos sumarios para botar as persoas das súas casas, para protexer aos debedores fronte os abusos das entidades financieiras que socorremos de cote con milleiros de millóns de cartos públicos, de xeito que sexa efectivo o dereito constitucional a unha vivenda digna en todos os supostos de desafiuzamentos por insolvencia das persoas residentes.

O Grupo Parlamentario considera que cómpre tramitar con urxencia e participadamente as medidas suficientes que eviten que ningunha persoa máis fique na rúa, sen un teito, e para que ningunha persoa afogada polo drama da perda da súa vivenda se suicide. “Se non modifican políticas que levan á xente a suicidarse, estamos santificando políticas criminais” concluíron.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que se establecen os seguintes puntos:

1.- Que a Xunta de Galiza suspenda por un período de cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen para desafiuzar a calquera persoa residente nunha vivenda deste Instituto en atención á situación de depresión económica na que nos atopamos e ás súas secuelas en termos sociais e económicos.

2.- Que se consitúa unha Comisión Galega contra os Desafiuzamentos coa participación dos grupo políticos e entidades sociais que traballan nestra problemática para mediar nos casos en que o procedemento ameace coa perda da vivienda a persoas afectadas e achegue solución en todos os casos para evitar o desafiuzamento.

3.- Que se inste ao Goberno do Estado a modificar a Lei de Enxuizamento Civil, cunha disposición transitoria para que nos procedementos de execución hipotecaria que afecten á vivenda habitual do debedor ou dos seus familiares directos, que tiveran rematado coa resolución que comporte o desafiuzamento, o xuíz ou xuíza, a petición das persoa afectada ou das administración públicas competentes na materia dos servizos sociais ou de oficio, deberá decretar a suspensión da dilixencia de desafiuzamento, ate que as partes intervintes ou as administración públicas competentes non presenten un acordo ou proposta que garanta o dereito da persoa afectada a seguir a dispor da mesma ou distinta vivenda nas debidas condicións de habitabilidade e vecindade, mediante título que asegure estabilidade residencial por un período mínimo de cinco anos e nas condicións económicas axustadas ás posibilidades da persoa afectada.

4.- Que esta suspensión se acordará tamén nos procedementos nos que xa se tentara unha ou máis veces o lanzamento e queden pendentes de practicalo.

5.- Que se introduza un procedemento incidental, polo que as persoas titulares de vivendas nas que teñan a súa residencia habitual ou a dos seus familiares directos, e que se atopen hipotecadas, poidan instar á suspensión temporal do pagamento das cotas, sen acreditación de novos intereses, por xusta causa consistente en situación de paro, accidente laboral, larga enfermidade, desgraza familiar ou infortunio semellante, sen ingresos mínimos suficientes para atender ás necesidades alimenticias e as cotas hipotecarias, e namentres se manteña a situación de emerxencia ou as autoridades competentes en materia de servizos sociais e de vivienda, presenten unha solución que garanta o dereito a dispor dunha vivenda digna.

6.- Que se introduzan as medidas legais e regulamentarias necesarias para que NOVAGALICIA BANCO, en tanto que entidade financeira intervida polo Estado e que inclúe activos inmobiliarios residenciais, poña de xeito inmediato a disposición das autoridades galegas e locais o dereito de uso- por un tempo máximo de cinco anos- das vivendas baleiras e que reúnan as condicións de habitabilidade cando así sexan requeridas por resolución que xustifique a necesidade de dispor das mesmas para atender as necesidades de aloxamento de persoas e familiares que perderan o uso dunha vivenda ou se atopen en risco inmediato de perdela por causa dos procedementos de desafiuzamentos xa executado ou por desafiuzamentos arrendaticios.

7.- Que tanto para a elaboración da normativa que se propón nesta Proposición non de Lei canto para a reforma lexislativa instada se faga partícipe ás Plataformas de Afectados pola Hipoteca (PAH) que polo seu traballo social desenvolto nestes anos nos procesos de solidariedade coas familias afectadas coñecen en profundidade a súa realidade e as necesidades derivadas da mesma.

Compostela, 28 de Novembro de 2012

Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda

Publicado por:

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR
Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio á coalición Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com

***