venres, 21 de decembro de 2012

Xuntanza co Valedor do Pobo en Compostela


O pasado 20 de Decembro de 2012, unha representación da 'Comisión Dereito a unha Vivenda Digna - Stop-Desafiuzamentos', da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, reunimos-nos co 'Valedor do Pobo' en Compostela. Esta reunión foi a petición da mesma institución, en continuidade da primeira que se realizara no mesmo lugar o pasado 16 de Novembro. Na última xuntanza estiveron presentes por parte da institución, o propio Valedor, José Julio Fernández Rodríguez, con dous membros da súa equipa de traballo. Por parte das plataformas, foron oito representante, ademais da de Ferrol Terra , estiveron as das comarcas de Compostela  e Barbanza .

A xuntanza foi de traballo, como a anterior, onde os membros da institución escoitaron as nosas reivindicacións e un número importante de casos concretos de inxustiza social, por aplicación das inxustas lexislación que condenan a moitas persoas á pobreza e exclusión social.

O Valedor nun primeiro momento, sintetizou, o seu posicionamento, respecto da situación e ademais fixo chegar ás diferentes plataformas cidadás, dous documentos: un datado o 4 de Decembro de 2012, que refire-se ao posicionamento da instituión galega, titulado "Propostas do Valedor do Pobo para tratar o grave problema dos desafiuzamentos da vivenda habitual" e un segundo, datado o 17 de Decembro de 2012, titulado "Medidas propostas polos defensores para a protección eficaz do Dereito Constitucional á vivenda en tempos de crise",  froito do tratado nunhas xornadas acerca  do problema dos desafiuzamentos, celebradas en Oviedo, o pasado 14 de Decembro, onde participou o mesmo Valedor, xunto a un representante do Defensor do Pobo (Estatal) e todos os defensores das comunidades autónomas. Xornadas onde consensuaron o Documento ao que antes faciamos referencia. De ambos documentos achegamos os enlaces onde se pode acceder, para ler ou baixar.

Por outra banda, expuxo que a súa equipa de traballo, estaba realizando xestións e actuacións concretas, sobre casos que lles pasamos as diferentes plataformas cidadás desde a pasada reunión do 16 de Novembro.

Perante as dúas horas de xuntanza, debatemos sobre as diferentes reivindicacións que desde as plataformas vimos demandando.  E sobre situacións moi inxustas que se viñan sucedendo.

Desde as diferentes plataformas concluímos na necesidade de incidir no cambio na lexislación vixente: derogación da Lei Hipotecaria e a reforma da da Lei de axuizamento Civil e do Código Civil; de manter até as últimas consecuencias a aceptación da dación en pago retroactiva, acompañada da opción do aluguer social; a creación dun parque público de vivendas para moitas persoas e familias en situación de desamparo na que se atopan afectadas polas execucións dos desafiuzamentos e para garantir o dereito a unha vivenda digna que todas e todos temos; a necesidade de coñecer o censo do parque de vivendas de propiedade pública (cantas, onde, características e en que condicións); contar con Puntos Comarcais ou Municipais de Atención e Defensa, onde a cidadanía afectada poda atopar un lugar de información, asesoramento e defensa, financiados polas diferentes administracións públicas e en colaboración cos diferentes colexios de advogad@s; seguir mantendo o compromiso de colaboración recíproca e por último pediu-se-lle á institución un compromiso público coa ILT (Iniciativa Lexislativa Popular pola dación en pago retroactiva, a paralización dos desahucios e polo aluguer social) que está previsto que se aborde no Congreso do Deputad@s, en Madrid, o 25 de xaneiro de 2013.

A xuntanza rematou co compromiso de manter aberta a canle de comunicación entre as partes e coa entrega dun directorio de telefonos, correos-e, enderezos nas redes sociais e web das diferentes plataformas que se constituíron na Galiza, así como a entrega dunha información sobre o libro "Vidas Hipotecadas - Da burbulla inmobiliaria, ao dereito á vivenda", libro que nos revela a gran estafa inmobiliaria en todo o territorio do Estado. Escrito por dúas persoas cofundadoras da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Ada Colau e Adrià Alemany, e prologos de Gerard Pisarello e José Coy. Traducido do catalán ao castelán por Mariano Veloy. Libro, baixo licenza Creative Commons, que se pode baixar da rede de balde: "Vidas Hipotecadas", 240 páxinas en formato pdf.


Documentos citados, entregados polo Valedor do Pobo na reunión celebrada o 20 de Decembro de 2012.
"Propostas do Valedor do Pobo para tratar o grave problema dos desafiuzamentos da vivenda habitual", Compostela | 04.12.2012.

"Medidas propostas polos defensores para a protección eficaz do Dereito Constitucional á vivenda en tempos de crise", Oviedo | 17.12.2012.


Fotos da anterior reunión do pasado 16 de Novembro de 2012.




||||||||||||