sábado, 29 de decembro de 2012

Stop-Desafiuzamentos manifestou-se en Ferrol contra os desafiuzamentos e o acoso bancario


Stop Desafiuzamentos (Comisión Dereito a unha Vivenda Digna),  que forma parte da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, realizou unha Manifestación, en Ferrol, este Venres 28 de Decembro, contra os desafiuzamentos e o acoso financeiro.
A mobilización, estaba encadrada dentro dunha convocatoria xeral que de forma coordinada, acordamos as diferentes plataformas e colectivos que actuamos na Galiza, tendo lugar manifestacións e concentracións, na Coruña, Compostela, Vigo, Ribeira, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Eran ás 7 da Tarde
, cando comezou a xuntarse un número importante de persoas na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo que a Xunta de Galicia ten en Ferrol. A manifestación saía minutos despois  pasando pola Rúa Real, para rematar diante do Pazo Municipal, na Praza do Concello, onde Lucía Vizoso, da Marcha Mundial das Mulleres, deu lectura ao Manifesto Unitario, logo pasou-se a micro-aberto, onde varias persoas tomaron a palabra.

Co lema "Nin casas sen xente, nin xente sen casas", transcorreu polas rúa de Ferrol, a manifestación promovida pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Ademais de varias entidades veciñais e sociais, a manifestación contou co apoio expreso da CIG. Con forza e convicción, partiu a manifestación clamando por alugueiros sociais e contra a inxustiza dos desafiuzamentos que condenan ás persoas a exclusión social e á pobreza. Desafiuzmentos que tamén matan, "Non é un suicidio, é un banquicidio", era un dos berros da marcha popular. Trece  rostros en papel acompañaban a manifestación, eran os do Alcalde, José Manuel Rey Varela, e o resto d@s concelleir@s do Partido Popular -PP, que no Pleno Municipal de Novembro, rexeitaron as mocións que pedían que: o Concello de Ferrol instara ao Goberno de Rajoy, á derrogación da Lei Hipotecaria e a reforma lexislativa que acabaran coa lacra dos desafiuzamentos e co acoso financeiro; e outra serie de medidas sociais para solucionar o drama dos desafiuzamentos. Daquela, atendendo ás nosas demandas, só aceptara unha bolsa de pisos baleiros de Recimil para familias sen recursos e que antonte, ao mesmo tempo que Stop-Desafiuzamentos facía a súa rolda de prensa, anunciou, no seu desequilibrado "Plan de oportunidades", rehabilitar unhas escasas 10 vivendas, para o que orzamentaron 300.000 euros.

A marcha popular, pasou pola rúa Real e subiu pola Rubalcava, para rematar ante o Pazo Municipal, na Praza do Concello. A cada consigna coreada seguía un redobre de tambor. Xa na Praza comezou-se coa lectura do manifesto que entre outras cousas se dixo-se:
... "Poderiamos falar de cifras. Na Galiza desde 2008 ordenáronse 7.367 execucións, das cais -en datos de Xullo- 5.994 remataron en desafiuzamentos. Máis de 400.000 execucións hipotecarias efectuáronse dende 2007, a nivel de Estado. Poderiamos falar do número de suicidios que esta situación xerou, ou nomear o artigo 47 da Constitución española. Poderiamos... Pero nesta xornada preferimos falar de inxustiza social, dos culpábeis deste sistema asasino e das solucións que nos permitan ter unha vivenda digna"...

... "Inxustiza social, porque levamos anos escoitando a palabra CRISE, palabra que foi empregada como arma culpabilizadora contra as familias que inxustamente somos acusadas de vivir por riba das nosas posibilidades. As familias desafiuzadas non son culpábeis senón vítimas, dun sistema financeiro atroz que prima a acumulación de capital por riba dos dereitos individuais e colectivos de todas e todos nós "...

... "Os culpábeis desta situación non son entes abstractos. Non son primas de risco, nin subidas ou baixadas do Euribor. Os culpábeis son os executeores das políticas neoliberais e os banqueiros que durante décadas só se preocuparon de encher o peto, sen pensar nin un intre no tipo de crecemento económico que estaban a xerar. Esta burbulla inmobiliaria estoupou pero non nos mollou a todos por igual. Mulleres, migrantes, menores, obreiros e obreiras, somos os que estamos a pagar os atropelos dos Aznar, Botíns, BBVs, Zapateros e Rajoys" ...
Por último cedeu-se o micro a todas as persoas que quixeron expresar a súa opinión, análise ou indignación. Reforzar o movimento popular, cun chamado a participar nas asociacións e organizacións da localidade; a narración en primeira persoa da realidade vital dunha vida sen dereito ao traballo nen á vivenda; a necesidade de complementarse e abandonar a dinámica de competitividade entre as organizacións de esquerdas, ou a crítica ante a ausencia de moitos dos traballadores e traballadoras de Navantia, Sanidade ou Ensino que vendo ameazados os seus dereitos, non están a incorporarse na defensa colectiva de todas e todos os afectados por esta situación. Estas foron algunhas das ideas vertidas nesta rolda de intervencións a micrófono aberto que fechou esta mobilización cidadá.

A noticia no Diario de Ferrol.

A noticia en La Voz de Galicia (Non a publica na súa edición dixital).

Fotos de Susete'70.

|||||||||||||||||