sábado, 13 de xullo de 2013

Os incumprimentos do goberno municipal con respecto da entrega das vivendas de Recimil, entra nos xulgados - A compañeira Piti presentou unha demanda


Por ser de interese para toda a Rede de Apoio Mutuo, transcribimos a seguinte noticia publicada no xornal comarcal Diario de Ferrol, desde aquí desexar á compañeira Piti que se faga xustiza e se condene ao goberno municipal, e con esta acción axude a todas e todos a conseguir os nosos obxectivos dunha vivenda digna e adecuada.


Unha muller que está á espera dun piso municipal demanda ao Concello de Ferrol

Unha veciña de Ferrol acudiu onte aos xulgados para presentar unha demanda contra o Concello de Ferrol por entender que se está incumprindo o regulamento de adxudicación das vivendas municipais do barrio de Recimil. Estefanía Pérez Fernández ten dous fillos de 14 e 8 anos, e traballa unha hora e media ao día nunha empresa de limpeza, polo que os pouco máis de 230 euros que cobra ao mes nin sequera permítenlle facer fronte ao aluguer do piso no que viven, que é de 330 euros. A súa situación viuse agravada no presente mes, xa que lle retiraron a axuda familiar que compatibilizaba co seu salario, por mor de realizar unhas horas extras.

Estefanía solicitou unha vivenda municipal en decembro de 2010, cando aínda gobernaba o PSOE. A lista de espera para as adxudicacións non se publicou até xullo de 2012, xa no presente mandato do PP, e ela figura co número 23.

Esta nova nai asegura atopar-se nunha situación moi precaria e quéixase da falta de axuda do Concello. De feito, aínda non lle responderon á solicitude dunha axuda para o aluguer que, por indicación da propia administración local, presentou no pasado mes de maio.

Farta da espera, decidiu acudir á plataforma STOP Desafiuzamentos, pero decidiuse a dar un paso máis presentando no xulgado unha demanda contra o alcalde e os responsables de Benestar Social e Facenda. A fundamenta no incumprimento dunha das cláusulas do regulamento dos pisos municipais, concretamente a referida a que se adxudicará unha vivenda cada vez que exista algunha libre. Estefanía di ter constancia de que na actualidade hai polo menos unha ducia de pisos baleiros, a maioría deles tapiados polo Concello, polo que non acerta a entender por que non se entregan ás familias que están na lista de espera.

Reportaxe de Carmela López | Ferrol | 12 Xullo 2013

Fonte: diariodeferrol.com

Foto: estefanía pérez fernández, onte na porta dos xulgados de ferrol, por daniel alexandre

____________________