mércores, 3 de xullo de 2013

11 de Xullo, na Coruña, Stop desafiuzamentos convoca un acto contra “a criminalización da solidariedade”


As multas impostas a varias persoas que participaron da mobilización que impediu o despexo da anciá coruñesa Aurelia Rei seguen a provocar reaccións en contra. Esas sancións -que recibiron oito activistas -entre eles o portavoz parlamentar do BNG, dous concelleiros, un dirixente da CIG e o bombeiro que se negou a colaborar coa policía forzando a porta- xa foron contestadas mediante o grupo de persoas que acompañou a presentación de alegacións por parte d@s sancionad@s na Delegación do Goberno español e volverá repetirse o próximo 11 de xullo, día no que a plataforma Stop Desafiuzamentos chama a unha concentración -no Obelisco da Coruña, ás 20.00 horas- baixo o lema “Contra a criminalización da solidariedade”.

“Múltannos a nós para asustarte a ti”, asegura a plataforma nun pasquíns que comezan a ser visíbeis polas rúas e nos que se afirma que “as multas responden a un plan xeral de criminalización dos movementos e colectivos sociais que poñen en evidencia a violencia económica que está a exercer o goberno do Estado. Ademais, non é casual que estas propostas de sanción cheguen xusto cando a veciñanza afectada polas obras do Ofimático está en pé de loita”, en referencia a un novo conflito na cidade que xa provocou manifestacións, a última frustrada pola policía.

“Estas sancións son un intento de amedrentar á cidadanía, de disuadirnos para que esteamos calad@s, para que non saiamos ás rúas, para que non nos organicemos para loitar contra a inxustiza. Porque? Porque saben que se nos unimos podemos facerlles fronte, como se demostrou no caso de Aurelia. A cidadanía gañou, e teñen medo de que volvamos gañar unha e outra vez”, asegura na súa convocatoria Stop Desafiuzamentos A Coruña.

Fonte: sermosgaliza.com
_________