Este Mércores 22 de Maio de 2013, ás 11:30hs, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, convoca á cidadanía, diante do Pazo Municipal de Ferrol, a unha concentración de apoio ás 114 familias que están esperando a que o goberno municipal lles adxudique e entregue unha vivenda no barrio de Recimil.
Unha Comisión de persoas afectadas, acompañada por membros da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, despois de case un mes de espera e ter que reiterar a solicitude, mantivemos unha xuntanza co Sr.Alcalde e a responsábel de Benestar Social, o pasado 10 de maio. O Sr. Alcalde, na reunión, non chegou a ningún compromiso con nós, non admitiu, a súa desidia nin despreocupación, só dixo que el era a máxima autoridade no Concello e que iría entregando algunhas vivendas, mais nunca nos prazos que nós marcabamos e menos comprometerse a un calendario concreto. Manifestou que entregar vivendas a todas as persoas que estaban na lista, sería aumentar o problema social que xa de por si ten o propio barrio.
Polo de agora só entregaron dúas vivendas, sen quentador nen cociña e unha delas en non moi boas condicións de habitabilidade. O que quere dicir que o Concello estivo todo este tempo "a velas vir", non estaba habilitando nengunha vivenda, só comezaron ao mobilizar-nos. Non pode ser tanta desidia e tanto engano. Este é un maltrato deste goberno municipal coas familias que están agardando pola vivenda.
As 114 familias que agardan por unha vivenda protexida, son persoas afectadas, porque a falta de sensibilidade, a falta de preocupación e o non asumir, o goberno municipal, as súas responsabilidades, provócanlles un grande prexuízo económico e social. Algunhas familias están pagando alugueres por encima das súas posibilidades reais, outras xa deixaron de pagar, outras viven amontoadas con outros familiares, outras viven en condicións de insalubridade, todas agardando por unha vivenda municipal en Recimil.
As nosas accións están encamiñadas a conseguir unha morada onde poder vivir, demandamos unha solución xa.
O vindeiro Mércores 22 de Maio mobilizamo-nos para:
- Queixar-nos da desidia do goberno municipal á hora de poñer a disposición da cidadanía o parque de vivendas municipais baleiras e en condicións de ser habitadas.
- Queixar-nos de que non tiveran elaborado, aínda, o censo de vivendas municipais baleiras do barrio de Recimil.
- Queixar-nos de que unha vez baremadas as persoas e elaborada unha listaxe definitiva de 116 persoas admitidas, das 267 presentadas, non se puxeran a exposición pública até un ano despois a citada listaxe.
- Queixar-nos de que desde o 10 de xullo do pasado ano 2012 que rematou o prazo de exposición pública e da publicación definitiva da listaxe, non se adxudicara nin entregara ningunha vivenda, até que nos comezamos a mobilizar e denunciar ao goberno municipal pola súa desidia e xogar cos dereitos e vida das persoas.
- Demandar ao Concello o cumprimento das ordenanzas municipais en materia de vivenda, en canto ao deber de conservación dos inmóbeis da súa titularidade. Poñendo a disposición medios económicos suficientes (modificación orzamentaria se fose necesario), propios ou en convenio con outras administracións, para habilitar o parque de vivendas municipais.
- Demandar do Concello que exerza as facultades públicas de deslinde e determine dunha vez a situación exacta do parque de vivendas públicas municipais, e a posta en condicións de uso inmediata, como se dixo, das que recupera en canto quedan baleiras.
- Demandar a adxudicación e entrega das vivendas xa, segundo o disposto no punto 7 do Artigo 2.- do Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas protexidas do barrio de Recimil. Vivenda que quede baleira debe ser adxudicada, e posteriormente entregada cando estea en condicións de habitabilidade.
- Demandar ao Goberno Municipal un calendario de entrega de vivendas, 30 antes de finalizar Xuño deste ano e o resto antes de comezar o curso escolar no mes de setembro.
- Demandar ao Goberno Municipal a constitución dunha Comisión de Seguimento, onde podamos estar representadas as persoas afectadas a través da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.
Ferrol, a 19 de Maio de 2013
Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.
Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/
Alimentos Solidarios Ferrolterra no facebook:
https://www.facebook.com/BancoDeAlimentosFerrolterra
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||