martes, 31 de maio de 2016

Despois de catro adiamentos quedou visto para sentenza o xuízo de Marcos Guerreiro contra o abusivo IRPH que lle impuso o Banco Santander a través da finaceira UCI - Concentración no exterior dos xulgados


O compañeiro Marcos Guerreiro, demandou á financeira Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) ante as cláusulas abusivas do seu crédito hipotecario, e despois de catro adiamentos quedou visto para sentenza o xuízo que se celebrou onte 30 de Maio, no Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Ferrol,  contra o abusivo IRPH que lle impuxo o Banco Santander a través da financeira UCI.

Marcos solicitou en 2006 un crédito hipotecario, por 116.000 euros, para adquirir unha vivenda, á transnacional financeira, Banco Santander, que llo concedeu a través da súa filial UCI que comparte coa francesa BNP (Banca Nacional de París). Pasados dez anos, a súa débeda coa financeira inmobiliaria, en lugar de diminuír, aumentou, logo de ter pagado perante todos estes anos miles de euros, Marcos sitúa a súa débeda odiosa en 116.139 euros.

José María Erauskin de Stop Desafiudamentos Gipuzkoa, avogado de Marcos que veu expresamente a este xuízo, xunto a tamén avogada Maite Ortiz, denunciou que se aplicara o IRPH (Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios) [1], en lugar do Euribor [2].

A vista centrou-se nun principio en dilucidar se Marcos foi ao Banco Santander a buscar un asesor, como así defende a parte demandada, ou si foi o propio banco (intermediario) o que lle facilitou os servizos da UCI, para a concesión do crédito hipotecario. José María Erauskin, criticou a actitude do banco, non só por derivar o préstamo a súa filial, senón por non informar debidamente e por impoñer o IRPH como índice de referencia (fixado polas propias entidades) e non o Euribor (establecido polo Banco Central Europeo), moito máis beneficioso para a persoa que necesita acceder a un préstamo.

Con toda probabilidade o caso vai-se ter que ver de novo na Audiencia Provincial d'A Coruña, pois a sentenza, sexa favorábel ou non, vai-se recorrer por calquera das partes prexudicadas á instancia xudicial superior, pois esa é a práctica habitual.

Concentración no exterior dos xulgados

Desde as dez da mañá activistas antidesafiuzamentos, organizados na PAH de Ferrol e Comarca e de Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, mantiveron unha concentración, en apoio do compañeiro Marcos e a súa familia, así como para denunciar os abusos bancarios, que empobrecen ás persoas e as deixan con débedas impagábeis de por vida.

Desde o noso sitio na rede, explicabamos polo miúdo a situación de Marcos con respecto ao seu inxusto e ilegal contrato hipotecario:
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!

Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol queremos amosar a nosa solidariedade con Marcos Guerreiro, e a súa familia. E chamamos á mobilización contra os abusos bancarios, por unha outra lexislación hipotecaria e bancaria que teña en conta ás persoas primeiro e non os intereses das grandes corporacións financeiras.

Notas.-

[1]  Os Índices de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH) son indicador en porcentaxe que utilizan as entidades financeiras co que actualizan o tipo de interese das hipotecas con tipos de interese variábeis. O Banco de España publica mensualmente todos os índices a través dunha media das diferentes ofertas do mercado hipotecario que inscribiron os bancos e caixas de aforro. Mais o índice máis utilizado como referencia para as hipotecas a interese variable é o Euribor. | + Info .

[2] O Euribor o índice máis coñecido e utilizado polas entidades financeiras á hora de conceder préstamos hipotecarios, constitúe unha preocupación para moitas persoas que formalizaron unha hipoteca a interese variábel referenciada a ese índice, pois da súa evolución depende a cota mensual da súa hipoteca. O Euribor (Tipo europeo na oferta interbancaria) Este é o índice que deben utilizar os bancos pertencentes á Unión Monetaria Europea cando se prestan diñeiro. Gran parte das hipotecas están referenciadas a este índice. É importante sinalar que o Euribor é o tipo de interese que os bancos se cobran por prestarse diñeiro entre si. Calcúlase cada día pola Federación Bancaria Europea que convoca todas as mañás a 47 entidades bancarias para preguntar-lles, a que prezo están dispostas a ofrecer fondos? A federación recolle as propostas das entidades bancarias, elimina as que se superen por arriba ou por abaixo o 15% e co resto fai unha media aritmética. Esta media é o valor que cada día marca o Euribor. | + Info.

Enlaces de interese:

Agrupación de Afectad@s polo IRPH | Porque non queremos que nin ti nin ninguén máis sexa o próximo DESAFIUZADO. Porque queremos que o IRPH desapareza en todas as súas variantes e non sirva para afectar a máis familias. Porque o IRPH desapareza por ser abusivo. Revisa a túa escritura e si o teu índice de referencia é IRPH ... benvido. | Ir á Web.

Recentes sentenzas comezan a estimar a nulidade da fixación do IRPH como índice de referencia para calcular o tipo de interese dos préstamos hipotecarios, pois entenden que o mesmo é abusivo como consecuencia da inclusión nos préstamos con falta de transparencia sobre o seu funcionamento. | As Sentencias na sección Tribunais da web d@s compañeir@s da IRPH Stop Gipuzkoa, plataforma de afectados polo IRPH, que xurdiu dun grupo de traballo de Kaleratzeak Stop Desafiuzamentos (PAH) en Donostia. | Ir á Web.

INFORME IRPH | ANÁLISE CRÍTICA DO PROCEDEMENTO DE CÁLCULO DOS ÍNDICES IRPH, OU POR QUE DICIMOS QUE O IRPH É MANIPULABLE E FALTO DE TRANSPARENCIA. | J.E. - Donostia, 19-02-2014 | En formato pdf de 10 páxinas. | Acceder/Baixar.

||||||||||||||