martes, 31 de maio de 2016

Concentración Stop Desafiuzamentos Compostela en apoio a Mónica e Xoan, fronte o Banco Pastor (R/Fonte do Santo Antonio, 21) este mércores 1 de Xuño, ás 10 da mañá


Concentración Stop Desafiuzamentos Compostela en apoio a Mónica e Xoan fronte o Banco Pastor - Grupo Popular

Día: mércores 1 de Xuño.
Hora: ás 10 da mañá.
Lugar: R/Fonte do Santo Antonio Nº 21 (Banco Pastor - Grupo Popular).

Ante a negativa do Banco Pastor, ou Banco Popular, de conceder a dación en pago a Mónica e Xoan vémonos na obrigación de lembrarlles que a dación en pago está recollida no Código de Boas Prácticas ao que eles voluntariamente se adheriron.

A razón da negativa é que, segundo din, non se trata da súa vivenda habitual.... Efectivamente, esta parella, como tantas outras, emigrou a Canarias en busca dun futuro mellor para eles e para os seus fillos. En Canarias atoparon traballo, e despois dun tempo decidiron mercar un piso, para vivir nel de paso que se vai formando o patrimonio familiar. O que encaixa coa idea que tiñamos entón: pase o que pase, a vivenda nunca baixa.

Pero chegou a crise e o soño se esfumou. Sen traballo, sen familia á que botar man, non quedou máis remedio que volver "un tempo" para atopar solucións. Pero as solucións non aparecen e a situación económica empeora.

O verdadeiro problema non é que non sexa a súa vivenda habitual, o verdadeiro problema é que ese piso que antes custaba sopotocientos mil euros agora devalouse, vale menos, e polo visto, o banco considera que mellor que dación en pago, é quedar co piso a través dunha execución hipotecaria e deixarlles unha débeda a Mónica e a Xoán, que nunca poderán pagar, pero que lles foderá a vida...

Nós opinamos que non, que o desafiuzamento xa o traen posto, que non se pode concibir tanta irresponsabilidade, non só social, senón económica. Xa está ben de malgastar o diñeiro co único propósito de levar á xente á ruína. Os bancos prefiren utilizar o diñeiro público dos tribunais, e o diñeiro público dos rescates nestes combates contra a cidadanía.

A sociedade civil ten que manifestar o seu descontento con estas prácticas amparadas nunha lexislación que xa foi repetidamente condenada por vulnerar os dereitos humanos.

Por iso pedimos á cidadanía compostelá que deixe de mirar para outro lado, que só o factor sorte fai que esteamos nun ou noutro lado, e que empecemos a defendernos destas entidades que non dubidan en machucarnos se con iso conseguen embelecer os seus balances.

Compostela, 30 de Maio de 2016

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/1873494122877734/

--
Stop Desafiuzamentos Compostela
688414403
stopdesahucioscompostela@gmail.com   
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesahuciosCompostela/
______________