mércores, 27 de febreiro de 2013

Stop-Desafiuzamentos ante a proposta de adhesión do Concello de Ferrol ao Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer

Este Xoves o Goberno Municipal de Ferrol, leva ao Pleno unha proposta de adhesión do Concello de Ferrol ao Convenio asinado polos ministerios de Economía e Competitividade, Sanidade e Servizos Sociais, Fomento, Banco de España, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Plataforma do Terceiro Sector (unha entidade que agrupa ás ONGs institucionalizadas que viven fundamentalmente dos Orzamentos Xerais do Estado e do das comunidades autónomas), as patronais bancarias e 33 entidades de crédito, para o acceso a un parque de vivendas desafiuzadas en alugueiro (Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer). Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, ante esta proposta de adhesión ao citado Convenio, quere facer pública a súa posición, coincidente coas de as PAHs que no seu día denunciaron o parche-resolución do Goberno de España sobre os Desafiuzamentos, á que cualificaron de totalmente insuficiente e de parche que só actuaba como propaganda gobernamental ante a vaga de dramáticos desafiuzamentos e varios banquicidios. E un lavado de cara dos bancos e outras entidades financeiras responsabeis da burbulla financeira e estafa xeneralizada.


Presencia no Pleno do Concello de Ferrol

Stop-Desafiuzamentos decidiu estar presente no Pleno e solicitar poder falar no mesmo que está previsto que se celebre o vindeiro Xoves, 28 de Febreiro, ás 7 da tarde.


Posicionamento

Baixo a nosa consideración, este Convenio, fillo do criticado Real Decreto-lei 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes que dicían que era para "reforzar a protección aos debedores hipotecarios", polo cal se instaba, o Goberno Español a si mesmo, "a promover co sector financeiro a constitución dun fondo social de vivendas propiedade das entidades de crédito, destinadas a ofrecer cobertura a aquelas persoas que sexan despexadas da súa vivenda habitual polo non pago dun préstamo hipotecario, cando concorren nelas circunstancias de especial vulnerabilidade", non responde ás espectativas e demandas dos colectivos que vimos loitando contra os abusos bancarios, os desafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna.

Decreto e Convenio que só pretenden eludir a responsabilidade á hora de facer cumprir o disposto no artigo 47 da Constitución Española: "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos". E en concordancia con outras disposicións, tratados, acordos e convenios internacionais subscritos polo Estado Español e que a propia CE establece como normas que forman parte do ordenamento xurídico interno e que o Goberno e Administración ten que garantir o seu cumprimento (Artigos 93, 94, 95 e 96 da C.E.), estes son: a Declaración Universal de Dereitos Humanos; o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos; o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; o Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais; a Carta Social Europea; a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea; normativas todas que declaran, nalgún dos seus artigos ou puntos, o dereito a unha vivenda digna, como un dereito fundamental. Co "Decreto" e co seu fillo nacido ao seu amparo o "Convenio", o Goberno só pretende lavar-se a cara e a das entidades financeiras culpábeis da actual situación, de estafa xeneralizada. Os acordos, non só son totalmente insuficientes para solucionar o drama dos centos de miles de desafiuzamentos, senón que supoñen todo o contrario do que se di que pretenden resolver, pois non protexen os intereses xerais de todo cidadá ao "dereito a unha Vivenda Digna", nen fan asumir ás entidades bancarias a súa responsabilidade social e culpabilidade manifesta nesta dramática situación social de desamparo e empobrecemento xeneralizado dunha parte moi importante da poboación.

Reiteramos-nos, unha vez máis, nas demandas contidas na Iniciativa Lexislativa Popular -ILP, que conseguiu pasar o primeiro trámite en comisións grazas á presión popular exercida na rúa, para ser debatida no Parlamento Español. Dicir que as demandas da ILP son demandas de mínimos: dación en pago retroactiva, aluguer social nas vivendas baleiras acumuladas polas entidades bancarias que se enriqueceron coa crise, e moratoria de desafiuzamentos.

Polo que o noso posicionamento co respecto ao aluguer social é o recollido na proposta de ILP, no seu Artigo 2:

Paralización dos desafiuzamentos e aluguer social


1.- Engádese un novo artigo, 675.bis, á Lei de Enxuizamento Civil:
1. Non se poderá acordar o lanzamento do inmóbel no seo da execución hipotecaria cando se trate da vivenda habitual do executado e cando o impago do préstamo hipotecario sexa debido a motivos alleos á súa vontade.

2. O executado terá dereito a seguir residindo na vivenda a título de arrendamento por un período de 5 anos desde a data da adxudicación.

3. O importe da renda mensual do arrendamento non poderá ser superior ao 30% dos ingresos mensuais do arrendatario
.

Ferrol, a 26 de Febreiro de 2013

Documentación:
Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao alugue
Real Decreto-lei 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios
Texto da ILP proposta polas PAHs e apoia da por 1.402.854 persoas

||||||||||||||||||