mércores, 18 de marzo de 2020

Evolución dos desafiuzamentos na Galiza segundo os datos publicados polo CXPX


En Ferrol pasaron os desafiuzamentos de 120 do ano 2018 a 146 en 2019, mais a maioría son de alugueiro 118 o pasado ano.

Na Galiza produxeron-se o pasado ano 2019, o 4,7% dos desafiuzamentos do total do Estado. Foron en termos absolutos 2.271, fronte aos  48.660. Sendo os desafiuzamentos de alugueiro, moi superiores aos derivados de execucións hipotecarias. Segundo os datos publicados do último trimestre, 410, fronte a 149. Sendo a relación case de 3 lanzamentos de alugueiro por cada 1 de hipotecario.

A falta de suficientes recursos económicos e os abusivos prezos das vivendas, son as causas destes aumentos nos desafiuzamento de vivendas en alugueiro.

 Os datos son referidos en base ao número de lanzamentos practicados polos xulgados, tanto os derivados da aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU) como os derivados das execucións hipotecarias, segundo o estudo "Os efectos da crise económica nos órganos xudiciais" publicado o 9 de marzo pola Sección Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX).

Desafiuzamentos na Galiza por ano.

Período     |   Desafiuzamentos
⇾ 2013     -----    2.404
⇾ 2014     -----    2.519
⇾ 2015     -----    2.432
⇾ 2016     -----    2.384
⇾ 2017     -----    2.493
⇾ 2018     -----    1.709
⇾ 2019     -----    2.271

Desafiuazamentos na Galiza no 4º trimestre.

Período     |   Desafiuzamentos
⇾ 2013     -----    614
⇾ 2014     -----    695
⇾ 2015     -----    610
⇾ 2016     -----    635
⇾ 2017     -----    624
⇾ 2018     -----    645
⇾ 2019     -----    521

Desafiuazamentos na Galiza no 4º trimestre, deferenciado entre alugueiro e execución hipotecaria.

Período     |   Hipoteca     |   Alugueiro
⇾ 2013     -------    149     -----    410
⇾ 2014     -------    211     -----    434
⇾ 2015     -------    236     -----    356
⇾ 2016     -------    194     -----    426
⇾ 2017     -------    175     -----    423
⇾ 2018     -------    135     -----    481
⇾ 2019     -------    071     -----    432

Nota.- As diferencias nas cifras, entre os totais e os separados son por mor dos casos son os lanzamentos por outras causas.

Unha vez pechado o ano 2019, segundo os datos publicados polo CXPX (Consello Xeral de Poder Xudicial), a nivel de Estado producen-se de media 250 desafiuzamentos ao día. O organismo publicou os datos sobre desafiuzamentos do do pasado ano. En canto aos lanzamentos, un 67,5 por cento do total, 36.467, foi consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), mentres que outros 14.193 (o 26,3%) deriváronse de execucións hipotecarias. Os 3.346 restantes obedeceron a outras causas.

As cifras de 2018 comparadas coas 2019, amosan un significativo descenso no conxunto do Estado (o 9,5% menos). No que se refire a Galiza, aumentan en 562 os casos de desafiuzamento (un 32,88%), mais estes datos que amosan un significativo aumento, deben-se a que en 2018, na Galiza tivo lugar unha moi importante folga en Xustiza que durou 114 días.

As cifras de desafiuzamentos son pavorosas, a pesares dos avances na presión social. As sentenzas do TXUE que puxeron en xaque á lexislación hipotecaria española; o pronunciamento de organismos internacionais, como foi o da Comisión de Dereitos Sociais e Económicos de Nación Unidas, na defensa do dereito á vivenda como un dereito fundamental; mesmo en Catalunya, coa recuperación e entrada en vigor da Lei 24/2015, de 29 de xullo, de medidas urxentes para afrontar a urxencia no ámbito da vivenda e a pobreza energética, impidiron un grande número de casos, aínda que Catalunya, segundo a PAH sigue á cabeza en casos de desafiuzamentos co 23% do total estatal, seguida por Andalucía e a Comunidade Valenciana.

Os desafiuzamentos silenciosos

Tanto na Galiza como no resto do Estado, advertimos que malia ser oficiais, os datos publicados polo CXPX, mostran só unha parte da realidade dos desafiuzamentos, pois non se contemplan os desafiuzamentos silenciosos, os que se producen sen orde xudicial.

É o caso das familias que se viron obrigadas a abandonar o seu fogar ante a finalización do seu contrato de alugueiro, ou por falta de recursos económicos suficientes, ao non poder asumir os recibos de alugueiro, e menos as subidas impagábeis da renovación. Por outra banda son miles de familias que teñen o seu proceso de desafiuzamentos conxelado por mor das moratorias das execucións hipotecarias ou agardando unha resolución sobre a cláusula abusiva por vencemento anticipado. Situacións que fan que non aumenten os desafiuzamentos por hipoteca, pero engrosan a lista de espera a unha solución digna, mais que en moitas ocasións so é atrasar a perda do seu fogar por culpa das leis criminais predominantes que permitiron os abusos bancarios.

A moratoria de desafiuzamentos hipotecarios prorrógase ate maio de 2024


Desde o 12 de marzo de 2020, a moratoria de desafiuzamentos hipotecarios prorrógase ate maio de 2024, amplía as posibilidades para acollerse a un maior número de familias en situación de vulnerabilidade e paraliza as execucións hipotecarias das vivendas en mans de fondos voitre e subasteros. Demanda dos movementos antidesafiuzamentos que foi recollida nas medidas do Goberno. Miles de familias estafadas pola banca van-se beneficiar desta medida que alivia  o sofrimento das familas que vían proximo a finalización do prazo inicial que estaba establecido para maio deste ano e agora será para maio de 2024.

Os desafiuzamentos por non pago de alugueiro, pendente dunha moratoria anunciada polo Goberno

Tamén aledamos-nos do compromiso do Goberno a unha nova moratoria para que se poidan acoller os desafiuzamentos por non pago de alugueiro, cerca do 68% do total, aínda que esta medida non vai ser de xeito inmediato, malia a urxencia. Descoñecemos os términos nos que se está suscitando, pero estaremos mobilizadas e atentas para que sexa o máis completa posíbel ata lograr os cambios estruturais necesarios para que se garanta dunha vez por todas o dereito a unha vivenda digna e adecuada.

Conquistar #VivendaPorDereito

Xa se van cumprindo algunhas importantes demandas dos movementos antidesafiuzamentos e por unha vivenda digna e adecuada e outras temos que facer que se cumpran.

⏩  A promulgación dun Real Decreto que inclúa prórroga da moratoria e suspensión de todo desafiuzamento, xa sexa por non pago de hipoteca, de alugueiro ou ocupación, promovido por grandes tenedores de vivenda a familias en situación de vulnerabilidade e sen alternativa residencial adecuada, xunto cunha renovación dos alugueres sociais asinados con entidades financeiras e fondos de investimento.

⏩ Establecemento urxente de mecanismos de interlocución entre a PAH e resto de organizacións sociais co Goberno, que inclúa todos os Departamentos que teñen competencias en materia de vivenda e Dereitos Humanos, para desenvolver o dereito a unha vivenda digna e unha futura Lei de Vivenda.

⏩ Que o Goberno adopte as medidas necesarias para cumprir fielmente o contido dos dictames do Comité DESC de NNUU.

⏩ Un parque público de vivenda social para o alugueiro na Galiza.

⏩ Elaboración dunha Lei Galega de medidas urxentes para afrontar a emerxencia no ámbito da vivenda e a pobreza enerxética. Lei que estea en corcondancia co disposto na Declaración universal dos Dereitos Humanos, no Pacto internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (PIDESC) e as diferentes obserbación sobre o dereito á vivenda do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas (CDESC das NN.UU.), onde se recoñece o dereito á vivenda digna e adecuada, o acceso aos recursos naturais, a auga potábel, ao saneamento e a enerxía (para a cociña, a calefacción e a luz), á protección contra os desafiuzamentos forzosos das persoas sen recursos, facilitando unha alternativa residencial.

Fonte: Propia, do CXPX e da PAH.

Datos estátisticos:

⇾  Series efecto da crisis nos órganos xudiciais ate Cuarto Trimestre 2019.
⇾  Nota de prensa sobre os efectos da crise 4T de 2019.docx.
⇾  Datos de Lanzamentos practicados por Partidos Xudiciais 2013 - 2019.
⇾  Datos dos lanzamentos no Partido Xudicial de Ferrol 2013 - 2019.
⇾  Datos dos lanzamentos nos partidos xudiciais de Galiza 2013 -2019.

Fonte: CXPX.
---