mércores, 27 de febreiro de 2013

Stop-Desafiuzamentos ante a proposta de adhesión do Concello de Ferrol ao Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer

Este Xoves o Goberno Municipal de Ferrol, leva ao Pleno unha proposta de adhesión do Concello de Ferrol ao Convenio asinado polos ministerios de Economía e Competitividade, Sanidade e Servizos Sociais, Fomento, Banco de España, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Plataforma do Terceiro Sector (unha entidade que agrupa ás ONGs institucionalizadas que viven fundamentalmente dos Orzamentos Xerais do Estado e do das comunidades autónomas), as patronais bancarias e 33 entidades de crédito, para o acceso a un parque de vivendas desafiuzadas en alugueiro (Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer). Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, ante esta proposta de adhesión ao citado Convenio, quere facer pública a súa posición, coincidente coas de as PAHs que no seu día denunciaron o parche-resolución do Goberno de España sobre os Desafiuzamentos, á que cualificaron de totalmente insuficiente e de parche que só actuaba como propaganda gobernamental ante a vaga de dramáticos desafiuzamentos e varios banquicidios. E un lavado de cara dos bancos e outras entidades financeiras responsabeis da burbulla financeira e estafa xeneralizada.


Presencia no Pleno do Concello de Ferrol

Stop-Desafiuzamentos decidiu estar presente no Pleno e solicitar poder falar no mesmo que está previsto que se celebre o vindeiro Xoves, 28 de Febreiro, ás 7 da tarde.


Posicionamento

Baixo a nosa consideración, este Convenio, fillo do criticado Real Decreto-lei 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes que dicían que era para "reforzar a protección aos debedores hipotecarios", polo cal se instaba, o Goberno Español a si mesmo, "a promover co sector financeiro a constitución dun fondo social de vivendas propiedade das entidades de crédito, destinadas a ofrecer cobertura a aquelas persoas que sexan despexadas da súa vivenda habitual polo non pago dun préstamo hipotecario, cando concorren nelas circunstancias de especial vulnerabilidade", non responde ás espectativas e demandas dos colectivos que vimos loitando contra os abusos bancarios, os desafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna.

Decreto e Convenio que só pretenden eludir a responsabilidade á hora de facer cumprir o disposto no artigo 47 da Constitución Española: "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos". E en concordancia con outras disposicións, tratados, acordos e convenios internacionais subscritos polo Estado Español e que a propia CE establece como normas que forman parte do ordenamento xurídico interno e que o Goberno e Administración ten que garantir o seu cumprimento (Artigos 93, 94, 95 e 96 da C.E.), estes son: a Declaración Universal de Dereitos Humanos; o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos; o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; o Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais; a Carta Social Europea; a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea; normativas todas que declaran, nalgún dos seus artigos ou puntos, o dereito a unha vivenda digna, como un dereito fundamental. Co "Decreto" e co seu fillo nacido ao seu amparo o "Convenio", o Goberno só pretende lavar-se a cara e a das entidades financeiras culpábeis da actual situación, de estafa xeneralizada. Os acordos, non só son totalmente insuficientes para solucionar o drama dos centos de miles de desafiuzamentos, senón que supoñen todo o contrario do que se di que pretenden resolver, pois non protexen os intereses xerais de todo cidadá ao "dereito a unha Vivenda Digna", nen fan asumir ás entidades bancarias a súa responsabilidade social e culpabilidade manifesta nesta dramática situación social de desamparo e empobrecemento xeneralizado dunha parte moi importante da poboación.

Reiteramos-nos, unha vez máis, nas demandas contidas na Iniciativa Lexislativa Popular -ILP, que conseguiu pasar o primeiro trámite en comisións grazas á presión popular exercida na rúa, para ser debatida no Parlamento Español. Dicir que as demandas da ILP son demandas de mínimos: dación en pago retroactiva, aluguer social nas vivendas baleiras acumuladas polas entidades bancarias que se enriqueceron coa crise, e moratoria de desafiuzamentos.

Polo que o noso posicionamento co respecto ao aluguer social é o recollido na proposta de ILP, no seu Artigo 2:

Paralización dos desafiuzamentos e aluguer social


1.- Engádese un novo artigo, 675.bis, á Lei de Enxuizamento Civil:
1. Non se poderá acordar o lanzamento do inmóbel no seo da execución hipotecaria cando se trate da vivenda habitual do executado e cando o impago do préstamo hipotecario sexa debido a motivos alleos á súa vontade.

2. O executado terá dereito a seguir residindo na vivenda a título de arrendamento por un período de 5 anos desde a data da adxudicación.

3. O importe da renda mensual do arrendamento non poderá ser superior ao 30% dos ingresos mensuais do arrendatario
.

Ferrol, a 26 de Febreiro de 2013

Documentación:
Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao alugue
Real Decreto-lei 27/2012, de 15 de novembro, de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios
Texto da ILP proposta polas PAHs e apoia da por 1.402.854 persoas

||||||||||||||||||

luns, 25 de febreiro de 2013

Suspendido o desafiuzamento da compañeira Aurelia, octoxenaria coruñesa que se atrasou no pago de dous meses de aluguer


Suspendido o desafiuzamento da octoxenaria coruñesa que se atrasou no pago de dous meses de aluguer


Aurelia Rei chegou a un acordo cos propietarios da súa vivenda e poderá seguir residindo nela despois de que a súa desalojo quede "anulado"

O despexo de Aurelia Rei, a octoxenaria da Coruña que debía abandonar o seu domicilio o pasado 18 de febreiro, quedou suspendido tras alcanzar un acordo cos propietarios da vivenda na que reside desde fai máis de 30 anos. Segundo informa a Plataforma STOP Desafiuzamentos, o despexo quedou "anulado".

A presión social articulada a base de convocatorias de concentracións ante a vivenda de Aurelia Rei, no número 9 de cálea Pai Feijóo, impediu o seu despexo o pasado 18 de febreiro. A muller, de 85 anos, leva máis de 30 anos vivindo no inmoble pero o atraso no pago de dous meses de aluguer, un en 1999 e outro en 2011, concluíu nunha sentenza xudicial que ordenaba o desafiuzamento.

Nunha roda de prensa, convocada pola Plataforma STOP Desafiuzamentos ante o portal da casa, o seu avogado, Antonio Vázquez, subliñou que polo que lle consta" é a primeira vez en España "que cunha sentenza en firme en trámite de execución hai unha paralización". Sobre o acordo, dixo que se logrou a última hora deste domingo unha "solución amistosa" que pon fin "a un conflito veciñal dun modo pactado", recalcou.

Con todo, sobre os términos do mesmo non avanzou ningún aspecto por cuestións de "confindencialidade", precisou, e tampouco si haberá contraprestación económica. Unicamente confirmou que incluirá o traslado de Aurelia a outra vivenda, aínda que non concretou si será de aluguer social nin a que zona, despois de que a muller rexeitase ir a unha residencia ou a dous pisos de Novo Mesoiro e Eirís por estar "nos arredores" da Coruña.

"É a primeira vez en España que cunha sentenza en firme en trámite de execución hai unha paralización" , di o avogado de Aurelia

O letrado de Aurelia Rei ratificou que o acordo está asinado por escrito e que agora a axudarán" para que se lle facilite unha vivenda, cuestión sobre a que dixo que a Administración "ten moito que dicir". "Están abertas todas as posibilidades", remarcou Antonio Vázquez, quen, sobre o estado da muller, dixo que, tras "todo o estrés" agora atópase "descansando". Por iso, foron o seu avogado e un portavoz da Plataforma STOP Desafiuzamento, arroupados por unha veintena de persoas, os que compareceron ante os medios de comunicación.

No seu comparecencia, o representante da Plataforma, Héctor Tejón, visiblemente emocionado, trasladou o agradecemento a todas as persoas que apoiaron a Aurelia, entre eles aos bombeiros que se negaron a colaborar no desalojo. Tamén atribuíu á ausencia de "vontade política para axudar á cidadanía" casos como o de Aurelia, que paga polo seu piso de aluguer 126 euros cunha pensión de 350 euros. "Prefiren salvar bancos que persoas", sentenciou Héctor Tejón, quen remarcou que non van permitir "máis abusos á cidadanía", palabras que foron respondidas cun "Si se pode" polos asistentes.

Ademais, confirmou que representantes da plataforma trasladaranse ao Concello da Coruña coa intención de abordar cos Servizos Sociais a procura dunha vivenda para Aurelia que "reúna as condicións adecuadas", engadiu.

Fonte: publico.es

||||||||||||||||||||

Actividade de Stop-Desafiuzamentos para o Mércores, Xoves e Venres -[27 e 28 de Febreiro e 1 de Marzo] - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna

Próxima actividade de STOP-Desafiuzamentos - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, para quen quixer participar.

Dado que a actividade é cada vez maior e máis intensa, decidimos organizar-nos dun xeito máis operativo. Pois hai asuntos que non se poden tratar na Asemblea por ser do ambito moi particular das persoas que acudan en busca de axuda. Polo que se decidiu abrir a Asemblea a unha Comisión de Traballo que coordine os asuntos pendentes e os acordos da propia Asemblea. Así como que abra e custodie os expedientes persoais que decidimos abrir de cada caso.

Como nos organizamos?

Pertencemos á Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Somos Stop-Desafiuzamentos (Comisión Dereito a unha Vivenda Digna).

Adherimos-nos á Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca.

Funcionamos como Asemblea Aberta a todas as persoas afectadas e quen quixer colaborar, co apoio das diferentes organizacións e asociacións que comparten os nosos obxectivos. Sendo o lugar de referencia da Asemblea, como punto de encontro, o local da Asociación Veciñal de Esteiro (Rúa Fernando VI, Bloque I baixo Ferrol [15403] Telf. 981933223] - Só os Venres polas tardes, de 5 a 7.

Estando sempre abert@s a novas incorporacións e propostas, a asemblea organiza-se do seguinte xeito:
  • Constituímos unha Comisión de Traballo, de Coordinación e Custodia de Documentos, composta, nun principio por: Chus Lois, Susana Alaniz, Pablo Portero, Rosa Gabarre e Fernando Lestón.
  • O telefono de contacto vai seguir sendo o de Suso Pazos (637567497).
  • A comunicación vai-na seguir levando Suso Pazos e Inácio Martínez.
  • Asesoría e apoio: Suso Díaz, Rafael Pillado, Elena Casal e Inácio Martínez.

Xuntanza da Comisión de Traballo, de Coordinación e Custodia de Documentos


Este Mércores 27 de Febreiro, ás 17:00hs (5 da tarde), xuntanza en Esteiro, da Comisión e aberta a quen quixer colaborar, para preparar a nosa presencia, ao día seguinte, no Pleno do Concello de Ferrol (Xoves, 28 de Febreiro, ás 7 da tarde).


Presencia no Pleno do Concello de Ferrol

O Goberno Municipal, vai levar ao pleno a adhesión do Concello de Ferrol ao Convenio asinado polos ministerios de Economía e Competitividade, Sanidade e Servizos Sociais, Fomento, Banco de España, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Plataforma do Terceiro Sector (Organizacións non Gobernamentais), as patronais bancarias e 33 entidades de crédito, para o acceso a un parque de vivendas desafiuzadas en alugueiro (Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer). Stop-Desafiuzamentos decidiu estar presente no Pleno e solicitar poder falar no mesmo que está previsto que se celebre o vindeiro Xoves, 28 de Febreiro, ás 7 da tarde.


Próxima xuntanza da Asemblea


DíaVenres, 1 de Marzo.
Hora: Ás 17:00hs (5 da tarde).
Lugar: En Esteiro no local da asociación veciñal.

Obxectivos: Atender casos pendentes e novos casos. Seguir xuntando persoas que están en lista de espera para acceder a unha vivenda municipal do barrio de Recimil. Outros asuntos de interese.

Orde do día:
  1. Casos pendentes e novos casos.
  2. O asunto das vivendas protexidas de Recimil, de propiedade municipal.
  3. Análise do tratado no pleno do Concello de Ferrol en referencia á Adhesión ao Convenio para a constitución do Fondo Social de Vivendas (FSV) destinadas ao aluguer.
  4. Outros asuntos que houber, propostas, rogos e preguntas.
Lembra, non faltes á xuntanza aberta deste Venres 1 de Marzo, necesitamos a túa colaboración e axuda. Participa na Rede de Apoio Mutuo.


Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||

xoves, 21 de febreiro de 2013

Este Venres, 22 de Febreiro, en Esteiro, xuntanza aberta de STOP-Desafiuzamentos - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna

Nova xuntanza aberta de STOP-Desafiuzamentos - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, para quen quixer participar.

Día:  Venres, 22 de Febreiro.
Hora: Ás 17:00hs (5 da tarde).
Lugar: En Esteiro no local da asociación veciñal.

Obxectivos: Antender casos pendentes e novos casos. Seguir xuntando persoas que están en lista de espera para acceder a unha vivenda municipal do barrio de Recimil. Análise da mobilización do pasado día 16 de Febreiro.

Orde do día:
  1. Casos pendentes e novos casos.
  2. O asunto das vivendas protexidas de Recimil, de propiedade municipal.
  3. Análise da convocatoria do pasado 16F.
  4. Outros asuntos que houber, propostas, rogos e preguntas.

Lembra, non faltes á xuntanza aberta deste Venres 22 de Febreiro, necesitamos a túa colaboración e axuda. Participa na Rede de Apoio Mutuo.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||

domingo, 17 de febreiro de 2013

Vídeo da manifestación do 16F en Ferrol de Stop-Desafiuzamentos - Plataforma Afectad@s pola Hipoteca


http://www.youtube.com/watch?v=GGBNB3g_fQQ&feature=share&list=UU1VlvusX45JxWkBkXF6B0nw

Pasadas as 12 do mediodía, partía a manifestación convocada por Stop-Desafiuzamentos, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, dentro das mobilizacións convocadas polas PAHs na Galiza e en máis de cincuenta cidades de todo o Estado e nalgunhas capitais europeas. "Nin xente sen casas, nin casa sen xente", "Non é unha crise, é unha estafa", "Non son suicidios, son banquicidios", "A banca delinquindo, o pobo sufrindo", "Non falta diñeiro, sobran ladróns" ... entre outras consignas espontáneas berradas no transcurso da manifestación. Esta partiu da Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta, para baixar pola rúa Real e que, despois de pasar por varias rúas de Ferrol, rematou na Praza do Concello diante do Pazo Municipal, onde se leiu un comunicado que transcribimos neste post. Posteriormente houbo micro aberto onde varias persoas comentaron a súa experiencia persoal: quen conseguiu a dación en pago; quen foi desafiuzado e presentou unha demanda por estafa contra o BBVA que foi admitida a trámite; quen reflexionou sobre a ocupación de vivendas en Ferrol no ano 1977 e demandou a compra de solo por parte da administración, para vivendas sociais; e por último unha das persoas da lista de espera para unha vivenda protexida de Recimil que demandou a entrega das vivendas.
  • Esiximos dación en pago retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!
  • Esiximos o dereito á vivenda!
  • Esiximos o fin dos abusos da banca!
  • Esiximos o fin do xenocidio financeiro!
  • Sinalaremos aos responsábeis, non pararemos até conseguir os nosos obxectivos!
Non estás só!
Xuntas e xuntos podemos!

En Ferrol, a 16 de Febreiro de 2013

Stop-Desafiuzamentos
Comisión Dereito a unha Vivenda Digna
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

||||||||||||||

sábado, 16 de febreiro de 2013

Manifestación de Stop-Desafiuzamentos en Ferrol dentro das mobilizacións do 16F en apoio da ILP - Fotos - Comunicado Final


Hoxe pola maña, pasadas as 12 do mediodía, partía a manifestación convocada por Stop-Desafiuzamentos, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, dentro das mobilizacións convocadas polas PAHs na Galiza e en máis de cincuenta cidades de todo o Estado e nalgunhas capitais europeas. "Nin xente sen casas, nin casa sen xente", "Non é unha crise, é unha estafa", "Non son suicidios, son banquicidios", "A banca delinquindo, o pobo sufrindo", "Non falta diñeiro, sobran ladróns" ... entre outras consignas espontáneas berradas no transcurso da manifestación. Esta partiu da Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta, para baixar pola rúa Real e que, despois de pasar por varias rúas de Ferrol, rematou na Praza do Concello diante do Pazo Municipal, onde se leiu un comunicado que transcribimos neste post. Posteriormente houbo micro aberto onde varias persoas comentaron a súa experiencia persoal: quen conseguiu a dación en pago; quen foi desafiuzado e presentou unha demanda por estafa contra o BBVA que foi admitida a trámite; quen reflexionou sobre a ocupación de vivendas en Ferrol no ano 1977 e demandou a compra de solo por parte da administración, para vivendas sociais; e por último unha das persoas da lista de espera para unha vivenda protexida de Recimil que demandou a entrega das vivendas.

Comunicado leido ao final da manifestación:

Ola, a todas e todos!

Permitir-me darvos a benvida a esta manifestación de protesta, denuncia e reivindicación, no nome de Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Hoxe non só nos mobilizamos en Ferrol, tamén o están facendo noutras cidades da Galiza: en Vigo, na Coruña, en Compostela, en Ourense, en Lugo, ... e en máis de cincuenta cidades e vilas, do resto do Estado, e nalgunhas cidades do resto de Europa. Son varios centos de miles de persoas as que hoxe saen á rúa para apoiar a xusta e heroica loita das persoas que conforman as plataformas de afectadas e afectados pola hipoteca.

Protestando con Stop-Desafiuzamentos, contra as execucións hipotecarias de persoas sen recursos, empobrecidas polo desemprego e a estafa chamada crise.

Paralizando desafiuzamentos ou conseguindo realoxos.

Acompañando e apoiando ás persoas afectadas por execucións hipotecarias ou ameazadas coa perda da súa vivenda habitual.

Denunciando as prácticas abusivas e o acoso dos bancos, a estafa inmobiliaria, ... e a complicidade necesaria dos diferentes gobernos.

Exercendo a chamada acción social, conseguindo unha vivenda a quen se lle nega ese dereito e non ten outra saída que ocupar.
Non podemos permitir que haxa casas sen xente e xente sen casas. Na nosa comarca hai máis de 16.000 vivendas baleiras, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Reivindicando, xunto con outras organizacións sociais e sindicais, unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para levar ao Congreso dos Deputados unha modificación da Lei Hipotecaria. Esta ILP recolle tres medidas que consideramos de mínimos para garantir o dereito á vivenda: dación en pago retroactiva, aluguer social e paralización dos desafiuzamentos.

Mais hoxe estamos aquí, principalmente para  manifestar o noso apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos no Congreso dos Deputados avalada con 1.402.854 sinaturas de apoio (30.283 na Galiza), que en resumo conten tres puntos:
  1. Dación en pago con efectos retroactivos.
    Chámase dación en pago ao feito de entregar a vivenda á entidade financeira coa que se ten a hipoteca a cambio de quedar libre de toda débeda.
  2. Paralización dos desafiuzamentos.
    Sempre que se trate da vivenda habitual e o impago do préstamo hipotecario sexa debido a motivos alleos á propia vontade.
  3. Alugueiro Social.
    A persoa executada terá dereito a seguir residindo na vivenda pagando un alugueiro non superior ao 30% dos seus ingresos mensuais, como mínimo, por un período de 5 anos.
Hoxe continuamos camiñando para defender e esixir o dereito á vivenda, un dereito fundamental sistematicamente vulnerado. Denunciamos a situación dramática á que se condena a vivir a miles de familias que non poden pagar a hipoteca ou o aluguer, que se ven desafiuzadas ou ameazadas coa perda da vivenda, vítimas dunha estafa hipotecaria, da vulneración extrema do dereito á vivenda por parte das entidades financeiras, avaladas polos gobernos que tivemos até agora. Hoxe o Partido Popular no poder, pretende continuar lexislando a favor da grande banca contra a maioría social, cousa que no podemos permitir.

420.000 execucións hipotecarias no Estado os últimos seis anos, e 220.000 desafiuzamentos, son intolerábeis.

As entidades financeiras -responsábeis da crise actual- coa complicidade dos gobernos, que lles dan cobertura cunha lei inxusta que fai que toda a responsabilidade recaia sobre a parte máis vulnerábel, convirtese en destinataria de miles de millóns de euros en axudas públicas sen ningún tipo de contraprestación. Fronte a eses abusos, a cidadanía mobilizada, defendemos o dereito á vivenda, e poñemos enriba da mesa as solucións para acabar con esta estafa. Porque non ten sentido que os bancos acumulen miles de pisos baleiros mentres miles de familias son expulsadas das súas vivendas.

Coa Iniciativa Lexislativa Popular esgotamos todos os mecanismos que nos ofrece o sistema para cambiar unha lei obviamente inxusta. Falamos con concellos, servizos sociais, partidos políticos ... Mobilizamo-nos, paramos desafiuzamentos e fixemos todo o que estaba nas nosas mans para transformar unha situación de inxustiza evidente. As demandas da ILP son demandas de mínimos: dación en pago retroactiva, aluguer social nas vivendas baleiras acumuladas polas entidades bancarias que se enriqueceron coa crise, e moratoria de desafiuzamentos.

A ILP recolleu case un millón e medio de firmas, que se suman ao clamor popular que esixe unha solución xusta e urxente a esta problemática. Non queremos esmola. Non aceptaremos rebaixas. Queremos unhas leis que garantan os dereitos, a igualdade e a dignidade.

A ILP tamén é unha forma de esixir democracia, unha democracia que ten que estar en mans do pobo e non do poder financeiro. Fartas e fartos de mediocridade, corrupción e cobiza, de respostas baleiras e demagoxia, esiximos que se nos escoite e queremos construír unha outra sociedade, xusta, igualitaria, pacifica e sostíbel, unha democracia verdadeira, participativa, con reparto do traballo e da riqueza. E por iso que estamos pola suma das loitas, en defensa do dereito ao traballo, a un salario decente e unhas condicións laborais dignas; en defensa do ensino e sanidade públicas, ameazados con privatizacións e desmantelamento;  por uns servizos públicos universais e de calidade; pola axuda á dependencia; pola transparencia e honestidade na xestión dos recursos públicos; por unha xustiza ao servizo da cidadanía, sen taxas e igualitaria; por un exercicio da política sen privilexios; por unha xubilación digna, non máis alo dos 65 anos; ...

É por todo isto, porque nos temos que apoiar en todas as loitas contra este sistema inxusto, polo que vos convidamos a participar, mañá domingo 17 de febreiro, na Praza de Galicia de Narón, ás 12 do mediodía, na concentración convocada polo Concello de Narón, e apoiada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol.

Non podemos rematar, sen denunciar ao grupo que goberna no Concello de Ferrol, que malgasta diñeiro público por enésima vez na Praza de España, un millón máis de euros, sobre dezaoito que xa levan malgastado. Mentres, non arranxan as vivendas protexidas da súa propiedade no barrio de Recimil, mantendo nunha espera eterna a máis de 160 persoas nunha lista que agarda por unha casa onde poder vivir. Nin tan sequera atenden as necesidades de emerxencia social que cacarexaron cando anunciaron o seu “Plan de Oportunidades”, só eran palabras para a galería.

É por iso que demandamos un censo de vivendas municipais, non só as de Recimil, senón de todas as que son de propiedade municipal, xa! E un plan real de arranxo das vivendas protexidas, para dotalas de certificación de habitabilidade e atender así as necesidades da veciñanza con poucos recursos económicos, que agarda poder acceder a unha desas vivendas municipais.

A nivel xeral, a situación é grave e urxente. Chegamos a un límite no que hai persoas que se quitaron a vida; nos últimos días foron catro, unha situación que xera un sufrimento cotián a miles de persoas afectadas. A presión social, a xente na rúa, conseguiu facer variar a postura inicial do Partido Popular que non estaba disposto a que a ILP pasara da Comisión ao Pleno do Congreso dos Deputados para ser debatida. Ao final a ILP conseguiu pasar o trámite. Mais non podemos esperar meses á aprobación da ILP, tampouco nos podemos permitir que non se aprobe. Non nos quedaremos cos brazos cruzados esperando a que a ILP chegue ao Congreso. Non podemos facelo mentres a máquina financeira asasina siga funcionando.

Desde aquí facemos un chamamento a todos os partidos políticos a votar a favor da ILP e tramitala de xeito urxente. Si non o fan, sinalarémoslles como responsábeis do xenocidio financeiro que estamos sufrindo e terán que aterse ás consecuencias. Aumentaremos as accións de denuncia e desobediencia civil fronte a aqueles que se neguen a aprobar a ILP, e invitamos a toda a cidadanía a sumarse.

Pero non nos pararemos aquí, a nosa loita é unha loita polo dereito á vivenda. “Xente sen casas, e casas sen xente, non se entende”. Bancos que acumulan miles de vivendas baleiras, mentres familias e persoas vense abocadas á rúa. Fronte a este sinsentido, xunto coa campaña de sinalización, as Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca anuncian que se intensificarán as campañas de recuperación de pisos baleiros en mans de entidades financeiras.
  • Esiximos dación en pago retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!
  • Esiximos o dereito á vivenda!
  • Esiximos o fin dos abusos da banca!
  • Esiximos o fin do xenocidio financeiro!
  • Sinalaremos aos responsábeis, non pararemos até conseguir os nosos obxectivos!
Non estás só!
Xuntas e xuntos podemos!

En Ferrol, a 16 de Febreiro de 2013

Stop-Desafiuzamentos
Comisión Dereito a unha Vivenda Digna
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Fotos de Susete'70.

Fonte: http://artabra21.blogspot.com.es/2013/02/manifestacion-de-stop-desafiuzamentos.html

||||||||||||