martes, 29 de outubro de 2019

Tes dereito a... ser desafiuzada - ... cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna ...



Nos barrios, nas periferias resoan as verbas do alcalde de Vigo: “La oficina antidesahucios es mi mesa. Llamo yo al banco y los paro”. Declaracións que son insulto para moitas de nós, as que sufrimos a violencia cotiá de vivir sen termos cubertas as necesidades básicas. Para a nosa desgraza os cartos que escasean para políticas sociais guíndanse en babecadas ao gusto dos grandes capitais e as súas amizades.

Iniciamos un novo curso na ODS-Coia con varias compañeiras sufrindo graves problemas de vivenda. Malia que son moitas as privadas do dereito a un teito, tan só unhas poucas son quen de racharen cos estigmas, os cales responsabilizan aos individuos das consecuencias de problemas estruturais, e son quen de compartir o sufrimento derivado do medo a ficar sen vivenda. Nos últimos días demos conta nas redes do inminente desafiuzamento dunha familia de Coia por falta de pagamento. Unha parellas con dúas fillas pequenas malviven coa RISGA como único ingreso. Acumularon meses de impagamento e a inicios do verán o propietario, tras varios avisos, presentaba denuncia no xulgado que iniciaba o proceso de desafiuzamento. Con agosto polo medio e cunha suspensión da vista, ao final o xuízo celebrouse o pasado mércores 16 de outubro. Agora, mentres aceleran a procura de vivenda, agardan pola sentenza firme que fixará a data de lanzamento, seica será nos primeiros días de novembro.

A situación que padecen estas compañeiras fala con claridade das desastrosas políticas en materia de vivenda que teñen Xunta de Galiza e Concello de Vigo e como estas afectan ás empobrecidas. Como di Albert Salesa crise de acceso á vivenda das cidades europeas non se arranxa con máis axudas nin con máis servizos sociais”. Unha afirmación que non escusa para que mentres non acadamos mudanzas estruturais as respostas dadas polos servizos sociais non sexan efectivas.

Esta familia sabedora de que eles no mercado non ían atopar respostas á súa necesidade de vivenda, deron todos os pasos fixados polas administracións competentes (Xunta de Galiza e Concello de Vigo) para tratar de conseguir un teito. Explicamos a continuación as axudas en materia de vivenda que solicitaron, así como os resultados das mesmas:

1) Inscribíronse no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta de Galiza.

Resultado: ningún. A Xunta hai anos que non inaugura vivendas de promoción pública en Vigo, a última gran convocatoria foi hai dez anos coa adxudicación dos 384 pisos no “edificio branco” de Navia. Nos vindeiros meses anunciaron que van entregar 26 pisos nun edificio na rúa Canicouva e 36 noutra construción na rúa Ignacio Grobas.

2) Solicitude e incorporación no programa RECONDUCE da Xunta de Galiza [1]

Resultado: malia acudir en numerosas ocasións as dependencias que o programa ten en Vigo o despexo é inminente á espera da sentenza firme que fixe a data. Desde o programa poden solicitar que o xulgado aprace o despexo por seren unha familia vulnerable (situación acreditada co informe social dos servizos sociais municipais), mais dinlles que a solución e que continúen coa procura de vivenda.

3) Solicitude e concesión do Bono de Alugueiro Social da Xunta de Galiza [2]. Trátase dunha subvención de 225€/mes para o pagamento do alugueiro. Renóvase todos os anos até un máximo de tres, a vivenda que atopen non pode superar os 450€/mes no caso de Vigo.

Resultado: téñeno concedido, mais a Xunta non llo aboará até que consigan unha vivenda.

4) Comunicar o inminente despexo aos servizos sociais do Concello de Vigo.

Resultado: dado que son perceptores de RISGA desde hai anos, a súa situación é coñecida polos servizos sociais municipais, que visitan con regularidade en cumprimento do proxecto de inserción desta “esmola social”. Son informados que o departamento pode concederlles axuda económica para un mes ou dous de alugueiro no caso de que atopen vivenda a través das Axudas de Emerxencia Municipais (o goberno as renomeou hai uns anos como “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social) [3] .

5) Solicitar en abril as “Axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación – 2019” [4] do Concello de Vigo.

Resultado: tras agardar máis de cinco meses pola resolución do coñecido como “cheque social” concédenlle 252,38 € para gastos de vivenda e alimentación. No mes de outubro e iniciado o despexo o concello ingrésalle ao propietario da vivenda na que residen 200 € en concepto de axuda de vivenda do “cheque”.

A morea de solicitudes, de axudas concedidas durante este proceso non foi quen de evitar o desafiuzamento, e sobre todo, ningunha destas medidas aseméllase a garantir o dereito a unha vivenda digna. O mercado controla o parque de vivenda, os grandes capitais precisan aínda máis rendemento o que se traduce no crecemento do prezo dos alugueiros nos últimos anos. Suba que ven da man do endurecemento das esixencias para os futuros inquilinos (avais e seguros), da redución dos dereitos das inquilinas ou da expulsión de veciñas dos seus barrios e cidades.

Fronte a isto as administracións actúan favorecendo aos grandes capitais con regulamentos urbanísticos que desprotexen a veciñanza, mentres tratan de disimular con faragullas sociais as consecuencias das súas medidas. En Vigo, tanto Xunta como goberno municipal tratan de eludir as súas responsabilidades en materia de vivenda, as dúas administración ofrecen medidas propagandísticas que ademais de violentar ás afectadas coa súa burocracia só serven para manter privilexios e negocios dunha minoría.

Sen dúbida nesta disputa o capital rabúñanos cada día máis dereitos, por iso cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna para todas. Temos dereito a unha vivenda, ou nola dan ou a collemos!

Outubro 2019

ODS-Coia

- -
Notas.-
[1] https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/programa-...
[2] http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/841
[3] https://sede.vigo.org/expedientes/tramites/tramite.jsp?id_tramite=379&la...
[4] https://sede.vigo.org/expedientes/avisos/aviso.jsp?id=3593&lang=gal

--

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia). | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
23 de outubro de 2019 09:45

____



Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferroterra
forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

--