luns, 6 de maio de 2019

Lanzan a Iniciativa Cidadá Europea "Housing For All - Vivenda para Todas" - Presentou-se o seu grupo promotor no, polo de agora, Reino de España



Lanzan a Iniciativa Cidadá Europea "Housing For All". | Presenta-se o seu grupo promotor no polo de agora Reino de España. | A vivenda debe ser social e accesíbel.

A vivenda é un dereito humano e non unha mercancía, debe ser social e accesíbel. Estamos facendo un chamamento para mellorar as condicións de vivenda.

O pasado 4 de abril deste ano 2019, presentaron o Grupo Promotor no Estado Español da Iniciativa Cidadá Europea "Vivenda para todos e todas", coincidindo co lanzamento da iniciativa desde Bruxelas e 20 países europeos, coa implicación de máis de 77 organizacións.

Europa está vivindo unha grave crise da vivenda: considerada unha mercancía máis que un dereito, os prezos dispáranse e moitas vemo-nos obrigadas a cambiar de barrio ou cidade. Aproximadamente 82 millóns de fogares destinan máis do 40% dos seus ingresos a pagar o custo da súa vivenda e as persoas sen fogar non deixan de aumentar. Neste contexto, necesitamos unha resposta coordinada, desde distintos países, para conseguir ferramentas que nos permitan avanzar no dereito á vivenda.

Esta Iniciativa Cidadá Europea de "vivenda para todas e todos" é un chamamento aos países europeos para que prioricen o investimento en vivenda e dean un paso adiante na creación de vivenda accesíbel. Queremos que sexa un punto de inflexión: necesitamos un millón de firmas en toda Europa para conseguir mellores condicións legais e financeiras, como a non aplicación dos criterios de Maastricht ao investimento público en vivenda (Quen ía dicir que tiñamos que defender, agora nós, un dos criterios de Maastricht que algo beneficiaba, mais que non se está cumprindo), mellor acceso a financiamento da Unión Europea, normas sociais para os alugueiros de curta duración baseadas na competencia e a compilación de estatísticas sobre as necesidades de vivenda en Europa.

O Estado Español conta coa décima parte da vivenda pública que outros países da súa contorna (1,5% fronte a unha media do 15%) Isto non é accidental, senón que é froito da aposta por un modelo insostíbel de propiedade e vivenda protexida de venda, que pasaba ao mercado ao cabo duns anos. Máis de 644.000 familias sufriron un desafiuzamento desde 2007, en moitos casos sen alternativa residencial por parte das administracións públicas debido á escaseza de vivenda social. Por iso, esta Iniciativa ten como prioridades:

⏩ 1. Crear un parque de vivenda social e accesíbel de alugueiro ou cesión de uso dun 15% en 10 anos e un 30% en 20 anos.

➜ Incorporar ao parque de vivenda social as vivendas de Bankia e a SAREB.

➜Recuperación dos 77.000 millóns de euros do rescate bancario, vía imposto ás entidades financeiras para destinalo a vivenda social e accesíbel.

➜Obrigar a grandes propietarios a destinar o 30% de novas construcións ou rehabilitacións integrais a VPO en zonas con demanda de vivenda.

⏩ 2. Asegurar un alugueiro estábel e accesíbel.

➜Permitir aos concellos regular os prezos do alugueiro en base ao poder adquisitivo.

➜Renovación automática dos contratos con actualización de renda limitada salvo incumprimento da inquilina ou por necesidade da vivenda da arrendataria.

⏩ 3. Priorizar a vivenda pública de alugueiro, colaborar e financiar entidades sociais, cooperativas de vivenda en cesión de uso e outros operadores sen ánimo de lucro.

Distintas entidades sociais, movementos, cooperativas de vivenda e entidades do terceiro sector uniron-se nun grupo promotor da Iniciativa no Estado Español. Propoñen sumar coas múltiples iniciativas que xa existen en materia de vivenda e dar máis forza ás reivindicacións da cidadanía mediante esta campaña europea. As organizacións que formamos parte do grupo promotor somos:
  • Plataforma de Afectados por la Hipoteca
  • Observatorio de Derechos Económicos, Sociales y Culturales
  • Sindicat de Llogaters i Llogateres
  • Taula d’Entitats del Tercer Sector Social
  • Sostre Cívic
  • Fundació Mambré
  • Fundació La Dinamo
  • Federació d’Associacions de Veïns i Veïnes de Barcelona
  • Centro de Asesoría y Estudios Sociales
  • El Rogle cooperativa
  • Fundació Habitat 3
Este lanzamento dá inicio ao proceso de recolleita de firmas, tanto en papel como electronicamente, na páxina da iniciativa:

https://www.housingforall.eu/es/la-vivienda-debe-ser-social-y-asequible/

A partir de agora hai un ano para recolleitar 1 millón de firmas en toda Europa, das cales 40.500 no Estado Español, nun mínimo de 7 países. Esta Iniciativa propón, no actual contexto de eleccións europeas (Tamén locais e algunhas autonómicas no Estado Español), solucións para o problema de vivenda a nivel europeo, sumando coas mobilizacións de decenas de cidades en Europa e o Estado Español que saíron á rúa para reivindicar.

#HousingForAll #VivendaParaTodas #PinchemosABurbulla

||||||||