martes, 20 de febreiro de 2018

O ministro de Fomento Iñigo da Serna xa anunciou o Plan Estatal de Vivenda do PP - O único plan estatal viábel para protexer os nosos fogares é aprobar a Lei Vivenda PAH


O PLAN DO PP PARA ACABAR CO DEREITO Á VIVENDA


O único plan estatal viable para protexer os nosos fogares é aprobar a Lei Vivenda PAH

O ministro de Fomento Iñigo da Serna xa anunciou o Plan Estatal de Vivenda do PP. Un plan cuxas medidas principais son a axuda á compra e a posta en alugueiro de vivendas da SAREB mediante subvencións públicas. Sobre a primeira medida, as voces dos expertos xa foron claras: as axudas á compra non van arranxar o problema en modo dalgún. De feito, os propios portais inmobiliarios como Idealista avisan de que conceder estas axudas xerarán unha subida dos prezos. Co que, en realidade, o problema do encarecemento da vivenda non só persistiría, senón que empeorará malgastando recursos públicos. De feito, os orzamentos xerais que agora manexa o goberno son uns orzamentos prorrogados de 2017, que contan unicamente con 466 millóns destinados a vivenda. Unha cifra ridícula, das máis baixas de Europa, e que contrasta fortemente cos máis de 70.000 millóns do rescate bancario que o Banco de España xa dan a fondo perdido.

Sobre a segunda medida do Plan, subvencionar con diñeiro público alugueiros en pisos da SAREB supón de novo un traspaso de recursos públicos a entidades privadas. Recordemos que a SAREB, o banco malo, é un instrumento creado polo PP para liberar aos bancos de hipotecas en risco de impago: adquirindo estas mesmas hipotecas mediante inxeccións de financiamento público. E a realidade, é que a SAREB acabou servindo para continuar especulando con vivendas das que as familias foron desafiuzadas. Volver pagar por estas vivendas, é unha ofensa ás máis de 500.000 familias que foron desafiuzadas desde 2009. A única medida de sentido común que se pode realizar coa SAREB é a cesión de todas as súas vivendas á Administración pública para realoxar ás familias en emerxencia residencial.

Aínda por riba, o Plan do PP non xerou ningún tipo de consenso, sendo medidas que si se aproban por decreto non contarían co aval das forzas parlamentarias. Sería un plan imposto, que lonxe de solucionar o problema, empeora a situación. E recordamos a este respecto que ningunha medida que o PP realice desde 2013 en materia de vivenda foi capaz de dar resposta a máis de 1% das familias afectadas polos desafiuzamentos. En resumo, o Plan do PP é unha imposición, contraria á opinión dos expertos, que non xera ningún consenso parlamentario e que non contén nin unha soa medida eficaz.

A este respecto, non ten ningún sentido que mentres o PP presenta medidas de papel mollado, non se sitúe fronte á Lei de Vivenda que a PAH rexistrou no Congreso. Unha lei que se rexistrou co apoio público de Unidos Podemos, ERC, Compromís e Bildu. Que conta co apoio á tramitación do PSOE e do PDECat. Que está apoiada por máis de 100 mocións presentadas en Concellos de todo signo político. Que foi referendada desde 14 Parlamentos Autonómicos. Na Galiza apoiada polo BNG e En Marea. Que até a defende a relatora de vivenda da ONU, Leilani Farha, como un exemplo para inspirar ao mundo. Unha lei que rescataría ás familias, que nos nivelaría co resto da Unión Europea e permitiría que a cidadanía puidésemos acceder a unha vivenda sen caer na precariedade.

Ademais, e a diferenza do Plan do PP, a Lei de Vivenda da PAH non supoñería ningún gasto aos orzamentos xerais en vixencia. As medidas contidas nesta lei forzarían aos bancos a conceder alugueiros sociais, aos fondos voitre a ceder vivenda inxustificadamente baleira á Administración pública, e ás grandes inmobiliarias a establecer alugueiros accesíbeis. É xa que logo unha lei que obrigaría aos mesmos culpábeis da emerxencia residencial a poñer recursos para liquidar a situación, rompendo coa lóxica perversa de traspasar recursos públicos a entidades privadas. Incluso a lei contempla que si algunha das súas medidas afecta aos orzamentos xerais en vixencia, estas aplícarian-se nos próximos orzamentos.

O goberno do PP agora ten até mediados de marzo para interpoñer un veto alegando que afecta aos orzamentos en vixencia, o que sería falso, e implicaría que esta lei tan necesaria nin sequera se puidese debater. Desde a PAH solicitamos unha reunión precisamente co Ministerio de Fomento, para tratar a cuestión do veto. Para explicar-lle que a lei non afecta aos orzamentos. Que hai vidas en xogo. Unha solicitude que se atopou unicamente co silencio. Mentres o PP cala, cada día 173 familias son desafiuzadas. O veto á Lei Vivenda da PAH sería acto inxustificado, de corte ditatorial e profunda vulneración democrática, porque non permitiría que esta lei puidese ser debatida. Con que continuaría aplicándose unha agresión brutal contra a cidadanía.

Malia todas as dificultades, desde a PAH imos loitar todo o posíbel polas nosas propostas. Porque contan cun apoio social masivo, e coa experiencia de anos paralizando desafiuzamentos a pé de rúa. Porque en ausencia de gobernos valentes, é imprescindíbel que a cidadanía loitemos por nós mesmas. Porque está en xogo algo máis profundo que o Dereito á Vivenda, e é a propia Democracia.

E queremos finalizar enviando unha mensaxe a Ciudadanos: a nosa mirada esta posta sobre a vosa actuación. Si o PP veta a Lei Vivenda PAH, e apoiades este veto, seredes responsábeis directos de cada desafiuzamento e de cada corte de subministros básicos. Si vetades a Lei Vivenda PAH, demostraredes que sodes exactamente iguais que o PP. Demostraredes que PP e Ciudadanos están máis unidos que nunca para desafiuzar ás familias. Mostrando, lamentabelmente, o voso idéntico interese: o da banca e os fondos especulativos.

No seu lugar, dámosvos a oportunidade de situarvos coas familias e os Dereitos Humanos. Nós témolo ben claro: o único plan estatal viábel para garantir o Dereito á Vivenda é aprobar a Lei Vivenda PAH.

Enviado pola PAH Estatal o 16 de febreiro de 2018.

#LeiViviendaPAHesSolución
---