venres, 3 de xuño de 2011

Primeira acción en Ferrol contra un desafiuzamento hipotecario.

Na mañá de hoxe, venres 3 de xuño, tivo lugar a primeira acción en Ferrol (segunda en Galicia) contra un desafiuzamento hipotecario.

Ás 10,30, hora prevista para que o xulgado reclamase as chaves dunha vivenda e en solidariedade co desafiuzado, ao redor dun centenar de persoas concentráronse ante o nº 29 da Rúa Almendra.

Media hora mais tarde e sen que comparecese o representante xudicial, trasladáronse ante a entidade bancaria que insta o desafiuzamento, para manifestar o seu rexeitamento a estas prácticas abusivas e esixir das distintas administracións públicas unha modificación do marco legal que de saída á situación de sobreendebedamento de milleiros de familias e traballadore@s en moitos casos afectados por expedientes de desfiuzamento da súa vivenda, centos de miles nos últimos anos en todo o estado e máis de 2000 en Galicia pendentes de execución.

A Rede de apoio mutuo continuará a solidarizarse coas persoas afectadas por esta fraude hipotecaria, amparada polo artigo 47 da Constitución Española: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.