xoves, 30 de xullo de 2015

Denuncian o exceso de control burocrático da Xunta de Galicia á hora de tramitar e manter a RISGA

Denunciamos o exceso de control burocrático da Xunta de Galicia á hora de tramitar e manter a RISGA. | Esta vixilancia extrema sitúa as persoas que perciben a Risga nunha situación de risco de desafiuzamento e precarización vital. | Pensamos que o Goberno autonómico non busca solucións reais, só maquillar as súas estatísticas.

Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queremos facer visible o caso dunha compañeira nosa que creemos que amosa unha realidade na que moitas persoas están a vivir. A nosa compañeira atópase agora mesmo en situación de risco de desafiuzamento xa que, por un exceso de celo burocrático, lle foi retirada a RISGA. A Xunta de Galicia entendeu que esta persoa non respondera a unha oferta de traballo. Porén, este requerimento nunca chegou ó seu coñecemento xa que tivo que cambiar o seu domicilio debido a unha serie de problemas alleos a ela, quen mudou a súa dirección en todas as instancias agás na Oficina de Emprego, lugar ao que acode con asiduidade para buscar ofertas laborais e de cursos de formación.

Neste momento, hai un recurso plantexado que precisa dunha solución urxente xa que a nosa compañeira non dispón doutros ingresos e ten un fillo menor de idade ao seu cargo. Por esta razón, queremos requerir a Xunta de Galicia para que dea una resposta rápida a esta situación. De todos xeitos, estamos ante un problema que afecta a moitos perceptores da RISGA aos que o Goberno Autonómico pon nunha situación de extrema fraxilidade por un exceso burocrático e aos que o mesmo ten que dar unha resposta máis rápida e mellor.

Este non é o primeiro caso de complicacións relacionadas coa Risga que presenciamos e que outros colectivos galegos veñen tamén denunciando. Deste modo, dende Stop Desafiuzamentos pensamos que a Xunta trata de reducir de ao máximo o numero de persoas que perciben a RISGA sen nin sequera tentar dar unha solución ao problema real. Simplemente buscan dificultar ó acceso a esta axuda, que é xa de por sí, moi insuficiente para satisfacer as necesidades dunha persoa.

Estas ansias por ocultar un problema que non queren solucionar fan que o Goberno Autonómico recorra a certas "estratexias" para maquillar os resultados e as estatísticas. Por este motivo, solicitar a RISGA é unha carreira de trámites e de documentos e tamén por iso se amorean os expedientes tanto que mesmo se pode tardar un ano en cobrar desde que se solicita.

Porén aínda mesmo cando unha persoa percibe a RISGA continúa estando nunha situación fráxil porque a retirada da mesma é moi doada: basta con non ter actualizada a dirección e non ter recibido un aviso dunha oferta de emprego precaria.

Queremos tamén aproveitar a ocasión para denunciar que as ofertas de traballo que se envían as persoas que perciben a RISGA non son mais que unha solución estética xa que se trata de empregos, normalmente de 7 meses de duración e ao 75% da xornada laboral cun salario de arredor de 600 euros. Despois destes 7 meses, o único sustento sería un subsidio de algo mais de 200 euros e cando este se acabe, solicitar novamente a Risga. Este proceso serve para maquillar as cifras pero non para solucionar un problema, o da pobreza, que afecta a unha cuarta parte da poboación galega.

Moitas gracias pola vosa atención.

Nin casas sen xente, nin xente sen casa!
--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
Facebook

Grupo de stopdesahucios de A Coruña

||||||||||||

luns, 27 de xullo de 2015

Aprobada por unanimidade a ILP contra os desafiuzamentos e a pobreza enerxética: O Parlament de Catalunya aprobou por unanimidad a ILP de medidas urxentes para facer fronte á emerxencia habitacional e a pobreza enerxética


O Parlament de Catalunya aprobou por unanimidade a ILP de medidas urxentes para facer fronte á emerxencia habitacional e a pobreza enerxética.


Trátase dunha gran vitoria colectiva logo de anos de loita polo dereito á vivenda que permitirá poñer en marcha mecanismos para acabar cos desafiuzamentos e cortes de fornezo indiscriminados, á vez que mobilizar vivenda baleira para aluguer social.

O xoves o Parlament de Catalunya, nunha sesión histórica aprobou a Iniciativa Lexislativa Popular contra os desafiuzamentos e a pobreza enerxética, promovida pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca, a Alianza contra a Pobreza Enerxética e o Observatorio DESC. Esta ILP tramitouse nun tempo récord e conseguiu sumar o apoio de todos os grupos parlamentarios, excepto o PP que se abstivo nalgúns dos puntos.

O debate de aprobación veu precedido pola intervención de dúas d@s portavoces da Iniciativa Lexislativa Popular. Nunha intervención emotiva e contundente resumiron o percorrido de loita que permitiu chegar ata o día de hoxe: "conquistamos os nosos dereitos, desobedecimos leis inxustas e hoxe estamos aquí para cambialas". As portavoces, dirixíronse @s deputad@s esixindo que a altura de miras do Parlamento que hoxe aprobou a ILP se manteña e que haxa un despregue urxente de todas as medidas da ILP e que llos dote de recursos suficientes para que poidan ser efectivas.

A ILP aprobada no Parlamento é un conxunto de medidas que pretenden dar resposta á actual situación de emerxencia habitacional e pobreza enerxética que sofre Catalunya.

Dada a urxencia da situación e a tardanza en lexislar para parar esta sangría, esta ILP tramitouse con urxencia extraordinaria, é dicir que, en 15 días fomos capaces de facer todos os trámites para que hoxe a votación sexa posible. Hai que destacar que todos os grupos parlamentarios mantiveron os seus compromisos tanto en tempos como en contido.

Nos próximos días explicaremos a fondo que efectos terá esta nova ferramenta legal da que dispoñeremos a partir de agora en Catalunya para facer fronte á emerxencia habitacional pero hoxe xa hai que destacar un articulado final que respecta de forma íntegra os obxectivos e efectos que buscaba o redactado orixinal, que foi concretado, adaptado ou ata mellorado, para poñer por fin sobre a mesa as tan necesarias ferramentas da finalmente bautizada como "Lei de medidas urxentes para afrontar a urxencia no ámbito da vivenda e a pobreza enerxética". Ademais, o articulado aprobado presenta unha solidez xurídica impecable, feito que foi posible grazas ao traballo xurídico feito desde o grupo promotor pero tamén grazas ás achegas dos servizos xurídicos do Parlamento e das achegas dos grupos parlamentarios.

A lei aprobada hoxe polo Parlamento de Catalunya non é nin moito menos unha declaración de intencións legais senón unha batería de ferramentas útiles e efectivas para frear a emerxencia habitacional en Catalunya:

Medida 1. Mecanismos que outorguen unha segunda oportunidade polas persoas sobre-endebedadas e deudoras de boa fe. Mediante dous procedementos (un de extraxudicial e un de xudicial) posibilítase que as familias poidan liquidar as súas débedas vinculadas coa vivenda habitual para poder empezar de novo.

Medida 2. Ningún desafiuzamento para as familias en execución hipotecaria, establecendo a obrigación nas entidades financeiras de conceder un aluguer social ás familias en situación de vulnerabilidade residencial.

Medida 3. Aluguer social para familias en réxime de aluguer en risco de desafiuzamento, cunha importante distinción entre grandes e pequenos tenedores de vivenda. Cando o propietario do inmoble sexa unha entidade financeira ou un gran tenedor de vivendas, este terá que parar o desafiuzamento e ofrecer un aluguer social á familia.

Tanto en casos de lanzamentos hipotecarios como nos de aluguer de grandes tenedores, principalmente bancos, fondos de investimento ou grandes tenedores que compraron vivendas procedentes de execucións hipotecarias e desafiuzamentos; o incumprimento da oferta de aluguer social comportase unha sanción económica grave (ata 90.000 euros) que se incluíu no articulado da lei 1/2007 catalá do dereito á vivenda.

Medida 4. Creación de parque social de aluguer. Establécese a posibilidade de resolver a cesión temporal dos pisos baleiros propiedade de entidades financeiras e grandes tenedores de vivenda para aumentar o parque público de aluguer dispoñible. Deste xeito, engádese unha ferramenta importante máis para mobilizar o parque de vivendas baleiras que co tempo permitirá realoxar todas aquelas familias que xa foron desafiuzadas sen alternativa.

Medida 5. Acceso garantido a subministros básicos de auga, luz e gas con garantías para parar os cortes de auga, gas e luz da poboación en situación de exclusión residencial a través dun protocolo garantista que obriga á administración a aplicar as axudas necesarias para evitar o corte de fornezo, no caso de que o impago sexa por carencia de recursos económicos, a asegurar o acceso a estes subministros básicos mentres dure a situación de exclusión residencial e a establecer acordos coas empresas subministradoras para que poñan axudas a fondo perdido para facer fronte.

En definitiva, con esta lei apórtanse por fin os mecanismos para terminar coas débedas para sempre, os desafiuzamentos de hipoteca e aluguer, garantindo o realoxo en réxime de aluguer social e os subministros básicos a todos os fogares, á vez que se mobilizarán os pisos baleiros para que cumpran a súa función social.

A ILP é unha lei de emerrxencia moi necesaria e un punto de partida, un importante precedente á vez falar de dereitos ao servizos básicos para ir cara a un modelo máis xusto de acceso a vivenda e servizos.

O aprobación da ILP vivenda tan só foi posible grazas ao traballo incansable de moitísimos afectados, voluntarias, activistas, entidades e colectivos que apoiaron. As entidades promotoras da ILP non queremos esconder a nosa satisfacción por este éxito, que culmina máis de seis anos de loita polo dereito á vivenda digna. Non nos podemos esquecer das compañeiras de todo o estado que tamén foron responsables de chegar ata aquí hoxe. Esta ILP non ten vontade só de quedarse no Parlament de Catalunya, senón que ten que xerar un efecto dominou no resto de Parlamentos Autonómicos que teñen que dar resposta ante un estado incapaz e secuestrado polo poder bancario e das subministradoras.

O 23 de Xullo de 2015 pasará á historia como o día no que a cidadanía, farta da violación de dereitos humanos e da inxustiza, logo dun longo camiño de denuncia e autodefensa dos dereitos fundamentais, leva a auto-tutela de dereitos ata a redacción dunha lei que os ampara e ponos por ante os beneficios de poucos.

Un dos soños da PAH cando naceu ao 2009, precisamente en Barcelona, era cambiar as leis inxustas e ter de xustas para protexer os dereitos fundamentais.

Fixemos realidade este anhelo. Seguimos adiante, porqué deuse un paso importantísimo para conseguir o dereito á vivenda pero aínda nos queda moito para andar.

Hoxe foi un día histórico porque demostramos como o sentido común da rúa pode entrar aos Parlamentos da man da cidadanía organizada para facer leis que transformen as realidades inxustas e que defendan os dereitos fundamentais das persoas.

Enviado pola Plataforma de Afectados por la Hipoteca (PAH) | 25 de julho de 2015 16:07
____________

venres, 5 de xuño de 2015

O Instituto Nacional de Estatística publica un relatorio sobre as Execucións Hipotecarias rexistradas no 1º Trimestre de 2015 - Enlace

Segundo o relatorio publicado, na Galiza destacan os seguintes datos:
    
Certificacións por execucións hipotecarias iniciadas e inscritas. 1 trimestre 2015.

Total de Fincas. ...... 889
Das que 445 son vivendas, 219 de persoas físicas e 226 de persoas xurídicas.
---
Nota do INE
5 de xuño de 2015

Estatística sobre Execución Hipotecarias (EH)
Primeiro trimestre de 2015
.
Datos provisionais.

As inscricións de certificacións por execucións hipotecarias iniciadas nos rexistros da propiedade aumentan un 0,9% respecto ao trimestre anterior, e baixan un 5,2% en taxa anual.

As inscricións de certificacións por execucións hipotecarias iniciadas sobre vivenda habitual baixan un 0,2% en taxa trimestral e un 6,9% en taxa anual.

O 58,9% das execucións hipotecarias iniciadas neste trimestre corresponden a hipotecas constituídas entre 2005 e 2008.

Fonte: http://www.ine.es/

Enlace do Informe:
http://www.ine.es/daco/daco42/eh/eh0115.pdf
____________

sábado, 9 de maio de 2015

O dereito á vivenda: primeiro ás persoas


O dereito á vivenda: primeiro ás persoas


O dereito á vivenda digna e adecuada, segue sendo un dereito sen garantir para moitas familias. O abandono, desde hai décadas da política social de vivenda por parte das administracións públicas, segue obrigando ás persoas a achegar-se aos bancos en busca do diñeiro para afrontar o gasto da súa vivenda. Unha lexislación hipotecaria e bancaria inxusta, cláusulas abusivas e xuros desproporcionados, provocaron que as persoas acabaran sen casa e con unha débeda acumulada, imposíbel de pagar, de por vida. Nos tempos da estafa chamada crise, cunha taxa moi elevada de desemprego [1] e máis dun 50% de emprego sen prestacións económicas, cun grande índice de temporalidade e precariedade na contratación, así como unha baixada xeneralizada dos salarios, o acceso á vivenda, converte-se en algo case imposíbel para moitas persoas.

Nas últimas décadas a política de vivenda dos gobernos de quenda, máis que beneficiar ás persoas, ían destinadas a beneficiar ás promotoras privadas, pois os investimentos en vivenda, mesmo protexida ían dirixidos á promoción privada, en subsidios, compensacións, ou vendendo-lle solo público a prezos case de balde, só coa escusa de apoiar ao sector da construción que comezaba a ter síntomas de crise co paulatino descenso da actividade. Como consecuencia destas políticas aí están as cidades fantasma, urbanizacións sen habitar, e centos de miles de vivendas baleiras, tan só na Galiza son máis de 300.000. Mentres a xente segue perdendo a súa vivenda a mans dos bancos por non poder facer fronte á hipoteca, mais tamén por non poder pagar un aluguer, motivo de desafiuzamento que vai aumentando a un maior ritmo.

Segundo os dados que manexamos desde a Coordenadora Galega de STOPps e PAHs Antidesafiuzamentos, o Goberno Español é responsábel de que os desafiuzamentos sigan aumentando, a estas alturas, segundo a tendencia, xa deben superar o 500.000 en todo o Estado desde o 2008.

Os datos que se poden consultar na web [2] do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) do cuarto trimestre do 2014, reflicten que mentres o PP nos vai vendendo medidas parche e hipócritas anuncios de recuperación, os desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda seguen, na súa grande maioría de forma silenciosa.


Os datos son terríbeis. Desde 2008 practicáronse 496.049 desafiuzamentos, incluíndo os de aluguer e os de hipoteca. É dicir medio millón de familias na rúa desde o estoupido da burbulla inmobiliaria. E os datos non só se manteñen, senón que seguen aumentando: no último trimestre de 2014 produciuse un aumento do 1,8% de lanzamentos, respecto o mesmo período de 2013.

Os centos de miles de desafiuzamentos producidos até hoxe, teñen uns responsábeis políticos directos: os sucesivos gobernos do PP e PSOE que encadearon políticas que lonxe de frear a avalancha de desafiuzamentos aumentárona. Todas as medidas adoptadas até hoxe foron un estrepitoso fracaso para a cidadanía e un tremendo éxito para a Banca. O Real Decreto de "malas" prácticas; o restritivo e ridículo Fondo social de vivendas; a falsa moratoria de desafiuzamentos; a Lei de Segunda oportunidade para os bancos; o fraco e restritivo bono aluguer para familias en exclusión social da Xunta de Galicia ... en todos estes anos non quixeron lexislar para a cidadanía. Actuaron sometidos aos ditados da banca, rescatándoa con diñeiro público, criando un banco malo e axilizando aínda máis os desafiuzamentos.

Desde as PAHs e STOPs antidesafiuzamentos vimos demandado unha solución: dación en pago, moratoria de desafiuzamentos e aluguer social. Mentres o pobo non entre nos parlamentos e concellos, mentres non consigamos desfacernos dos partidos corruptos que gobernan para as grandes corporacións multinacionais e grupos financeiros, mentres e o pobo traballador non entremos nas institucións, para lexislar a favor da maioría social, das persoas, da cidadanía, ... seguiremos loitando, conseguindo dacións en pago, condonacións de débeda, alugueres sociais, paralizando desafiuzamentos e lanzamentos e recuperando as vivendas baleiras en mans das entidades financeiras, para que cumpran a súa función social, porque da nosa loita dependen o respecto ás nosas vidas e os nosos dereitos.

Se se pode !

Nin casas sen xente nin xente sen casas!

Saúde e vivenda Digna !

Ferrol, Abril de 2015

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:

https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

Notas.-
[1] Ao final do 2014, a taxa de desmprego era superior ao 20% (Estado 23,70%, Galiza 20,90%, en Ferrolterra do 26,47 e en Ferrol do 29,65%) - Fontes IGE e INE.
[2] http://www.poderjudicial.es/
[3] O gráfico elaborado cos datos do CGPJ.

|||||||||||||||

martes, 3 de marzo de 2015

Continúa a persecución económica a STOP Desafiuzamentos


Continúa a persecución económica a membros de STOP Desafiuzamentos | Catro persoas acumulan algo máis do 40% da contía total (14872 euros) | As identificacións dos sancionados non se fixeron in situ, o cal evidencia a existencia de “listas negras”.


Na última semana chegáronlle sancións administrativas de 450 €, con opción de abrir a vía penal, a varias persoas que participaron da concentración do 19 de Decembro de Elviña non se vende, á que nos sumamos como colectivo. As multas ás persoas manifestantes tras cada convocatoria estáse convertindo nunha desagradable tradición da Subdelegación de Goberno que, como observamos con tristeza, non é exclusiva da nosa cidade. En todo caso, negámonos a que se acepte como normal a represión da protesta. As forzas policiais que se mobilizan para calquera acto convocado polo noso colectivo chegarían a resultar paródicas de non haber de fondo a triste realidade da represión e a Lei Mordaza.

Dende STOP Desafiuzamentos queremos recordar que este movemento está a ser perseguido por parte das diversas administracións públicas sendo multados constantemente por manifestarse en prol do dereito de todas as persoas a ter un fogar. Ademáis temos constatado que a partires da primeira identificación os membros do colectivo son multados sistematicamente, comprobando que a primeira sanción nunca é a última.

O caso de persecución, xa de por sí grave, é aínda máis sangrante no caso de catro persoas que acumulan 6310 euros en sancións (dun total de 14.872 euros). Queremos suliñar que, levando a cabo as mesmas accións que o resto dos manifestantes, eles centran a atención das autoridades e son multados aínda que só participaran pacíficamente nunha protesta. Cómpre lembrar que a estas sancións se unen as de outras protestas xa que nosos compañeiros son tamén activistas noutras organizacións. De todos os xeitos, a presión sobre o noso grupo é tamén considerable, dado que observamos que houbo un aumento na contía individual das multas, e un cambio nas vías, antes administrativa e agora tamén penal.

Cabe suliñar tamén que as irregularidades por parte das administracións públicas son constantes. Exemplo disto é a identificación "visual" que nunca é realizada in situ (o que evidencia a existencia de "listas negras"), así como a emisión das notificacións marcando por defecto o rexeitamento de sinatura e copia do recibo por parte do multado. As sancións chegan mesmo ó ridículo xa que algunhas delas foron impostas a persoas de idade avanzada que participaron nas últimas protestas de Elviña.

Todos estes feitos indican que Stop Desafiuzamentos, xunto con outros colectivos da cidade, está a sufrir unha persecución permanente, inxusta e arbitraria por parte de aqueles que deberían respectar as leis e coidar de todos e todas as cidadás. Na nosa opinión, a excesiva presenza policial nas manifestacións é un síntoma do temor das institucións á organización social e o apoio mutuo que se veñen demostrando como, por exemplo, nos casos de Aurelia, Elisabeth ou o desaloxo e derrubo do fogar de Isabel e Varo en Elviña. Queremos destacar que mesmo os corpos de seguridade son os que provocan os disturbios coa súa actitude provocadora e intimidatoria. Por todo isto, chegamos á conclusión de que o que se está a buscar é a criminalización da acción política de certas persoas ou colectivos e entendemos que as institucións están mais preocupadas en manter unha orde sumisa que en satisfacer as necesidades básicas ou respectar os dereitos fundamentais dos cidadáns.

Por outra banda, queremos agradecer as doazóns por parte de todas as persoas que fixeron un esforzo e aportaron cartos para poder sufragar as multas que a administración está empeñada en impornos. E recordamos que todos aqueles sancionados en firme polo intento de desafiuzamento de Aurelia Rey poden solicitar o ingreso da contía a través dos medios do colectivo.

A Coruña, 28 de Febreiro de 2015.

NIN XENTE SEN CASA, NIN CASAS SEN XENTE!!!

--
@desahuciocoruna

stopdesahuciosacoruna.blogspot.com


Facebook:

Grupo de stopdesafiuzamentos d'A Coruña

||||||||||||||||||

mércores, 18 de febreiro de 2015

Xuntanza da Coordinadora Galega de PAHs e STOPs - Plataformas Anti-Desafiuzamentos da Galiza


O sábado 21 de Febreiro, vai ter lugar en Compostela, unha nova xuntanza das plataformas anti-desafiuzamentos da Galiza. No bar-restaurante As María (San Clemente, 32 - ver mapa). Antes da xuntanza, no mesmo lugar, mais sobre as 10 da mañá, está convocada unha rolda de prensa onde se dará conta da nosa actividade e previsións.

Trata-se da primeira xuntanza, despois das mobilizacións coordenadas contra a criminalización e a represión dos movimentos sociais, para denunciar a represión que se está exercendo contra loita contra os desafiuzamentos. Mobilizacións celebradas a finais do pasado ano, pois a represión policial directa e as multas, están caendo sobre as nosas plataformas que loitan polo dereito humano a unha vivenda digna e adecuada, así como contra especulación financeira e inmobiliaria.

As plataformas de stop desafiuzamentos e afectad@s pola hipoteca, da Galiza, reúnen-se para coordinar asuntos de importancia para o movemento anti-desafiuzamentos, como a valoración da evolución do activismo en cada PAH/STOP desde a anterior xuntanza; ou a valoración das accións coordenadas realizadas contra a Lei Mordaza, e propostas de novas accións conxuntas. Tamén imos debater sobre a oportunidade de volver a promover unha IPL en defensa do dereito á vivenda, que incorpore tamén medidas contra a pobreza enerxética. Constituír grupos de traballo e coordinar a nosa participación  na próxima asemblea estatal da PAH, o 7 de marzo, en Xixón. Debater sobre as posibilidades que pode presentar o período previo ás eleccións municipais do 24M para difundir e defender o dereito á vivenda fronte e a través dos concellos. E por último perfilar novos métodos para avanzar na coordinación das PAH/STOP galegas.

|||||||||||||||||||||||