luns, 11 de xaneiro de 2016
Diante dos Xulgados de Ferrol tivo lugar unha concentración de apoio a Marcos Guerreiro e contra os abusos bancarios, mentres se celebraba unha vista oral pola demanda contra a financeira UCI
Mentres se celebraba unha vista oral no Xulgado de Instrucción nº4 de Ferrol, pola demanda interposta por Marcos Guerreiro contra a financeira UCI (Unión de Créditos Inmobiliarios), entidade participada polo Banco Santander e BNP (Banca Nacional de Paris), diante do edificio dos Xulgados de Ferrol tivo lugar unha concentración de apoio ao compañeiro Marcos e contra os abusos bancarios.
A vista oral de hoxe 11 de xaneiro de 2016, trataba sobre unha demanda contra a aplicación do índice de referencia de préstamos hipotecarios (IRPH) presentada por Marcos Guerreiro, contra a financeira UCI, entidade coa que ten subscrito un contrato de préstamo hipotecario. Despois da vista oral de hoxe, onde as partes presentaron a documentación e expuxeron os seus argumentos ante a demanda, o xuízo quedou fixado para o vindeiro 23 de Febreiro, ás 12:30hs.
Concentración
O mesmo Marcos Guerreiro, convocou unha concentración diante do edificio dos Xulgados de Ferrol, apoiada pola Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca (PAH) de Ferrol e Comarca e Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, á convocatoria sumaron-se as Marchas da Dignidade e tamén participaron o Alcalde e concelleir@s da corporación municipal de Ferrol (Jorge Suárez, Iván Rivas, Beatriz Sestayo, Álvaro Montes, Eva Espiñeira, ...), e membros das organizacións políticas BNG, Ferrol en Común, PSdeG-PSOE, e a deputada de En Marea recen elixida Yolanda Díaz. Concentración contra a estafa e os abusos bancarios, e que reivindicaba o dereito a unha vivenda digna e adecuada.
Marcos Guerreiro explicou o seu propio calvario hipotecario que ven relatando aos medios de comunicación e a políticos de referencia que participaron na recente campaña electoral, ao cal lles pedía un cambio lexislativo que evitara as estafas e abusos bancarios e protexera ás persoas fronte ás grandes corporación financeiras. E agradeceu o apoio recibido na súa loita contra a estafa do IRPH (Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios) que é un índice opaco e manipulábel como así recoñece o propio Banco de España, mais que o segue mantendo como un dos índices de referencia para os contratos hipotecarios. O propio Marcos denunciaba que a súa hipoteca, a pesar de pagar, seguía subindo, mesmo que pedindo 116.000 euros chegou a deber 121.000.
Enlace de referencia:
Relato e enlaces de interese | Xuízo en Ferrol, este 11 de Xaneiro, contra a financeira UCI (Banco Santander e BNP), polo abusivo índice hipotecario IRPH | 09.01.2016 | Ir a post no noso sitio.
A nova nos medios:
* IRPH: Feita a hipoteca, feita a trampa. | Interesante artigo de Marcos Pérez Pena | Praza Pública. | 11.01.2016 | Ir á Web.
* Vista oral nun xulgado de Ferrol. | Denuncia a aplicación dun índice "opaco" no seu préstamo hipotecario. | O xuízo, fixado para o 23 de febreiro, trala concentración de apoio e en protesta contra as prácticas da financeira. | E.P. FERROL | El Correo Gallego | 11.01.2016 19.05h. | Ir à Web.
* Concentración ante unha denuncia contra entidades bancarias por abuso hipotecario. | Galicia Ártabra Digital | 11.01.2016 | Ir à Web.
* Díaz sinala en Ferrol que casos como o de Marcos Guerreiro "mostran estafa" | Luns, 11 Xaneiro 2016 16:16 | Noticias Galicia | Ir à Web.
|||||||||||||||||||
sábado, 9 de xaneiro de 2016
Xuízo en Ferrol, este 11 de Xaneiro, contra a financeira UCI (Banco Santander e BNP), polo abusivo índice hipotecario IRPH
A PAH de Ferrol e Comarca e Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, amosaron o seu apoio a Marcos Guerreiro, contra o abuso bancario e polo dereito a unha vivenda digna e adecuada, participa acompañando ao compañeiro, nunha concentración este luns 11 de xaneiro, diante dos xulgados de Ferrol, ás 13:00hs, (Rúa Coruña 53-55) o xuízo terá lugar no Xulgado de Primeira Instancia Nº 4 - 1º Andar.
Este luns 11 de Xaneiro de 2016, vai ter lugar un xuízo en Ferrol, contra a financeira UCI (Unión de Créditos Inmobiliarios), pertencente ao Banco Santander e BNP (Banca Nacional de Paris). O xuízo contra UCI, responde á demanda interposta por Marcos Guerreiro, un obreiro metalúrxico que como outros miles de traballadores estaba empregado na industria auxiliar do sector naval da Ría de Ferrol que está atravesando unha crise histórica. Que para a compra da súa vivenda solicitou en 2006 ao Banco Santander, a través da Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI), un préstamo por valor de 116.000 euros e actualmente, nove anos e 50.000 euros despois, debe 116.300 euros. Unhas contas imposíbeis, que só se lle poden atribuír "a intereses usureiros", explica Marcos ao Diario de Ferrol nunha entrevista que foi publicada o pasado 15 de decembro. A demanda de Marcos é contra as cláusulas abusivas no contrato hipotecario, ao aplicar-se-lle perante anos o índice hipotecario IRPH (Índices de Referencia de Préstamos Hipotecarios) [1], que mesmo na actualidade está máis de dous puntos por encima do euribor (2,078).
O IRPH volveu a subir en Decembro de 2015, por segundo mes consecutivo (2,132+0,005:=2,137). A subida é mínima, tan só de 0,005 puntos, pero destaca o feito de que mentres que o Euríbor segue caendo (nun mes pasa de 0, 079 a unha media provisional de 0,059, o 26 de decembro de 2015) e achegándose a cero o IRPH parece estancado e até sobe algunhas milésimas.
Ao subir o IRPH durante dous meses consecutivos á vez que o Euríbor segue perdendo posicións mes a mes, conduce evidentemente a un aumento da diferenza entre ambos índices hipotecarios. Si fai dous meses e tamén o mes anterior, a diferenza entre ambos se situaba por baixo de 2 puntos, agora no mes de decembro, supéraos claramente, concretamente no mes de novembro de 2015 había unha diferenza de 2,053 puntos. Agora, en decembro pasado, son 2,078 puntos de diferencia (2,137-0,059= 2,078) .
O euribor alcanzou durante este ano un mínimo histórico, pechando o ano, con 0,59 puntos. Unha tendencia que, segundo os analistas, manterase o próximo ano e que relaxou os pagos hipotecarios de millóns de familias en todo o Estado. Non é o caso de Marcos Guerreiro, cuxos intereses establecen-se en base ao Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH).
Segundo o que conta Marcos ao xornal comarcal ferrolán, actualmente está pagando un 2,81%, máis o 0,65% polo diferencial "algo así como a cualificación crediticia que fai a entidade financeira do prestatario". En total, case dous puntos e medio por encima do euribor. Iso significa que dos 473 euros que paga todos os meses, ... "só 200 corresponden á amortización da hipoteca" ... "Dous anos logo de asinar o contrato, advertín que as letras non só non baixaban, como me dixeron na UCI, senón que subían drasticamente", ... "Cheguei a deber 4.000 euros máis do que asinara", ...
Marcos Guerreiro , segundo explica no Diario de Ferrol, demandou á UCI esixindo a devolución de 39.000 euros "polo que considera intereses abusivos" e a nulidade da cláusula que contempla este IRPH. Marcos asegurou que o que lle explicou o asesor financeiro da UCI "non ten nada que ver co que sucedeu despois" ... "Ninguén asinaría unha cláusula que lle obrigue a pagar máis. Está claro que me enganaron", comenta.
Parece ser que nun principio a entidade financeira intentou desviar a demanda ao Xulgado Mercantil da Coruña, mais finalmente farase cargo do caso o xulgado de primeira instancia número 4 de Ferrol. Será a primeira demanda deste tipo que chegue aos tribunais ferroláns e unha das primeiras en Galiza.
En todo o Estado, existen 1,3 millóns de afectados pola aplicación deste Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), "mais tan só hai 50 sentenzas favorábeis, malia que Galiza é a comunidade menos afectada, só dez de cada mil contratos hipotecarios conteñen esta cláusula. Aínda así, tan só en Ferrol afecta a máis de 400 persoas", publica o Diario de Ferrol, na mencionada nova.
E continua manifestado que "os bancos e caixas vendían eses índices como referencias moito máis estábeis que o euribor. Con todo, a evolución de ambos índices nos últimos tres anos puxeron de manifesto o contrario. Calcúlase que unha persoa que teña asociado este indicador ao seu hipoteca pagará 1.200 euros máis ao ano, no mellor dos casos".
Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol queremos amosar a nosa solidariedade con Marcos Guerreiro, e chamamos a acompañar ao compañeiro o vindeiro luns 11 de xaneiro, diante dos xulgados de Ferrol, ás 13:00hs, contra os abusos bancarios, por unha outra lexislación hipotecaria e bancaria que teña en conta ás persoas primeiro e non os intereses das grandes corporacións financeiras.
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
[1] Os Índices de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH) son indicador en porcentaxe que utilizan as entidades financeiras co que actualizan o tipo de interese das hipotecas con tipos de interese variábeis. O Banco de España publica mensualmente todos os índices a través dunha media das diferentes ofertas do mercado hipotecario que inscribiron os bancos e caixas de aforro. Mais o índice máis utilizado como referencia para as hipotecas a interese variable é o Euribor. | + Info .
[2] O Euribor o índice máis coñecido e utilizado polas entidades financeiras á hora de conceder préstamos hipotecarios, constitúe unha preocupación para moitas persoas que formalizaron unha hipoteca a interese variábel referenciada a ese índice, pois da súa evolución depende a cota mensual da súa hipoteca. O Euribor (Tipo europeo na oferta interbancaria) Este é o índice que deben utilizar os bancos pertencentes á Unión Monetaria Europea cando se prestan diñeiro. Gran parte das hipotecas están referenciadas a este índice. É importante sinalar que o Euribor é o tipo de interese que os bancos se cobran por prestarse diñeiro entre si. Calcúlase cada día pola Federación Bancaria Europea que convoca todas as mañás a 47 entidades bancarias para preguntar-lles, a que prezo están dispostas a ofrecer fondos? A federación recolle as propostas das entidades bancarias, elimina as que se superen por arriba ou por abaixo o 15% e co resto fai unha media aritmética. Esta media é o valor que cada día marca o Euribor. | + Info.
Enlaces de interese:
Agrupación de Afectad@s polo IRPH | Porque non queremos que nin ti nin ninguén máis sexa o próximo DESAFIUZADO. Porque queremos que o IRPH desapareza en todas as súas variantes e non sirva para afectar a máis familias. Porque o IRPH desapareza por ser abusivo. Revisa a túa escritura e si o teu índice de referencia é IRPH ... benvido. | Ir á Web.
Recentes sentenzas comezan a estimar a nulidade da fixación do IRPH como índice de referencia para calcular o tipo de interese dos préstamos hipotecarios, pois entenden que o mesmo é abusivo como consecuencia da inclusión nos préstamos con falta de transparencia sobre o seu funcionamento. | As Sentencias na sección Tribunais da web d@s compañeir@s da IRPH Stop Gipuzkoa, plataforma de afectados polo IRPH, que xurdiu dun grupo de traballo de Kaleratzeak Stop Desafiuzamentos (PAH) en Donostia. | Ir á Web.
INFORME IRPH | ANÁLISE CRÍTICA DO PROCEDEMENTO DE CÁLCULO DOS ÍNDICES IRPH, OU POR QUE DICIMOS QUE O IRPH É MANIPULABLE E FALTO DE TRANSPARENCIA. | J.E. - Donostia, 19-02-2014 | En formato pdf de 10 páxinas. | Acceder/Baixar.
||||||||||||||
luns, 30 de novembro de 2015
As cinco propostas lexislativas das PAHs/STOPs da Galiza diante das Eleccións Xerais do 20 de Decembro
Tres anos despois de tentar cambiar a lei a través da ILP que o PP bloqueou coa súa maioría absoluta, e máis de 6 anos despois de autotutelar os nosos dereitos a diario parando desafiuzamentos, recollendo familias a través da Obra Social, arrincando dacións e alugueres sociais á banca, soportando multas, represión e unha campaña de estigmatización constante dende os poderes fácticos e políticos do Estado Español. As eleccións xerais abren a posibilidade dunha nova correlación de forzas que permita superar a complicidade da banca e as subministradoras cos gobernos do PP e o PSOE. Complicidade que ocasionou leis inxustas, estafas, desafiuzamentos e cortes de subministracións.
Dirixímonos a toda a cidadanía, para que coñeza estas demandas enmarcadas na campaña: Sen as 5 da PAH, Eu non vos voto:
1.- DACIÓN EN PAGO RETROACTIVA: Poñer fin ás débedas para sempre, a débedas ilexítimas, garantir o dereito para volver a empezar. Rescatemos a persoas, non á banca.
2.- ALUGUER ALCANZABLE: O aluguer como unha opción de vida segura, estable e a un prezo alcanzable.
3.- STOP DESAFIUZAMENTOS: Nin unha familia máis na rúa.
4.- VIVENDA SOCIAL: Poñer fin aos pisos baleiros en mans da banca creando un parque público de aluguer. Non se entende que haxa xente sen casas e casas sen xente.
5.- SUBMINISTRACIÓNS GARANTIDAS: Non máis cortes de auga, luz e gas.
Son 5 demandas de mínimos, necesarias, urxentes, destinadas a rescatar á cidadanía. Desde 2009 puxemos propostas de solución sobre a mesa a todos os partidos e todos os niveis da Administración. Demostramos que perdendo o medo podiamos vencer a Bancos, financeiras e fondos voitres. Fomos nós quen en ausencia de gobernos valentes organizámonos e combatido polos nosos dereitos.
As PAH e colectivos Stop-desafiuzamentos Galegos presentamos no Parlamento Galego o día 10 de novembro estas 5 propostas lexislativas, dentro desta campaña que deu comezo en todo o estado o día 8 de setembro.
Recentemente comezamos a recibir propostas de reunións con formacións políticas. Dende os colectivos galegos, e dado que entramos de cheo nun ciclo electoral que comeza con eleccións Estatais ao Congreso e ao Senado, rematando en primavera con unhas eleccións autonómicas queremos comunicar:
1º) As formacións políticas que se amosen sensibles coas 5 propostas da PAH, en política de vivenda, faránnolo saber por escrito antes do día 14 de decembro. Explicando no mesmo o nivel de compromiso con estas propostas.
2º) Os colectivos pah-stop galegos consideramos que as propostas lexislativas da PAH son razoables e asumibles por calquera formación política e as condicións que expoñemos tamén entran dentro da lóxica preventiva dun colectivo cidadá que non quere ser utilizado en campaña electoral para beneficio de ningunha formación política.
3º) Ante os presentes tempos electorais e partidarios, dende o colectivo das PAHs e STOP DESAFIUZAMENTOS galegas consideramos que participar nas presentes eleccións coma axente activo e sobre todo en forma de correa de transmisión publicitaria, non é o noso papel.
Recibide unha fraternal aperta.
NEN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA.
30 de Novembro de 2015
PAHs/STOPs da Galiza
|||||||||||||||||
Presentación no Parlamento Galego dunha moción coas Esixencias PAHs/STOPs da Galiza que garantan mediante medidas básicas o dereito á vivenda digna e aos subministros básicos
O pasado 10 de Novembro, en Santiago de Compostela, realizou-se a presentación no Parlamento Galego dunha moción coas Esixencias das PAHs/STOP de Galiza para garantir, mediante unhas medidas mínimas, o dereito á vivenda digna e aos subministros básicos de subsistencia.
O acto consistiu no rexistro das Esixencias e o contacto no Parlamento Galego cos grupos do BNG e AGE, o mixto escusou a súa, para a presentación dunha Moción Parlamentaria que con carácter xeral esta-se a presentar, adaptado ás circunstancias en cada territorio, no conxunto do Estado que é un documento de "Esixencias PAHs/STOP" que desenvolve estes cinco puntos:
1. Dación en pago retroactiva. Mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberar aos avales e eliminar as cláusulas abusivas.Moción Parlamentaria en formato pdf | Acceder/Baixar.
2. Aluguer estable e asequíbel. Modificar a lei para que os contratos do aluguer sexan máis estables e seguros.
3. Vivenda accesible. Paralización dos desafiuzamentos e creación dun parque de vivenda público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira.
4. Subministros básicos garantidos. Evitar cortes e responsabilizar ás subministradoras.
5. Creación dun observatorio da Vivenda.
Si se Pode !! |Saúde e Vivenda Digna !!
||||||||||||||||||||
xoves, 5 de novembro de 2015
A PAH de Ferrol e Comarca chama a participar na concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro
A PAH de Ferrol e Comarca chamou-nos a participar na concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro, ás 11:00hs nos xulgados de Ferrol, do Banco Santander contra un compañeiro da PAH de Ferrol e comarca.
As compañeiras e compañeiros das PAH comunican-nos que a avogada Maite Ortiz e o avogado José María Erauskin de Gipuzkoa, onde "están conseguindo parar en moitos casos aos voitres carroñeiros da banca", din desde as PAH, e que se lles solicitou apoio e sen dubidalo responderon positivamente á petición. A PAH de Ferrol e Comarca, convidan-nos a participar e a difundir á acción, para "que se saiba nos xulgados de Ferrol que non é un campo abonado para os bancos onde como ata agora, fixeron o seu libre albedrío". Din as compañeiras e compañeiros da plataforma antidesafiuzamentos. Manifestando que lle deamos a "máxima difusión para que se saiba que non nos imos a deixar vencer e que chegaremos ata o final na loita polos nosos dereitos. SI PÓDESE".
Desde STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, non podiamos máis que amosar a nosa solidariedade e manifestar que conten con nós na difusión da acción do 10 de Novembro e que participaremos activamente na concentración que vai ter lugar o mesmo día do xuízo, diante dos Xulgados de Ferrol, ás 11 da mañá.
As Marchas da Dignidade de Ferrolterra, na súa última Asemblea decidiu apoiar a concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria do Banco Santander contra un compañeiro da PAH.
O xuízo coincide co acto de rexistro e contacto no Parlamento Galego cos grupos, para a presentación dunha Moción Parlamentaria que con carácter xeral esta-se a presentar, adaptado ás circunstancias en cada territorio, no conxunto do Estado que é un documento de "Esixencias PAHs/STOP" que desenvolve estes cinco puntos:
1. Dación en pago retroactiva. Mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberar aos avales e eliminar as cláusulas abusivas.Agardamos que alguén de nós poida estar ese Martes 10 de Novembro en Compostela representando a Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.
2. Aluguer estable e asequible. Modificar a lei para que os contratos do aluguer sexan máis estables e seguros.
3. Vivenda accesible. Paralización dos desafiuzamentos e creación dun parque de vivenda público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira.
4. Subministros básicos garantidos. Evitar cortes e responsabilizar ás subministradoras.
5 Creación dun observatorio da Vivenda.
Moción Parlamentaria en formato pdf | Acceder/Baixar.
||||||||||||||||
domingo, 11 de outubro de 2015
Xuízo ao compañeiro Nicanor Acosta Alonso de Stop Desafiuzamentos d'A Coruña, pola loita contra o despexo de Aurelia Rey en Febreiro de 2013
Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, chama a solidarizar-se co compañeiro Nicanor Acosta (Nico) e o resto de compañeir@s de Stop-Desafizuamentos d'A Coruña, contra a onda represiva que se desatou e segue desatando contra quen defende os dereitos fundamentas, e o derito a unha vivenda digna e adecuada, o dereito a manifestar-se libre mente contra a inxustiza e opoñer unha resistencia pacifica contra os abusos do sistema que exerce contra os pobres e os desposuídos da Terra, o dereito a rebelear-se contra a tirania dos mercados, do Capital. Adiante compañeir@s o futuro é noso, de xustiza, de igualdade, de solidariedade, do bon vivir, .... As compañeira e compañeiros de Ferrolterra estamos con Nicanor. Pan, Traballo, Teito e Dignidade. A continuación transcribimos o comunicado que nos achegaron @s compañeir@s de stop-Desafiuzamentos da Coruña.
Xuízo ao compañeiro Nicanor Acosta do colectivo polo desafiuzamento de Aurelia Rey. | Case tres anos máis tarde, Nicanor segue pendente dun xuízo no que se lle acusa da “provocación de reacciones no público que alteren o podan alterar a seguridade cidadán”. | El só acumula máis de 2.700 € en multas polas distintas mobilizacións do noso colectivo nestes tres anos
O noso compañeiro Nicanor afronta o próximo martes 13 de Outubro un xuízo no contencioso-administrativo contra as multas impostas pola Delegación do Goberno pola súa participación no intento de parar o desafiuzamento de Aurelia Rey en Febreiro de 2013. Tras anos de presentar recursos pola vía administrativa opoñéndose á sanción, este martes o xuíz resolverá o procedemento.
Na sanción acúsase a Nicanor da “provocación de reacciones no público que alteren o podan alterar a seguridade cidadán”, reclamándolle por isto 600 €. O que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as “reaccións no público” as causaba un grupo de homes armados e uniformados que agrediron á xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun megáfono.
Este compañeiro de 74 anos de idade, presente en practicamente todas as mobilizacións producidas dende o 15 de Maio de 2011, ten sido un obxectivo sistemático da represión policial. Só pola súa participación nas mobilizacións de Stop Desafiuzamentos A Coruña foi sancionado con multas que, xuntas, reclámanlle máis de 2.700 €; e a isto habería que sumar as correspondentes ao seu compromiso na loita contra as preferentes, polos servizos públicos e de calidade, contra a corrupción, nas Marchas da Dignidade, etc.
Afortunadamente, e grazas á solidariedade de moita xente, Nicanor e as outras compañeiras multadas do noso colectivo teñen garantida a cobertura económica para as sancións tras a campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti” que vimos realizando dende 2013. Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas, a persecución e o hostigamento que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da Policía Nacional e demáis organismos estatais de represión.
Ante a inxustiza e o acoso que está a sufrir o noso compañeiro Nicanor, convocamos unha concentración diante do edificio PROA (Matogrande) o próximo martes 13 de outubro, ás 9.30h, para amosarlle o noso apoio e o rexeitamento á política represiva do Goberno.
SÓ A LOITA FAI XUSTIZA!
NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
Concentración en apoio a Nicanor e contra a represión dos movementos sociais.
Día: Martes, 13 de Outubro.
Hora: 09:30hs.
Lugar: Edificio PROA, Matogrande - A Coruña.
PARTICIPA NO EVENTO:
https://www.facebook.com/events/495923013901455/
STOP DESAFIUZAMENTOS A CORUÑA
-desahucios.coruna@gmail.com-
10 de outubro de 2015 12:28
||||||||||||||||||||
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)