Oficina de desafiuzamentos e de mediación de vivenda en alugueiro de Ferrol

Edificio Social, na rúa Sánchez Barcáiztegui, 35, de Ferrol

Era principios de Xullo de 2015, no comezo do novo goberno municipal conformado por Ferrol en Común e PSdeG-PSOE. Levaban no Programa de Goberno a constitución dunha Oficina de Desafiuzamentos, polo que foi unha das primeiras medidas que tomou Beatriz Sestayo, daquela Concelleira de Benestar Social. A nova que transcribimos a continuación, corresponde ao anuncio de constitución desta Oficina que se fixo público en Rolda de Prensa o 13 de agosto de 2015 [1].

Está oficina está constituída por un só técnico municipal, un traballador social, sen apoio de auxiliar administrativo algún. Está situada no Edificio Social (Unha antiga de pendencia da Casa Cuna, na rúa Sánchez Barcáiztegui, números 35-47).

O xeito de traballar, ao menos até que entramos en contacto con esta, era o seguinte. Desde as unidades básicas de zona dos servizos sociais enviaban a esta oficina ás persoas que se achegaban ás mesmas con problemas de vivenda, por falta de pago de alugueiro ou de cotas do préstamo hipotecario. Mais non se aplicaba o protocolo [2] (nen tan sequera se coñecía), establecido no Convenio de colaboración entre Fegamp, Xunta e Consello de Poder Xudicial, anunciada a súa adhesión o 18 de Abril de 2013, polo entón Alcalde José Manuel Rey Varela, e presidente da Fegamp, e hoxe Conselleiro de Política Social. Foi en Decembro de 2016, e Xaneiro, Febreiro e Marzo deste ano cando intervimos directamente en varios casos e nos puxemos en contacto co Servizo común de actos de comunicación e embargos do Partido Xudicial de Ferrol, e nos comunicaron a relación de persoas que en cada concello atendía os asuntos relacionados co Protocolo, mais que estas nunca chamaran ao citado Servizo. Non había comunicación, iso que hai na actualidade unha media de 12 desafiuzamentos por mes.
Desde o Programa Reconduce [3] da Xunta de Galicia, tampouco chamaran nunca ao Xulgado para pedir un adiamento dos desafiuzamentos.

DENUNCIAMOS

Que desde que se constituíu esta Oficina, non existe publicidade da existencia da mesma, só a mencionada rolda de prensa dada por Beatriz Sestayo e punto. Na páxina web do Concello non existe tal Oficina e mesmo no directorio telefónico do Concello. É como se se quixera ocultar a súa existencia. Para poñer-se en contacto coa oficina hai que chamar á central telefónica ao 981 94 40 00 ou achegar-se ao Edificio Social sinalado.

---


Detalle da mencionada nova da rolda de prensa do 13 de Agosto de 2015.

O Concello de Ferrol pon en marcha unha Oficina de desafiuzamentos e de mediación de vivenda en alugueiro


A Oficina está ubicada no Edificio Social (Rúa Sánchez Barcáiztegui, números 35-47) e mediará coas inmobiliarias e propietarios interesados para facilitar alugueiros a prezos accesíbeis a persoas con dificultades económicas e en risco de exclusión social.

O Concello de Ferrol anunciou hoxe a posta en marcha da Oficina de desafiuzamentos e de mediación en vivenda en alugueiro, coa que dende a administración municipal axudarase ás persoas que se atopan en situacións económicas difíciles ou en risco de exclusión social a atopar unha vivenda en alugueiro, salvando as trabas que se poden atopar coas inmobiliarias ou os propietarios.

Na Comisión de Benestar Social celebrada na mañá deste xoves a concelleira Beatriz Sestayo (PSOE) deu conta da creación desta Oficina, que está situada no Edificio Social da rúa Sánchez Barcáiztegui en Ferrol, e que estará atendida por un traballador social que realizará tanto atención social como xurídica.

Evitar os desafiuzamentos é unha das prioridades do Goberno, explicou Sestayo, que lembrou que se están tentando paralizar realizando tanto xestións no ámbito xudicial e cos propietarios, como facendo fronte a determinados pagos pendentes con partidas de emerxencia social.

Pero en moitos casos rexístrase outro problema, e é o feito, constatado, da dificultade que atopan moitas persoas para conseguir unha vivenda en alugueiro, non só polos prezos elevados, senón tamén polas dúbidas dos propietarios á hora de alugar.

Ante iso, “o que facemos dende o Concello con esta iniciativa é centralizar toda a información, traballando con todas as inmobiliarias e facendo acompañamento dos técnicos aos propietarios para tranquilizalos”, sinalou a concelleira.

Centralizaremos no Edificio Social de Ferrol toda a información sobre os alugueiros que hai nas distintas inmobiliarias e vaise traballar con todas as inmobiliarias e con todos os propietarios que queiran poñer o seu piso a disposición de alugueiro, con prezos baratos”, explicou Beatriz Sestayo, que engadiu que se pon así en marcha un “acompañamento social por parte dos técnicos de servizos sociais que facilite aos propietarios certa tranquilidade de firmar un contrato”.

Do mesmo xeito, nos casos en que as persoas cumpran os requisitos na normativa de emerxencia social tamén se valora abonar, dende as axudas de emerxencia, a primeira mensualidade, para que poidan acceder a estes alugueiros, que se están estipulando en torno aos 250 ou 290 euros.

A medida permitirá de xeito paralelo unha maior fluidez no mercado de alugueiro de vivendas, “sen perxúizo en todo caso”, matizou, de que dende o Goberno se adopten decisións sobre vivendas públicas en Ferrol, como as do barrio de Recimil. “O emprego e a vivenda son problemas claros nesta cidade e teñen que ser obxecto de acción inmediata”.

Enlaces de interese, relacionados, tirados da web do Concello de Ferrol, da Sección de actualidade - Novas:


O Concello de Ferrol negocia un convenio coas entidades subministradoras para evitar cortes de luz por desafiuzamentos
24/02/2016 - O alcalde, Jorge Suárez, coida que cómpre un período de carencia para evitar cortes mentres se tramitan as axudas de emerxencia social para non agravar o sufrimento das familias.

|||||||||||||||||||||