venres, 5 de agosto de 2016

O Concello de Narón aproba unha escualida moción unitaria declarando a Narón Cidade Libre de Desafiuzamentos e para apoiar á vivenda digna como ben social


En Xullo do pasado ano 2015, presentabamos ante o Concello de Narón a nosa proposta antidesafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna, non só polo rexistro, senón que solicitaramos unha xuntanza co Alcalde e as persoas responsábeis políticas das áreas de vivenda e servizos socias. Por razóns de axenda só puidemos manter unha xuntanza coa responsábel de servizos sociais Catalina García Blanco, coa que mantivemos unha extensa reunión na que presentamos as nosas propostas recollidas no documento:

DECLARACIÓN DE NARÓN COMO CONCELLO LIBRE DE DESAFIUZAMENTOS. | PROSTAS DO MOVEMENTO  ANTIDESAFIUZAMENTOS E DE DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA E ADECUADA AO CONCELLO DE NARÓN. | Acceder/Baixar.

Pasaron 12 meses sen atender as nosas propostas.

Logo veu a principios de Xuño deste ano 2016, o desafiuzamento de Pilar e Pastor, cos seus dous fillos, é unha problemática familiar engadida que lles colocaba na exclusión social grave. Trataba-se dun non pago de alugueiro a un particular por falta de ingresos na unidade familiar. Collemos o asunto a tres días da execución, no segundo aviso de lanzamento. Os servizos sociais do Concello non aplicaron ningún protocolo, nin propio, nin no sinalado no convenio de colaboración entre a FEGAMP, Xunta e Poder Xudicial. A nosa intervención foi rápida e decisiva, para solucionar a situación e poñer en evidencia a desidia municipal. A raíz deste conflito o Concelleiro André Abeledo Fernández, de Esquerda Unida, tomou o asunto para levar ao Concello e ao final conseguiu que o grupo de goberno (TEGA, BNG e PSOE), consensuaran e asinaran unha moción que recolle, só nunha pequena parte, as nosas propostas. O compromiso do Concello é mínimo, por dicir algo, nin tan sequera recolle o compromiso de elaboración dun protocolo de actuación municipal. A moción no seu 90% de contido, dedica-se á relación dunha serie de medidas que se lle piden ao Goberno de España. A continuación transcribimos a moción aprobada no Pleno do Concello de Narón celebrado o xoves 28 de Xullo de 2016.

---

MOCIÓN QUE PRESENTAN O GRUPO DE GOBERNO E EU (GRUPO MIXTO)  DO CONCELLO DE NARÓN PARA APOIAR Á VIVENDA DIGNA COMO BEN SOCIAL E PARA DECLARAR A NARÓN COMO CIDADE LIBRE DE DESAFIUZAMENTOS

O Grupo de Goberno e o EU (Grupo Mixto) do Concello de Narón, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN, en base á seguinte:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O dereito de toda persoa a un nivel de vida adecuado para si e a súa familia, que lle asegure a saúde e o benestar, alimentación, vestido e vivenda, así como garantir as medidas apropiadas para asegurar a efectividade de este dereito, está recollido na Declaración Universal da Asemblea Xeneral da ONU de 1948, do posterior Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1966, e incorporado na Constitución Española de 1978, no seu artigo 47, que recolle o dereito a unha vivenda digna e adecuada. Hai que ter en conta que a asunción destes Dereitos entrañan non só o recoñecemento dun dereito individual senón tamén a obriga de todas as Administracións, empezando pola do Estado, terminando polos Concellos, de actuar, con todos os medios ao seu alcance, para garantir estes dereitos.

A falta de oferta de vivenda social por parte das Administracións, a imposibilidade de emanciparse ou como ocorre na actualidade, a perda da vivenda provocada por un desafiuzamento e a débeda arrastrada de por vida, supón a exclusión real de persoas do noso sistema económico e social. E isto a pesar de que o  noso ordenamento xurídico, comezando pola Constitución, non permite o uso “antisocial da propiedade”, non permite o uso especulativo do chan ou da vivenda, o enriquecemento inxusto e as condicións abusivas aproveitándose dun ben necesario.

Sen embargo, e a pesar desta esixencia, as Administracións durante moito tempo miraron para outro lado e non actuaron regulando e dirixindo o mercado de vivenda de maneira que se garantira para todas as persoas unha vivenda digna, en propiedade ou en aluguer.

A liberalización do solo e a política de todo urbanizable postas en marcha polo Goberno do PP en 1998, xunto coa liberalización das hipotecas (eliminando límites de tempo e de porcentaxes de renda dedicados á amortización), ademais do cambio de tipos fixos a variables que fixo doado o acceso ao crédito, supuxeron o arranque da burbulla inmobiliaria. En 1997, ano de inicio do auxe, o crédito inmobiliario (promotor, construtor e comprador) supoñía  o 28,4% do PIB de España. En 2007, ano do pinchazo da  burbulla, dita proporción ascendeu ata o 102,9% do PIB. A política monetaria era xa competencia do  Banco  Central Europeo, que non adoptou ningunha medida para frear tal aluvión de financiamento, que os bancos obtiñan sobre todo nos grandes mercados de diñeiro.

O efecto inmediato foi a sobrevaloración dos inmobles e do solo. Un efecto social negativo foi que os prezos das vivendas creceron moi por encima dos salarios. Todo isto contribuíu ao cambio de consideración da vivenda que deixa de ser un ben social para converterse en obxecto de especulación.

A 31 de decembre de 2014, había en España 535.734 vivendas de nova construción non vendidas, cuxo ritmo de redución é moi moderado e das que un 30% son de moi difícil venta pola súa localización. O panorama actual nas nosas cidades é que conviven dúas realidades antagónicas: por un lado, miles de vivendas valeiras propiedade de entidades financeiras e, polo outro lado, miles de familias sen capacidade de acceso á vivenda, e que demandan á Administración que lles garanta os seus dereitos constitucionais a unha vivenda digna.

Tras unha Lexislatura na que a perda da vivenda e o drama social dos desafiuzamentos monopolizaron o debate público, segue sendo moi complicado o acceso á vivenda, tanto en propiedade como en aluguer, segundo demostran os datos proporcionados polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

O estoupido da burbulla inmobiliaria no 2008 non afectou a todos por igual. Dende entón existen miles de familias que se enfrontan a un sobre endebedamento sobrevido e non doloso que, con demasiada frecuencia, conclúe con desaloxos e desafiuzamentos e o arrastre de débedas que lles impiden refacer a súa vida.

A garantía dunha vivenda digna para todos os cidadáns pasa por un verdadeiro pacto social no que a loita contra os desafiuzamentos e a protección da vivenda, como verdadeiro núcleo cohesionador das familias, preveñan a exclusión social, e axunten os esforzos educativos, sanitarios, de emprego e sociais integradores, en xeral.

As medidas adoptadas durante os últimos anos para evitar os desafiuzamentos foron insuficientes como o demostran o escuálido Código de Boas Prácticas (CBP), o ata agora escaso uso do Fondo social de Vivendas, creado na D.A. 1ª da Lei 1/2013 o unha Lei de Protección de Debedores Hipotecarios que non afronta eficazmente os problemas reais da xente.

Medidas que non resolven a dramática situación na que se atopan moitas familias ás que a situación de precariedade económica se lles acumula co risco de perda da súa vivenda e a dificultade de atender aos pagos de facturas pola subministración de bens básicos como a auga ou a electricidade.

Esta situación require dunha resposta coordinada de todas as administracións con responsabilidades concretas nas políticas implicadas nesta situación de vulnerabilidade.

Por todo o exposto o Grupo de Goberno e  EU (Grupo Mixto), somete para o seu debate e a súa aprobación, se procede, a adopción dos seguintes ACORDOS:

1- O Pleno do Concello declara a Narón como “Cidade Libre de Desafiuzamentos”.

2- O Concello de Narón acorda dirixirse ao Goberno de España para poñer en marcha e, no seu caso en colaboración coas CC.AA, as seguintes medidas tendentes a facer efectivo o dereito á vivenda:

MEDIDAS PARA FAVORECER O ACCESO Á VIVENDA
A. Propoñer a redefinición do dereito á vivenda na Constitución.
B. Establecer a eliminación automática por parte das entidades financeiras e sen previa esixencia do titular dunha hipoteca das cláusulas declaradas abusivas polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea e a xurisprudencia do Tribunal Supremo español.
C. Garantir a permanencia nas súas casas de quen mais están sufrindo a crise económica, e poñer fin a estes desafiuzamentos.
D. Reformar a lei de segunda oportunidade para, por un lado, permitir ao xuíz paralizar a execución hipotecaria en caso de insolvencia xustificada non dolosa e, no caso de que sexa imposible, acordar a aplicación da dación en pago, valorando a vivenda no prezo establecido para a concesión do préstamo. Excluír a vivenda habitual do avalista da execución dos avales que se puideran producir nestes casos.
E. Recoñecer o dereito das persoas que perderan a súa vivenda como consecuencia dunha situación de insolvencia sobrevida nun procedemento de desafiuzamento a que se lles facilite unha vivenda en réxime de aluguer a un prezo acorde as súas circunstancias económicas e familiares e, no seu caso, a un plan de rescate persoal sobre a débeda pendente que manteñan, que non debe superar o 30% dos seus ingresos.
MEDIDAS PARA FAVORECER AS SUBMINISTRACIÓNS BÁSICAS
A. Promover o compromiso das empresas subministradoras dos servizos públicos da auga, luz e gas de impedir os cortes da subministración a persoas e familias en situación de vulnerabilidade por falta de pagamento. Antes do corte da subministración, isto se comunicará á Administración competente que en todo caso poderá mediar entre as partes.
B. Crear un fondo social de xestión pública que permita atender o dereito a teito da cidadanía que se vexa privada del.
MEDIDAS PARA PROMOVER A CREACIÓN DE VIVENDAS SOCIAIS
A. Desenvolver un novo modelo de vivenda protexida baixo estrito control público na selección do destinatario de menores rendas e no seguimento da súa ocupación, establecendo un esforzo razoable para toda a cidadanía, fixando o limiar do esforzo económico de acceso no máximo dun terzo da renda familiar dispoñible, así como establecendo a súa cualificación de protexida con carácter permanente.
B. Estudar a elaboración de Plans de Vivenda por Municipios, que recollan dun xeito real e efectivo a demanda de vivenda que exista nos termos municipais e as características e tipo de demanda. Así como elaborar un Rexistro de demandantes de vivenda.
C. Crear parques municipais de xestión pública de vivendas de aluguer social, ao que se poderán incorporar as procedentes do stock de vivenda nova sen vender ou desocupada, as incluídas en inmobles desocupados e rehabilitados, as que, como consecuencia de procesos de execución hipotecaria con posterior desafiuzamento, pasaran a ser de titularidade das entidades de crédito que estean participadas polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria y no foran posteriormente alleadas e as adquiridas pola Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Restruturación Bancaria (Sareb).
MEDIDAS PARA PROMOVER AS VIVENDAS DE ALUGUER
A. Ampliar o prazo de duración do aluguer como mínimo ata 5 anos a petición do arrendatario.
B. Aprobar a dedución polo arrendador do 50% das rendas derivadas do aluguer de vivenda a xoves menores de 30 anos e a desgravación para estes do importe do mesmo.
C. Establecer garantías para o cobro dos arrendamentos e medidas de protección dos mesmos nos casos de insolvencia sobrevida.
3.- Dende o compromiso político e social, o Concello de Narón  ACORDA:
A. Asumir a non intervención de ningún corpo de seguridade e emerxencias municipal na execución de desafiuzamentos (nomeadamente Policía Local e Bombeiros).
B. Prestar orientación xurídica e práctica en materia hipotecaria e de alugueres, así como facer un seguimento e avaliación dos casos de afectados/as por procedementos de execucións hipotecarias ou de desafiuzamentos por aluguer.

Narón, 14 de xullo de 2016

Marián Ferreiro Díaz
Voceira Municipal de Terra Galega

Catalina Mª García Blanco
Voceira Municipal do PSdeG-PSOE

Pablo Villamar Díaz
Voceiro Municipal do BNG

André Abeledo Fernández
Voceiro do Grupo Mixto-EU

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE NARÓN

|||||||||||||||||||||||