sábado, 20 de setembro de 2014

As PAHs esixen que o goberno defenda os dereitos das cidadás e cidadáns tras unha nova pancada da UE

En marzo de 2013 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deu unha nova pancada á normativa española sobre desafiuzamentos, confirmando a ilegalidade do procedemento español de execución hipotecaria en funcionamento desde facía vinte anos. As Plataformas de Afectados pola Hipoteca presentaron a súa alternativa, unha iniciativa lexislativa popular avalada por millón e medio de firmas, que recollía a moratoria de desafizamentos, a dación en pago retroactiva e o dereito a un aluguer social (un aluguer proporcional aos ingresos familiares).

Malia a enorme presión cidadá, con diferentes campañas, e de enquisas nas que maioritariamente a poboación lexitimaba a ILP, o PP negouse a aprobala e no seu lugar, promulgou en solitario a Lei 1/2013, que resultou outro parche na lei hipotecaria. O pasado xullo o Tribunal de Xustiza da UE volveu denunciar que a lei segue deixando en inferioridade de condicións á persoa hipotecada fronte ao banco e obriga a España a que cambie a Lei de Enxuiciamiento Civil.

Fronte a esta nova pancada, a resposta do goberno foi alargar o prazo de apelación a aquelas persoas que non visen recoñecidas as cláusulas abusivas dos seus contratos hipotecarios mediante unha nota publicada no BOE o pasado sábado, é dicir, ás furtadelas, e outorgando tan só un mes para que estes afectados poidan recorrer os seus autos.

Por que un goberno promulga unha lei que segue deixando en indefensión aos seus cidadáns fronte aos bancos? Por que un goberno limita a un mes a posibilidade de recorrer aos estafados por cláusulas abusivas recoñecidas como tales pola UE? Cos seus actos, o goberno demostra que non vela polos intereses da poboación nin polos dereitos d@s consumidores nin polo dereito a unha vivenda que consta na Constitución. Cos seus actos, o goberno demostra que, á hora de lexislar, ponse de parte dos bancos, culpábeis como sabemos da estafa hipotecaria e do crecemento da débeda pública polo seu rescate.

As PAHs denuncian este episodio vergoñento do goberno español e esixe que se fagan as modificacións legais necesarias para que as persoas hipotecadas estafadas se vexan protexidas e para que a poboación enteira poida ver cumprido o seu dereito á vivenda. De forma inmediata, que se elimine o prazo de apelación as afectadas polas cláusulas abusivas e se declaren nulas as resolucións que negaron o dereito a recorrer; de forma urxente, que se retomen as reivindicacións da ILP: moratoria de desafiuzamentos, dación en pago retroactiva e aluguer social universal; a penalización a aqueles que manteñen vivendas baleiras fronte a emerxencia habitacional que vive o conxunto do territorio do Estado; e que se concedan alugueres sociais a aquelas que recuperan, para vivir, edificios baleiros de bancos rescatados e a SAREB.

As PAHs esixen que se faga efectivo o dereito á vivenda da poboación. Polo tanto, esiximos ao goberno do PP que aprobe a ILP e acate as sentenzas do TSXUE, pola contra esiximos a súa dimisión en bloque por permitir a violación sistemática dos DDHH, por non cumprir coa legalidade e por velar polos intereses da banca no canto da cidadanía.

Ao longo desta semana poñeremos a disposición da cidadanía unha serie de documentos útiles para poder recorrer. O mércores 17 de setembro faremos unha roda de prensa acompañada de accións de presión.

#Limite24D

Si Se Pode!

Enviado pola web estatal das Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca (PAH) o 9 de setembro de 2014 19:00

|||||||||||||||||||