Na mañá de onte acudimos xunto ca compañeira
do barrio dos Mallos en risco de desafiuzamento a facer entrega dun recurso
contra a denegación
dunha vivenda social polo procedemento de emerxencia notificada polo Instituto
Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fai unhas semanas, ao adoecer este
rexeitamento administrativo de falta de motivación e ditarse prescindindo
absolutamente do procedemento establecido. [Axuntamos copia do recuso presentado]
Como sinala esta muller de
33 anos, enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai enferma as 24 horas do
día, a resolución transmitida polo IGVS “non
valora a situación da miña nai nin os datos económicos, non se refire á
sentencia firme de desafiuzamento, non fai mención ningunha nin valora de
ningún xeito os documentos que aportei nin o informe social remitido polos
Servizos Sociais do Concello, co cal a resposta non é unha auténtica resolución
referida ás circunstancias da solicitude concreta que eu presentei, senón unha
resposta-tipo que lle poderían dar a calquera”.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos totalmente intolerábel
que un organismo público como o IGVS
estea a actuar como barreira administrativa impedindo a efectivización dos
dereitos humanos máis básicos, vulnerando completamente mesmo a propia Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo,
que recolle no seu Artigo nº 3 que o IGVS ten como función “garantir os
dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os
sectores con menos capacidade económica”.
Aliás, o IGVS vai mesmo contra o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH),
obviando que tense pronunciado, en decisións vinculantes para as
administracións, afirmando que o
desafiuzamento sen alternativa de realoxo viola os dereitos humanos, e responsabilizando ás administracións de garantir esta
alternativa de vivenda.
Ca súa inoperancia e
abandono total de responsabilidades, tamén está a desobedecer o IGVS ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea,
que vén de concluír na sentencia de 10 de setembro de
2014, no asunto C-34/13, que o dereito á
vivenda é un dereito fundamental garantido polo artigo nº7 da Carta de Dereitos
Fundamentais da Unión Europea, incorporando tamén os criterios do TEDH.
Por se esta actitude non fora cruel abondo, fai uns días as compañeiras
de STOP Desafiuzamentos Compostela denunciaron a través dos medios de
comunicación, que o IGVS dispón
de 500 vivendas para unidades familiares vítimas de desafiuzamentos, mais só
concedeu 33 (!).
Tamén alertadas pola inhumana irresponsabilidade que está a amosar o
IGVS, contactaron connosco compañeiras de
STOP Desafiuzamentos Barbanza para lembrarnos que o ano pasado o propio Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e
Solo comprometeuse publicamente a realoxar a
tódalas familias sen recursos ou en situación de desafiuzamento. Esta mesma
mentira “vendeulla” o IGVS tamén a STOP
Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde.
Polo tanto, malia a que o IGVS
conta con 467 vivendas libres e un amplo abano de ferramentas legais á súa
disposición, preferiu deixar na rúa no seu momento a Elisabeth
Sanlés, fai uns días a unha familia de Aríns
vítima dunha estafa e agora teima
tamén en abocar á exclusión social a estas dúas veciñas da Coruña.
Todo isto ademais
cando fai apenas uns días a Defensora do Pobo a nivel estatal afirmou
que “non debe haber desafiuzamentos de familias que non poden facer fronte ao
pago das súas hipotecas por razóns explicadas e motivadas de boa fe" e
instou
ás administracións a mobilizar a través
do alugueiro a bolsa de case 14.000 vivendas protexidas baleiras que
xestionan as comunidades autónomas e concellos.
Por que o IGVS non está logo a cumprir ca súa responsabilidade
de facer fronte aos desafiuzamentos xestionando as 500 vivendas cas que conta
pra ese cometido? Onde está o
cacareado convenio entre institucións ca
que se lle enchía a boca ao presidente da Xunta o ano pasado? Onde está o
decreto para “paliar os efectos da crise”
sobre as familias desafiuzadas que a
Xunta de Galiza se encargou de publicitar no ano 2012? Que obxectivo a maiores
da pura cosmética tivo a emisión da
Orde de 16 de maio de 2013 pola que
se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás
personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga? Por que incluso as
mulleres vítimas de violencia machista
foron expulsadas deste Programa?
As distintas
plataformas antidesafiuzamentos da Galiza estamos extremadamente fartas de tantas
mentiras. Persistiremos en poñer en
evidencia a frialdade ca que o IGVS está a empuxar á indixencia a centos de
familias galegas, e estamos decididas a articular medidas de presión contra este organismo para que desbloquee as
467 vivendas baleiras que ten a responsabilidade de adxudicar a familias que
sufriron desafiuzamentos.
Máis información sobre este caso:
[NdP230714] Alerta por posíbel caso de desafiuzamento na Coruña: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/07/alerta-por-posibel-caso-de.html
[NdP010814] O concelleiro de Servizos Sociais recomenda a dúas mulleres enfermas en risco de desafiuzamento que busquen “unha vivenda barata”: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/08/o-concelleiro-de-servizos-sociais.html
[NdP100914] A tremebunda historia do IGVS e as 5.000 persoas por embaixo do limiar da pobreza agardando por unha casa: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/09/a-tremebunda-historia-do-igvs-e-as-5000.html
Ou contactando con Sara Martínez, voceira de STOP Desafiuzamentos A Coruña, no Tlf: 699 404 685.
Un saudiño e que teñades moi boa xornada,
STOP Desafiuzamentos A Coruña.
--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.
|||||||||||||||||||||||||||||||