xoves, 23 de xaneiro de 2025

Non foi validado no Congreso dos Deputados o Decreto Lei que prorrogaba a prohibición dos desafiuzamentos de fogares vulnerábeis sen alternativa residencial; a prohibición de cortar as subministracións básicas; a revalorización do IMV e das pensións; a prórroga das axudas ao transporte público e outras medidas de interese social que quedaron derrogadas por mor dos votos en contra do PP, Vox e Junt's


O Congreso de Deputados na sesión plenaria do pasado 22 de xaneiro acordou non validar o Decreto (ómnibus), de 23 de decembro 2024, aprobado polo Goberno Español, polo que se adoptaban medidas urxentes en materia económica, tributaria, de transporte e de Seguridade Social, e se prorrogaban determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social. Medidas que incluían a prórroga da prohibición dos lanzamentos e desafiuzamentos dos fogares vulnerábeis sen alternativa residencial; a revalorización das pensións, a prórroga das axudas ao transporte público e a prohibición de cortar as subministracións básicas a persoas vulnerábeis, a subida do Salario Mínimo Interprofesional SMI, ... entre outras medidas sociais e fiscais que mellorarían a calidade de vida das persoas. Medidas que agora quedan derrogas ao non ser validado o citado Real Decreto Lei, por mor do resultado das votacións na Cámara con con 177 votos en contra, correspondentes ao PP, a Vox e a Junts, unha abstención de UPN e os votos a favor que foron 171 do resto (PSOE, Sumar, ERC, BILDU, PNV, Podemos, BNG, e CC).

O "decreto ómnibus" que aprobou o Goberno en decembro do pasado ano 2024 queda derrogado, desde o 23 de xaneiro, unha vez publicado no BOE. ate que se volva a aprobar polo Goberno, mais unha vez aprobado, ten que volver en 30 días ao Congreso, para ser validado, polo que ou se modifica o seu contido, particionando o Decreto en diferentes medidas, ou se buscan os apoios parlamentarios que as apoien no seu conxunto.

Tampouco se puideron aprobar as axudas para as persoas afectadas polo temporal da DANA, mesma as axudas para a reactivación económica nas zonas afectadas polos efectos da erupción do volcán de La Palma e a prórroga das deducións fiscais pola mellora da eficiencia enerxética nas vivendas.

O Decreto seguía contemplando a suspensión dos desafiuzamentos de familias vulnerábeis sen alternativa residencial e a súa paralización até o 31 de decembro de 2025, e como medida compensatoria a posibilidade de solicitar axudas, por parte das propietarias afectadas, até o 31 de xaneiro de 2026, no caso de pasar máis de tres meses sen solución residencial. Agora xa derrogada esta medida tan necesaria.

Quedou derrogada, tamén a prohibición de interromper as subministracións básicas de auga, luz e gas para fogares vulnerábeis, que se prorrogaban ate decembro deste ano 2025. Quedaron anulados os novos descontos progresivos do bono social eléctrico, para persoas de baixos recursos económicos.

A non validación deixa sen efecto a subida do 2,8% para as pensións contributivas e as clases pasivas do Estado en 2025. Ou a subida prevista do 6% das pensións mínimas  e as non contributivas, como tampouco o 9% para o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Da-se o paradoxo que en xaneiro se cobraran estas subidas no importe das pensións, mais se non se remedia, en febreiro volveran a baixar.

Xa non haberá descontos aos transportes públicos, no que corresponde á parte do Estado, pois é unha das medidas que o Decreto Ómnibus prorrogaba e como consecuencia da votación no Congreso, queda derrogada.

[Disposición derogada]
Real Decreto-lei 9/2024, de 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes en materia económica, tributaria, de transporte e de Seguridad Social, e se prorrogan determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social.
Publicado en: «BOE» núm. 309, de 24/12/2024. Entrada en vigor: 25/12/2024
Departamento: Jefatura del Estado Referencia: BOE-A-2024-26915
Permalink ELI: https://www.boe.es/eli/es/rdl/2024/12/23/9/con

Foto: Congresos dos Diputados
23 Xaneiro de 2025

---