mércores, 15 de decembro de 2021

O Pleno do Congreso d@ Diputad@s rexeitou iniciar a tramitación da Proposición de Lei de garantía do dereito á vivenda digna e adecuada, por 57 votos a favor, 280 en contra e 98 abstencións



Que isto fose previsíbel non deixa de ser unha moi mala noticia

Despois de tantos anos de estar-mos loitando por unha Lei polo Dereito a unha Vivenda Digna e Adecuada que garanta o exercicio deste Dereito Fundamental, agora volvemos a perder esta oportunidade, ao ser rexeitada no Congreso dos Deputados.

O Pleno rexeitou iniciar a tramitación da Proposición de Lei de garantía do dereito á vivenda digna e adecuada, por 57 votos a favor, 280 en contra e 98 abstencións. A iniciativa, impulsada polos grupos parlamentarios Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, Republicano, Plural (Compromís, Junts per Catalunya, BNG e Máis País), Euskal Herria Bildu e Mixto, a través de nove títulos, introduce medidas para evitar desafiuzamentos de persoas en risco de exclusión e suscita que a ocupación de vivenda baleira de entidades financeiras non se aborde por procedemento penal, cando xa existe a vía civil. En relación aos préstamos hipotecarios, regula a dación en pago e modifica o procedemento de execución hipotecaria, no relativo ao control de cláusulas abusivas.

Ademais, suscita a regulación do arrendamento de vivenda, coa posibilidade de actuar sobre áreas urbanas declaradas como de mercado de vivenda tensado, e regúlanse os alugueiros sociais e turísticos. Así mesmo, prohibe a venda do parque de vivenda pública e márcase un obxectivo de solidariedade urbana para que en 2050 o 20 % das vivendas cumpra políticas sociais.

Onte gañaron os especuladores, a banca e os fondos voitres, cos votos da dereita (PP), dos neofascistas de VOX, Ciudadanos e os do PSOE... con esta decisión deixan na estacada a centos de miles de familias con débedas acumuladas impagábeis e sen resolver os importantes problemas de vivenda lastrados no transcurso da aplicación das políticas neoliberais...

#IniciativaLeiDeVivenda

Fonte: Congreso d@ Diputad@s.
---