domingo, 12 de decembro de 2021

Concentración diante dos Xulgados de Ferrol para denunciar as prácticas bancarias que impiden aos usuarios en estado de pobreza ou no limiar da exclusión social, beneficiarse dos dereitos que lles dá o Código de Boas Prácticas - Rolda de Prensa da avogada e avogado, Maite Ortiz e José María Erauskin despois dunha vista de execución hipotecaria, onde se vai denunciar a fraude de lei das entidades bancarias por impedir aos usuarios, acollerse ás normas protectoras que lles posibilitarian non perder a vivenda



Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, convoca unha rolda de prensa onde vai participar a avogada e avogado guipuscoanos, colaboradores da Coordinadora Galega dos colectivos antidesafiuzamentos, Maite Ortiz Pérez y José María Erauskin Vázquez, que teñen unha vista por execución hipotecaria ese mesmo día nos Xulgados de Ferrol, ao mesmo tempo convoca unha concentración para arroupar a rolda de prensa e denunciar as malas prácticas bancarias que impiden aos usuarios en estado de pobreza ou no limiar da exclusión social, beneficiarse dos dereitos que lles dá o Código de Boas Prácticas.

Rolda de Prensa e Concentración

Día: mércores 15 de decembro.
Hora: 11:30hs.
Lugar: diante dos Xulgados de Ferrol.

CONTRA OS ABUSOS BANCARIOS


"Unha cousa é mostrar a CARA AMÁBEL, e para iso, a maior parte das entidades bancarias aceptaron voluntariamente o formar parte do código. E outra cousa é,... a CARA DURA para eludilo", di José María Erauskin.

Mantivemos unha charla co Josema Erauskin e a continuación transcribimos un resumo da conversa co avogado guipuscoano

Atopamos-nos nunha situación na que as prácticas bancarias que impiden aos usuarios hipotecados en estado de pobreza ou no limiar da exclusión social, beneficiarse dos dereitos que lles dá a Lei. Porque ao final temos un Código de Boas Prácticas que dá dereitos ás persoas que están en situación de pobreza e resulta que é o Código de Boas Prácticas ao que se sumaron voluntariamente a maioría das entidades financeiras.

O que ocorre é que cando chega o momento da verdade, cando chega o momento de cumprilo, cando se produce o incumprimento do cliente porque non pode pagar, en lugar das entidades bancarias entregar a información sobre o Código, sobre os requisitos e sobre os beneficios que pode obter o usuario, o que fai a entidade bancaria é entregarlle o contrato a un terceiro que non se adheriu. Dese xeito a entidade que se adheriu, di que xa non ten o préstamo e a entidade que o colle é unha entidade que di que ela non se adheriu.

Di José María Erauskin que: "... isto é unha fraude de lei, porque ao final estáselle privando ao consumidor, ao cliente, ao cidadán dun dereito que lle deu a lei. É que o tes aí, pero que se lle esconde, evitan-lle con esta práctica de ceder o préstamo a un terceiro, un terceiro que non sempre é un fondo voitre dunha illa paradisíaca, non... Ás veces é un fondo de investimento do propio entramado do banco, é dicir, o banco, para non darche o Código de Boas Prácticas, para non darche esa carencia de 5 anos que che podería salvar a vida, o que fai é ceder este préstamo a un fondo de investimento que tamén é del, pero que ten personalidade xurídica independente e que como non se adheriu non ten por que cumprilo e dese xeito van directamente á execución hipotecaria, ...",  continua manifestando o avogado guipuscoano "... a van quedarse coa túa casa cando ti terías que estar na túa casa tranquilamente co teu Código. Pero é que ás veces ate a substitución fana no propio procedemento de execución hipotecaria, onde levantamos a man e dicimos: Escoite, señoría, que esta familia non tiña que estar aquí, que tería que estar gozando do Código". Sigue explicando Josema "... e nese momento, durante o procedemento e ante a pasividade do xuíz, prodúcese a cesión do crédito a ese terceiro que pasa a ocupar o asento do banco. E a lei permítenos que cando a cesión se realiza nun préstamo xudicializado, teñamos dereito a saber en que importes se transmitiu. Porque podemos igualalo nun prazo de 9 días. Pero aí vai facer unha segunda fraude de lei. E é que entón che din que non che poden dar o prezo, porque como sempre estamos falando dun paquete de 5.000 prestamos a unha cantidade alzada por todos eles. Non se sabe o prezo de cada un. O problema é que a banca está cometendo continuas fraudes de lei para evitar aos cidadáns dereitos que lles asisten". Continua explicando o compañeiro: "E todo isto ante a pasividade dos xuíces que o están permitindo, porque os xuíces están vendo como nas execucións hipotecarias aparece un terceiro que non é o que asinou. Ou durante o procedemento substitúese por un terceiro que non asinou e cando lle pide saber o prezo que o poden dar. Home, xa está ben".

Está pasando nos xulgados


Dixo Josema Erauskin que estamos falando de cidadáns que teñen dereitos e que se lles priva diso por prácticas fraudulentas, é isto o que se está denunciando. Que hai poucos días estiveron coa Valedora do Pobo, para explicar a situación y pedirlle unha intervención, esta comprendía a situación, mais que non podía actuar como tal, porque a institución non ten capacidade de meterse con entidades privadas só coas que sexan administracións públicas.  Só pode facer consultas ou recomendacións. Remataba o avogado guipuscoano dicindo que as entidades financeiras cometen fraudes continuas, evitan que os seus defendidos poidan invocar normas protectoras. E isto é o que se denuncia en vía xudicial e publicamente.

Documentación.-

Real Decreto-lei 6/2012, de 9 de marzo, de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos. (Código de Boas Prácticas)| Publicado en: BOE núm. 60, de 10/03/2012. | Entrada en vigor: 11/03/2012 | Última actualización publicada o 16/03/2019. | Acceder/Baixar.
---