sábado, 20 de febreiro de 2021

A Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra apoia o Manifesto da Iniciativa por unha Lei que garanta o Dereito á Vivenda Digna e adecuada



Movementos de vivenda, sindicatos laborais, Mareas, Pensionistas, Sanidade, ONG e decenas de organizacións facemos fronte común de presión ante a inminente Lei de Vivenda anunciada polo goberno español. A Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra apoia o Manifesto da Iniciativa por unha Lei que garanta o Dereito á Vivenda Digna e adecuada.

POR UNHA LEI QUE GARANTA O DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA E ADECUADA

O Goberno está preparando a chamada Lei polo Dereito á Vivenda; de feito, parece que o borrador da lei entrará no Consello de Ministros de xeito inminente e remitirase de inmediato ao Congreso para o seu debate e aprobación.

Tras 42 anos de absoluta vulneración deste dereito humano, debemos remarcar que a nova Lei será papel mollado si non protexe e garante de xeito efectivo o Dereito en todo o territorio. Non deixaremos escapar a oportunidade que brinda a elaboración da primeira lei estatal na materia para conseguir un avance histórico na cobertura deste dereito fundamental.

A crise residencial é innegábel: Máis de 32.000 persoas sufrindo senfogar, 12 millóns de persoas en risco de exclusión social, máis de 1 millón de desafiuzamentos [1] entre 2008 e o 3Tr do 2020, moitos agravados con cláusulas abusivas e executados cunha lexislación contraria aos estándares europeos sen importar que houbese menores ou anciáns dependentes. Por iso, as abaixo asinantes non estamos dispostas a permitir que sexan o sector financeiro, as grandes inmobiliarias e os fondos voitre quen diten o texto desta Lei. Contra as presións dos especuladores, chamamos á xente do común a sumarse á mobilización necesaria para asegurar a protección deste Dereito humano no conxunto do Estado.

No Estado, o 36,1% da poboación destina máis do 40% dos seus ingresos ao pago de vivenda e subministros básicos [2], e outros miles de fogares novos nin sequera poden formarse, de feito unicamente o 18,5% da poboación entre 18 e 29 anos emancipouse [3] polas enormes dificultades para acceder e manter unha vivenda estábel.

Mentres segundo o INE (2011) hai 3,4 millóns de vivendas baleiras, moitas delas en mans de grandes posuidores, o Parque de Vivenda Pública e Social é entre 7 e 10 veces menor que o doutros estados desenvolvidos de Europa.

No estado español as vivendas sociais representan só un 2,5% do parque de vivendas principais, nada que ver coas porcentaxes dalgúns países europeos da nosa contorna [4] (Holanda 30%, Austria 24%, Reino Unido 17,6%. Francia 16,8%).

Logo de entregar máis de 60.000 millóns [5] de diñeiro público para o rescate bancario que non foron devoltos, é de xustiza que a nova Lei faga fronte á emerxencia residencial que sufrimos. Garantindo, así, unha vivenda para quen o necesite mediante un orzamento suficiente en políticas de vivenda pública e establecendo mecanismos legais que obriguen, aos responsábeis financeiros da crise inmobiliaria e aos grandes posuidores de vivenda, a asumir responsabilidade social e evitar novas burbullas especulativas.

Levamos demasiados anos sufrindo a quen pon os seus beneficios privados por encima da vida e saúde de millóns de persoas. É o momento de que as Administracións públicas asuman a súa responsabilidade e cumpran coa súa deber de protexer e garantir un dereito humano que é básico para asegurar a integridade física, a dignidade, o acceso a outros dereitos fundamentais e o desenvolvemento persoal que todos nos merecemos.

As organizacións asinantes deste manifesto unimos forzas para lanzar unha campaña estatal de mobilización cidadá e conseguir que a Lei polo Dereito á Vivenda inclúa como mínimo estas 8 medidas de aplicación directa en todo o territorio:

1. A lei debe garantir o dereito a unha vivenda digna, alcanzábel, accesíbel e adecuada como dereito subxectivo, garantindo que esta protección sexa efectiva e evitando que ningunha persoa sufra situación de senfogar.

2. Stop desafiuzamentos de persoas vulnerábeis sen alternativa de vivenda digna e adecuada, así como a obrigación de alugueiro social estábel para os grandes posuidores e no resto de casos realoxo digno e adecuado a cargo dos poderes públicos.

3. Asegurar e ampliar o parque público de alugueiro social, como mínimo ao 20% do conxunto de vivendas en vinte anos, facendo fronte á urxencia residencial de forma prioritaria.

4. Regulación estatal de alugueiros a prezos adecuados aos salarios da poboación en cada zona do territorio. Modificación da lei de arrendamentos urbanos para dar protección e estabilidade aos inquilinos do conxunto do país.

5. Garantir os subministros básicos de auga, luz, gas e acceso ás telecomunicacións para evitar a brecha dixital como parte dunha vivenda digna.

6. Garantir unha segunda oportunidade efectiva para os fogares con débedas hipotecarias, e desenvolver medidas contra o sobreendebedamento e os abusos financeiros e inmobiliarios.

7. Ampliación orzamentaria para vivenda social e políticas sociais de vivenda ate chegar á media europea de parque público, destinando como mínimo o 2% do orzamento estatal. Asignación dunha parte suficiente dos fondos europeos de recuperación a este obxectivo.

8. Participación activa da poboación en toda a política de vivenda e urbanismo.

É imprescindíbel que a Lei polo Dereito á Vivenda incorpore estas demandas de afectadas e sociedade civil, que afectan á dignidade das persoas e aos Dereitos Humanos, blinde as lexislacións autonómicas máis progresistas e dea cumprimento, dunha vez ao PIDESC [6] e aos ditames de Nacións Unidas e dos Tribunais Europeos, sen atrasar a súa aplicación a desenvolvementos normativos posteriores.

Por imperativo constitucional e estatutario corresponde ás Comunidades Autónomas definir e desenvolver as políticas de vivenda, pero o establecemento das condicións básicas que garantan a igualdade dos cidadáns no exercicio do dereito constitucional á vivenda é competencia irrenunciábel do Estado, debendo ser comúns as bases deste dereito esencial, conforme ao disposto no artigo 149.1.1.a de a Constitución.

Existe unha maioría social e tamén parlamentaria que apoia estas medidas, pero temos claro que só coa mobilización de toda a poboación conseguiremos que esta Lei sexa a garantía do Dereito á Vivenda.

¡Sumar! ¡Non che quedes SEN casa!

✔ Enlace para apoiar e asinar o Manifesto. | Ir ao formulario de apoio.

✔ Texto completo do manifesto en pdf, 9 páxinas en Galego. | Acceder/Baixar.
 
✔ As notas no texto completo.

---