sábado, 5 de abril de 2025
Este 5 de Abril na Galiza, van ter lugar 4 mobilizacións polo Dereito á Vivenda Digna e Accesíbel. Será n'A Coruña, Vigo, Ourense e Compostela, dentro da convocatoria estatal que tamén se van desenvolver en 34 cidades, nas diferentes nacións e pobos do resto do territorio do Estado
Este 5 de Abril na Galiza, van ter lugar 4 mobilizacións polo Dereito á Vivenda Digna e Accesíbel. Será n'A Coruña, Vigo, Ourense e Compostela, dentro da convocatoria estatal que tamén se van desenvolver en 34 cidades, nas diferentes nacións e pobos do resto do territorio do Estado. Saen á rúa en todo o Estado, para baixar os alugueiros e contra o abuso dos seus elevados prezos e condicións contractuais, para acabar co negocio da vivenda, contra a especulación e os desafiuzamentos. Din que é o momento de organizarse e esixir solucións reais! Para “Acabar co negocio da vivenda” onde reivindican que a vivenda nin é un negocio nin un ben co que especular, a vivenda é un dereito e unha necesidade vital.
As mobilizacións na Galiza están convocadas:
👉 N'A Coruña, ás 12 do mediodía na Praza de Ourense. Para saír en Manifestación desde fronte á Delegación do Goberno. O percorrido continuará polos Cantóns e pola Avenida da Marina, culminando fronte ao Concello, na praza de María Pita.
👉 En Vigo, ás 7 da tarde na Praza de España, para saír en Manifestación. Convocan 14 organizacións sociais, veciñais, sindicais e ecoloxistas de Vigo baixo o lema “Acabemos co negocio da vivenda”.
👉 En Ourense, ás 6 e 1/2 da tarde diante do IGVS (Instituto de Vivenda e Solo), na rúa Sáenz Díez, Nº 1, para saír en Manifestación convocada por Espazo Veciñal Ourense (EvOu) e co lema “acabemos co negocio da vivenda”.
👉 E en Santiago de Compostela, ás 12 do mediodía na Praza do Toural, convocada pola Xuntanza pola Vivenda.
Todas baixo as reivindicacións:
👌- Pola baixada dos alugueiros e a regulación dos prezos.
👌- Para que os contratos de alugueiro sexan indefinidos.
👌- Para frear as vivendas para uso turístico.
👌- Para recuperar vivendas baleiras, turísticas e en alugueiro de tempada para vivenda habitual.
👌- Para aumentar o parque de vivenda pública.
👌- Pola fin da merca especulativa.
👌- E para a desarticulación de grupos de desokupación.
Relacionados:
⏩ Solidariedade Obreira chama á participación nas mobilizacións nos nosos pobos, vilas e cidades polo dereito á vivenda o próximo 5 de abril. [Ir á Web]
⏩ Stop Desafiuzamentos Ourense: Ante a evidente situación de amerxencia habitacional saímos a rúa o próximo 5 de abril. [Ir á Web]
⏩ Sindicato das Inquilinas e da Vivenda Vigo. O 5A baixemos os alugueiros, acabemos co negocio da vivenda. [Ir á Web]
⏩ Espazo Veciñal Ourense. Chama a mobilizar-se este 5 de Abril pola Vivenda. [Ir conta Redes]
⏩ Xuntanza pola Vivenda Compostela. Chamada á mobilización. [Ir conta Redes]
Comunicado Unitario para a convocatoria na Galiza:
Este 5 de abril o incipiente movemento de vivenda galego sairemos ás rúas. Sairemos a dicir basta ó encarecemento do custo das nosas casas, ao empeoramento da súa calidade ou ó non poder emanciparnos e ter un lugar onde vivir.
O problema de acceso á vivenda agudizouse nos últimos anos. A suba desorbitada dos prezos dos alugueiros, o auxe dos pisos turísticos, as dinámicas especulativas e, en definitiva, o tratamento da vivenda como ben de mercado contribúen ó enriquecemento dunha minoría rentista á costa do empobrecemento da clase traballadora que, no caso de poder acceder a unha vivenda, vemos como cada vez é mais difícil levar a cabo os nosos proxectos vitais e temos que dedicar a maior parte dos nosos ingresos a pagar alugueiros desproporcionados ou hipotecas que nos atan durante décadas. Esta situación xera unha crecente inestabilidade e precariedade, agravando aínda máis as desigualdades sociais preexistentes.
Sabemos que os desafiuzamentos, a infravivenda e o saqueo dos nosos salarios a través do pago de alugueiros e hipotecas, así como a expulsión dos nosos barrios por parte do turismo son problemas que non se rematarán por si sós. Entendemos que só podemos enfrontar este problema que nos afecta a todo o mundo desde a mobilización e a organización para facerlle fronte colectivamente a empresarios e rentistas. Chegamos a este 5 de abril nun contexto de crise na vivenda, mais sabemos que non é un problema illado, senón unha expresión máis da crise aberta no sistema capitalista, e sabemos que esta crise non é simplemente o resultado de malas decisións por parte de políticos, banqueiros ou especuladores. É o modelo inmobiliario o que perpetúa a desigualdade e precariedade, é o modelo da vivenda baseado na especulación e na acumulación de capital o que, a costa da calidade de vida da maioría social, nos expulsa das nosas cidades e vilas.
A loita pola vivenda non é, polo tanto, un problema sectorial ou limitado ao prezo dos alugueiros. É unha loita contra o propio modelo que organiza a nosa sociedade. A vivenda, como dereito básico, está enfrontada a un sistema que a concibe como unha mercadoría e un instrumento para a acumulación de riqueza. Resolver a crise da vivenda implica cuestionar profundamente este sistema e loitar por alternativas colectivas e humanas.
E por iso este 5 de abril sairemos a manifestarnos ás rúas da Galiza. Por iso este 5 de abril mobilizarémonos para amosar a nosa repulsa a que a vivenda sexa un negocio. Tomaremos as rúas porque entendemos que se deben tomar medidas urxentes para solucionar este problema e esas medidas deben tomarse non endebedando o conxunto da poboación traballadora do Estado, senón a costa dos intereses dos especuladores e rentistas. Mais por enriba de todo, como xa dixemos, o sábado 5 de abril sairemos as rúas para sinalar que a única forma que temos de defendernos fronte os abusos e loitar polos nosos intereses é a construción dun movemento amplo, forte e efectivo que loite por que a vivenda sexa un ben de acceso universal en condicións de calidade.
As demandas, a curto prazo e de cara ao 5 de abril, sen prexuízo das particularidades de cada provincia, son claras:
⭐ Redución e control dos prezos dos alugueiros
⭐ Regulación e limitación dos alugueiros turísticos
⭐ Recuperación das vivendas baleiras para uso residencial
⭐ Freo á compra especulativa de vivenda.
Ante a inacción política é necesario que sexan as clases populares organizadas as que se unan e defendan nas rúas o seu dereito a vivir con dignidade e loitar contra o enriquecemento duns poucos á costa da maioría da poboación.
---