domingo, 10 de outubro de 2021
Ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA (simultáneo co IMV), alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións que presenten recurso - Modelo
Recorre ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA
A pandemia orixinada pola COVID-19 deteriorou, aínda máis, as condicións de vida de moitas persoas que xa andabamos nas periferias. En xuño de 2020, con gran rebumbio, o goberno de España aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Unha medida anunciada con gran balbordo, mais camiño do ano e medio de andaina a pobreza segue marcando con crueza a vida cotiá de cada día máis xente. Contías miserentas, demoras, resolucións incomprensibles, denegacións, restricións... fixeron que esta nova faragulla engadira novos sufrimentos para aquelas que trataban de apañar uns poucos euros con esta prestación.
Na Galiza a RISGA é incompatible coa percepción do IMV. Moitas "risgueiras" que solicitaron o IMV e que o cobraron retroactivamente tras meses de agarda alucinaron ao recibiren notificacións nas que a Xunta reclamáballe a devolución de miles de euros cobrados -indebidamente- pola RISGA. Segundo apunta o xornal Praza agora a Xunta de Galicia "vén de lanzar a reforma, pero nun proceso moi inicial: unha consulta pública aberta dende este 30 de setembro e ata o 14 de outubro no que bosquexa cales son as intencións da modificación. En esencia, adaptar a Risga ao IMV sen explicitar se contempla ou non facer compatibles ambas prestacións".
Nada agardamos da Xunta que leva décadas tratando de maquillar a realidade con políticas sociais miserentas. Por iso alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións nas que a consellería reclama cobros indebidos que presenten o seguinte recurso. Na ODS-Coia levamos anos reclamando a posta en marcha de medidas transformadoras como a Renda Básica das iguais. Entendemos que xa é intre de superar faragullas e garantir o dereito a unha vida digna para todas.
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)
Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.
---