sábado, 23 de xaneiro de 2021

A vivenda: un ben social? - Primeiro documental galego que reflexiona sobre a situación da vivenda en Galiza, a comunidade que está á cabeza nas estatísticas de vivenda baleira no estado cunha porcentaxe que rolda o 19% - Vídeo



A vivenda: un ben social?” é o primeiro documental galego que reflexiona sobre a situación da vivenda en Galicia, a comunidade que está á cabeza nas estatísticas de vivenda baleira no estado cunha porcentaxe que rolda o 19%. Ditas cifras evidencian o fracaso das políticas tomadas ata o momento para rehabilitar vivenda en cidades e vilas pero tamén as de fixación de poboación no rural. Malia isto, a presión do mercado inmobiliario e os pisos turísticos fan subir os alugueiros, especialmente en cidades como Coruña, Santiago ou Lugo. As e os protagonistas e casuísticas reflectidas nesta peza son varias, desde persoas sen fogar a persoas en risco de exclusión social, familias, okupas ou persoas que poden quedar sen fogar pola especulación do mercado. Por suposto, non falta a ollada de técnicos en diversas disciplinas que aportan unha ollada analítica, social e científica.

Durante o documental vaise debullando a problemática da vivenda en Galicia no contexto do Estado Español e Europa, tanto nas urbes, nas vilas e nas aldeas. Ao mesmo tempo, as características endóxenas ao mercado inmobiliario vanse relacionando coa problemática persoal das testemuñas que contan a súa vivencia. Tamén se interrelaciona coa cuestión das axudas sociais, pois moitas veces a vivenda é un requisito preciso para optar a elas difícil de conseguir. Os fondos voitre, a especulación, o abandono, a compra fronte o alugueiro ou a falta dun parque de vivenda social do Estado son outros dos temas que se abordan.

Do mesmo xeito apórtanse solucións diversas para mellorar o acceso a este dereito. Un dereito que está na parte baixa da pirámide de Maslow, que reflexa a orde das necesidades que temos as persoas. No base estarían as fisiolóxicas pero xusto despois a seguridade física, a moral, a saúde e a familia, cuestións impensables sen un fogar.


Canle do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.
---