martes, 22 de maio de 2018

A oficina estatal do Defensor do Pobo abre unha investigación sobre vulneración do dereito á vivenda, ao non atender o Goberno do Reino de España, as recomendacións de Nacións Unidas en materia de vivenda



O DEFENSOR DE POBO DO ESTADO ABRE UNHA INVESTIGACIÓN SOBRE VULNERACIÓN DO DEREITO Á VIVENDA


Fai-no alegando que a resposta de "un folio" do goberno é unha mostra do pouco interese das autoridades españolas

Organizacións da sociedade civil aplauden a decisión do Defensor do Pobo, quen abriu unha investigación polo incumprimento por parte do Goberno das recomendacións de Nacións Unidas en materia de vivenda, a raíz do caso dunha familia con dous menores que solicitara unha vivenda social ata en 13 ocasións e que finalmente foi desafiuzada sen ofrecerlle unha vivenda alternativa.

Trala condena a España por incumprimento grave das súas obrigacións en materia de vivenda por parte do Comité de Dereitos Económicos Sociais e Culturais de Nacións Unidas, diversas organizacións crearon en setembro de 2017, o Grupo de Monitoreo para o cumprimento do Ditame e suscitaron unha queixa ante o Defensor do Pobo. As organizacións denunciaban así a falta de medidas estatais sobre vulneracións do dereito á vivenda, nun contexto social de reponte dos desafiuzamentos derivados de alugueiro e expulsión do acceso á vivenda de miles de persoas. Trala queixa, o Defensor do Pobo abriu unha investigación considerando que o Goberno non está prestando a debida consideración ao ditame do Comité xa que na súa resposta ao Alto Comisionado de Nacións Unidas non valorou como merecía as recomendacións. Neste sentido, o Defensor do Pobo di que "a remisión dunha resposta dun folio parece indicar que non se deu a esta cuestión por parte das autoridades españolas a importancia que este tema merece".

Ademais, tamén considera que se incumpriu a súa obriga de dar a coñecer e divulgar a decisión do Comité, posto que tan só se publicou nun número do Boletín do Ministerio de Xustiza, sen ningunha outra forma de difusión. Como sinala o propio Defensor do Pobo, é necesario tamén publicar a decisión no Boletín Oficial do Estado. Para o Grupo de Monitoreo esta obrigación vai máis aló e é necesario que os profesionais da xudicatura reciban formación específica achega do dereito á vivenda e as súas garantías en relación co Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (PIDESC)

Máis información

O 20 de xuño de 2017 o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas, órgano encargado de supervisar o cumprimento dos estados das obrigacións incluídas en PIDESC, condenou a España polo grave incumprimento das súas obrigas en materia de vivenda. Fíxo-o a raíz do caso dunha familia que vivía de alugueiro nunha habitación en Madrid que solicitara até en 13 ocasións, desde 1999 a 2011, unha vivenda social ante o Instituto da Vivenda de Madrid atendendo ás súas dificultades económicas. Ningunha foi admitida. O 3 de outubro de 2013, a familia, con dous fillos menores foron desafiuzados despois de que a propietaria do piso decidise non renovarlles o contrato de alugueiro e o xulgado ordenase o despexo. Sen outro lugar a onde ir, primeiro durmiron durante 10 días nun centro de persoas sen fogar. Tras ser invitados a marcharse, a familia acabou durmindo no coche.

Logo de estudar o caso a resposta do Comité foi clara: o desafiuzamento desta familia, sen alternativa residencial, vulnera o dereito á vivenda recoñecido no PIDESC. A decisión do Comité inclúe recomendacións xerais para paliar un problema que se demostra estrutural no conxunto do Estado, onde só en 2017 producíronse 57.996 desafiuzamentos.

Entre as recomendacións atópanse:

A reforma dos procedementos xudiciais para que os xuíces sexan capaces de valorar as consecuencias persoais do lanzamento, a necesidade de cooperar máis e mellor entre os tribunais e os servizos sociais para evitar que ninguén se quede na rúa, a obrigación de asegurar alternativas residenciais no caso de desafiuzamento e a creación dun plan nacional comprensivo para garantir o dereito á vivenda a persoas con escasos recursos.

Todas son demandas que as organizacións que asinan este comunicado veñen reclamando ás autoridades españolas desde o inicio da crise económica.

Grupo de Monitoreo integrado por: Amnistía Internacional, FEANTSA, Cáritas, Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), Fundación do Consello Xeral da Abogacía Española, Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), Observatori DESC, Federación Rexional de Asociacións Veciñais de Madrid (FRAVM), Federación de Asociacións Veciñais de Barcelona (FAVB), Sindicato de Inquilinos, Centro de Asesoría e Estudos Sociais (CAES), e Rede-DESC internacional (ESCR-Net).

18 de maio de 2018

||||||||||