martes, 22 de maio de 2018

A Lei de Vivenda da PAH volve á carga, pois volveu a ser rexistrada no Congreso, empezando de novo todo o trámite administrativo, o PP ten até o 12 de xuño para volver veta-la, ou non - Unha recente sentenza do Tribunal Constitucional considera que o Goberno non pode alegar sen máis que un proxecto afecta aos orzamentos, para veta-lo



A Lei de Vivenda da PAH volve á carga


A Lei Vivenda PAH volveu a ser rexistrada no Congreso, empezando de novo todo o trámite administrativo, o PP ten até o 12 de xuño para volver vetala, ou non.

Tralo inaceptábel veto á Lei Vivenda PAH o pasado 20 de marzo, moitas cousas cambiaron. Mentres debatemos, nós si que facemos esas cousas, cal podería ser o mellor momento para rexistrar un recurso para levantar o veto, o 17 de abril fíxose pública unha sentenza do Tribunal Constitucional na que considera que o Goberno non pode alegar sen máis que un proxecto afecta aos orzamentos, senón que debe xustificar tal argumento e isto só é válido para os orzamentos en vigor en cada momento, polo que non cabe argumentar sobre orzamentos futuros.

Levamos meses dicíndo-o, o Partido Popular, coa inestimábel complicidade de Cidadáns, están secuestrando a democracia e convertendo a Mesa do Congreso, no seu cortijo particular onde frear sistematicamente calquera proposta de lei para que non sexa debatida no Congreso. Con esta actitude, o único que fan é reafirmarse como os auténticos inimigos do estado de benestar deste país, vetando calquera iniciativa que represente nun avance nos nosos dereitos máis fundamentais, como é o caso da vivenda, para seguir lexislando a favor da especulación, da banca, dos fondos voitre e das SOCIMIS. A escusa? Os orzamentos do Estado. Un dos seus últimos golpes de Estado á democracia? O veto da Lei Vivenda PAH.

Por sorte, a labazada do Tribunal Constitucional ante este tipo de vetos, abriu a posibilidade a que a a Lei da Vivenda da PAH siga adiante e volva a ser rexistrada no Congreso. Unha lei que está elaborada pensando en que non afecte aos orzamentos. Por unha banda, na propia lei aprázase a entrada en vigor das medidas que puidesen afectarlles a sucesivos exercicios. Por outro, porque o maior investimento das nosas propostas, pasaría por ampliar o parque público de vivenda, pero é unha medida que se basea en mobilizar os máis de 3.500,000 de pisos baleiros en mans da banca, non en novas construcións como propón o PP no seu Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Aínda así parece-nos lamentábel, que ante a crecente emerxencia residencial, o partido de Mariano Rajoy, que agora dispón até o 12 de xuño como data límite para xustificar un posíbel novo veto, siga baseando-se en cifras e non en vidas.

Vivimos uns tempos en que o Dereito á vivenda, é atacado constantemente en todas as súas frontes, deixando cada vez máis, ás familias nunha situación absoluta de vulnerabilidade e indefensión.

Cada día vemos como se producen 174 desafiuzamentos. Despexos silenciosos por execución hipotecaria, porque os bancos seguen facendo das súas. Despexos invisíbeis, ante cada contrato de alugueiro non renovado por unha inxente subida do prezo medio, que as familias cos seus medios soldos, non poden afrontar. Despexos por ocupación, desas familias que ante a perda do seu fogar e sen unha solución residencial, por mor dunha lei criminal e a falta dun parque de vivenda social, víronse empuxadas a elixir entre vivir na rúa ou recuperar un piso baleiro.

Cada día vemos como esa vivenda baleira en mans da banca, rescatada con diñeiro público sen contraprestación social, en lugar de ser usada para garantir un dereito fundamental ás familias, é tratada como unha mercancía máis coa que especular e é vendida a fondos voitre.

Cada día vemos como crece a burbulla do alugueiro, que está expulsando á xente das súas casas, dos seus barrios e até das súas cidades, en procura dun lugar máis accesíbel onde volver construír o seu proxecto de vida. Un proxecto de vida, que a consecuencia da última reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos promovida polo PP, saben de antemán que non vai durar máis de tres anos. Unha reforma que nos está condenando a vivir como nómadas.

Cada día vemos como 5 millóns de fogares sofren pobreza enerxética e cortes de luz, auga e gas, sen que as empresas subministradoras asuman ningún tipo de responsabilidade.

Ante estas situacións, a Lei Vivenda PAH, é a única proposta lexislativa que recolle medidas para acabar con elas e garantir unha vivenda digna, accesíbel, estábel e acolledora para todas as familias. Así como a única que garante o cumprimento de sentenzas europeas ou ditames internacionais. Unha lei pioneira que a propia ONU nomeou como un referente mundial, en materia de vivenda, que debería replicarse en todos os países.

Ante isto, o bloque antisocial formado por PP e Cidadáns, só puxéronse de acordo en dúas actuacións, vetar a Lei Vivenda PAH e sumarse ao PDeCat, para criminalizar ás familias e fomentar unha guerra entre elas e pequenos propietarios. Pequenos propietarios aos que lles inculcaron o medo con mentiras e convertendo unha situación anecdótica, comparada coa gravidade do problema real, para convertela na escusa para promover unha nova lei de desafiuzamentos exprés.

Desde a PAH seguiremos en pé, nas rúas e onde sexa necesario, para que o 12 de xuño, non se repita o golpe de estado á democracia cun novo veto á Lei Vivenda PAH, permitindo así que esta poida ser debatida no Congreso e que sexa unha auténtica maioría parlamentaria, a que decida si quere estar ao lado das familias, ou ao lado dos desafiuzamentos e a especulación.

21 de maio de 2018

Fonte: Plataforma de Afectados por la Hipoteca (PAH).
.
|||||||