martes, 23 de maio de 2017

Demandado o BBVA por imcumprir este a obrigación de informar respecto da existencia, posibilidades e requisitos do Código de Boas Prácticas, e acudir directamente ao procedemento de execución hipotecaria - A vista vai ter lugar este mércores 24 de maio nos Xulgados de Ferrol - O movemento antidesafiuzamento de Ferrolterra convoca unha concentración de apoio á familia demandante e para denunciar a mala práctica da entidade bancaria - Contaremos coa presencia do avogado José María Erauskin e a avogada Maite Ortiz, do movemento antidesafiuzamentos de Gipuzkoa



As plataformas PAH de Ferrol e Comarca e Stop Desafizamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, queren poñer en coñecemento dos medios de comunicación, institucións e cidadanía, que o próximo día 24 de maio terá lugar, ante o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Ferrol, a vista pola demanda interposta por un dos nosos compañeiros afectados fronte á entidade BBVA por incumprir esta a obrigación de informar respecto da existencia, posibilidades e requisitos do Código de Boas Prácticas, e acudir directamente ao procedemento de execución hipotecaria.

Hai que recordar que o Código de Boas Prácticas, ten por obxecto intentar evitar os procedementos de execución hipotecaria en base a que as entidades adheridas ofrezan períodos de carencia ou reestruturacións de débeda aos debedores que reúnan determinadas condicións.

É verdade que o Código de Boas Prácticas resulta un tanto cutre en canto aos requisitos para acollerse aos seus beneficios, é certo que ten unha ampla marxe de mellora, pero en calquera caso constitúe unha ferramenta moi interesante para evitar os desafiuzamentos, e, en consecuencia, non podemos permitir que as entidades eludan as responsabilidades que teñen a súa libre adhesión ao mesmo.

O Código de Boas Prácticas é de cumprimento obrigatorio para as entidades que voluntariamente se adheríron a el, que foron todas, e establece a obrigación de que as entidades, no momento en que se produza o primeiro non pago, informen por escrito ao prestatario da existencia do Código de Boas Prácticas, das posibilidades que ofrece e dos requisitos que esixe.

Con todo, BBVA non cumpriu con tal obrigación cando o noso compañeiro atrasouse no pago das cotas de abril, maio e xuño de 2016, resolvendo o contrato e acudindo ao procedemento de execución hipotecaria.

Na demanda presentada solicitamos do xuíz que declare que BBVA incumpriu coa súa obrigación de informar da existencia do Código, co que causou un importante dano ao noso compañeiro, polo que solicitamos que o xuíz condene a BBVA a desistir da demanda de execución hipotecaria interposta.

É o primeiro caso destas características que se xudicializa en España, e entendemos que resulta de especial transcendencia para todos os debedores hipotecarios de boa fe, polo que facemos un chamamento á concentración que se realizará ás portas do xulgado ás 11 da mañá, o mesmo día do xuizo.


https://www.facebook.com/pahferrol/

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Foto de Santi Burgos.
____________