xoves, 4 de abril de 2019
Piquemos a burbulla do alugueiro! Por uns alugueiros accesíbeis! Por un parque público de alugueiro! este sábado 6 de abril mobilización internacional polo Dereito a unha Vivenda Digna e Adecuada - Na Galiza a mobilización será en Vigo e na Coruña
O vindeiro sábado 6 de abril deste 2019, vai ter lugar, en ducias de cidades de todo o Planeta, unha mobilización internacional en defensa dunha vivenda digna. Colectivos antidesafiuzamentos, sindicatos de inquilinos, organizacións por unha vivenda digna, colectivos veciñais... sairán ás rúas, en diferentes lugares do mundo, baixo o mesmo berro: Piquemos a burbulla do alugueiro!
Desde a Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, damos os parabéns as compañeiras e compañeiros de Vigo e d'A Coruña, pola iniciativa que desde Ferrolterra secundaremos en posteriores convocatorias, pois a Loita polo Dereito a unha vivenda digna e adecuada, é unha loita imprescindíbel nesta comarca e máis concretamente en Ferrol onde unhas 600 familias demandan o acceso a unha vivenda pública.
#PIQUEMOSABURBULLA
Na Galiza, será nas cidades de Vigo e d'A Coruña, onde están convocadas concentracións, pola mañá, ás 11:30hs na farola de Urzáiz e na Praza do Campo da Leña, pola tarde, ás 20:00hs, as dúas baixo o lema: "Piquemos a burbulla do alugueiro! Por uns alugueiros accesíbeis! Por un parque público de alugueiro!". As mobilizacións do 6A, tamén terán lugar noutras cidades de Catalunya (Barcelona) e doutras no Reino de España (Zaragoza, Madrid, Valencia, ...), de Rumanía (Cluj-Napoca), de Belxica (Bruxelas), dos Paises Baixos (Amsterdam), de Alemaña (Munich, Berlín e 16 máis), de Canada (Burnaby), de Portugal (Lisboa), de Reino Unido (Londres), de Chipre (Nicosia), de Austria (Viena), de Francia (París), de Italia (Napoles) e doutros países.
MANIFESTO
O 6 de abril manifestámonos para denunciar o abuso dos prezos do alugueiro. Os especuladores afógannos subindo e subindo os prezos e cada vez temos máis problemas para chegar a fin de mes mentres os soldos non soben, un drama social ante a ollada pasiva dos gobernos e os poderes públicos. A vivenda non é unha mercadoría, é un dereito co que non terían que poder especular. Hai miles e miles de pisos baleiros nas nosas cidades, polo contrario hai miles e miles de persoas e familias sen lugar onde vivir.
Saímos á rúa para denunciar o negocio que as industrias inmobiliaria e turística fan cos nosos fogares. Mentres o goberno español agasallou á banca máis de 60.000 millóns de euros dos nosos petos, esta non fixo outra cousa que botar da súa casa a persoas sen dar ningunha alternativa residencial. Os propietarios físicos e xurídicos de vivendas en alugueiro, cos fondos voitres e SOCIMI á cabeza, gozan de medidas de evasión fiscal no seu favor desde hai décadas para non pagar impostos mentres as inquilinas soportan presión fiscal de até máis do 30%. Hai que substituír a LAU por unha nova lei que lexisle os alugueiros sociais no mercado libre con vantaxes fiscais vixiadas polo Estado e cidades. Como demandan Madrid e Barcelona, cómpre que os impostos directos do Estado sexan xestionados proporcionalmente polas cidades cunha descentralización solidaria como pasa en moitos países avanzados.
Os despexos disparáronse e actualmente están ao nivel dos peores anos da crise financeira: 165 despexos por vía xudicial cada día, un cada 5 minutos. Mentres os fondos voitres acumulan vivendas a unha velocidade vertixinosa, sen precedentes na historia, o alugueiro lévase máis ingresos que en calquera outro país da OCDE. E hai que engadir todos aqueles despexos invisíbeis, que non están contabilizados, pero que supoñen a expulsión de moitas veciñas dos seus barrios e pobos por non quererlles renovar o contrato ou por pretender imporlles subas imposíbeis de asumir para as inquilinas. Chegamos a un punto asfixiante da burbulla do alugueiro e queremos picala, por todos lados e desde todas as frontes.
Queremos picala e estamos determinadas a facelo. A pesar de que o novo decreto introduce medidas en cuestión de alugueiro, estas son aínda insuficientes. É por iso que o movemento pola vivenda e as organizacións, barrios e entidades que convocamos esta manifestación queremos deixar moi claro a toda a poboación os motivos polos cales non deixaremos de loitar até desmercantilizar unha das necesidades e dereito básicas de todo ser humano: ter un teito digno onde vivir. E así reivindicamos:
- Piquemos a burbulla: esiximos medidas políticas e fiscais para adecuar os alugueiros á renda dispoñíbel do fogar.
- Alugueiros alcanzábeis: é urxente regular os prezos do alugueiro tendo en conta o poder adquisitivo real da xente, é dicir, a renda.
- Alugueiros estábeis: os contratos de alugueiro non poden rematar de forma inxustificada e unilateralmente. Teñen que renovarse automaticamente a non ser que o propietario demostre que precisa a vivenda para o seu uso persoal ou dun familiar.
- Ningún despexo sen alternativa residencial: maior autonomía financeira dos concellos (participar dos impostos directos do Estado) para xestionar o parque de vivendas das cidades.
- Contrato de alugueiro único xestionado por oficinas de vivenda e concellos: o fin dos abusos dos intermediarios: o negocio das inmobiliarias é un escándalo.
- Xustiza fiscal: eliminación de todas as figuras a medida da evasión fiscal no Imposto de Sociedades (SOCIMIs, patrimoniais, etc.) e no IRPF (persoas físicas e comunidades de bens).
- Expulsión dos fondos voitres: esiximos eliminar as SOCIMIs, que gozan de grandes privilexios fiscais, e que o goberno deixa que especulen masivamente cos nosos fogares provocando que sexan a punta de lanza da burbulla.
- Parque público de vivenda: tense que converter en parque público de vivenda as vivendas acumuladas pola Banca e polos fondos voitres para garantir a súa función social, evitar a escaseza artificial de vivenda e frear a especulación. Gravar fiscalmente as vivendas urbanas baleiras e crear un imposto sobre as vendas de vivendas “especulativas” que non sexan para primeira residencia.
- Aumentar a vivenda social: por parte de Estado, Xunta e Concello.
- Abonda de pisos turísticos: a mala xestión do turismo ten un gran impacto na vida da cidadanía e diminúe enormemente a oferta de vivenda en alugueiro.
Acabóuselles facer negocio cos nosos fogares, cos nosos barrios, coas nosas vidas. Piquemos a burbulla, e piquémola ben, que non volva incharse nunca máis.
Info baseada na enviada por:
Sindicato Vivenda
-sindicatovivenda@gmail.com-
4 de abril de 2019 09:08
_________________