xoves, 16 de febreiro de 2017
O Programa Habita, é unha iniciativa do Concello de Ferrol para mellorar a habitabilidade das vivendas das persoas con menos recursos - Conta cun orzamento de 120.000 euros cun máximo de 3.000 euros por intervención que executarían pequenas empresas locais, previa inscrición para tal fin
O GOBERNO DE FERROL PON EN MARCHA 'HABITA', UN PROGRAMA PIONEIRO DE REFORMAS NA VIVENDA
É unha iniciativa conxunta das concellerías de Urbanismo e Benestar Social para mellorar a habitabilidade das vivendas das persoas con menos recursos Conta cun orzamento de 120.000 euros cun un máximo de 3.000 euros por intervención que executarían pequenas empresas locais.
O Goberno de Ferrol ven de presentar hoxe Habita, un programa pioneiro de reformas básicas nas vivendas das persoas con menos recursos económicos e que precisan dunha actuación que mellore a habitabilidade das súas casas con traballos de pintado, fontanería básica, supresión de barreiras -cambio da bañeira pola ducha- erradicar pingueiras e humidades, por exemplo.
Habita é unha iniciativa conxunta das Concellerías de Urbanismo e Benestar Social do Concello de Ferrol que foi presentada hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Benestar, Saínza Ruíz, ao termo da comisión informativa da súa área.
A concelleira indicou que Habita manexa un orzamento estimado en 120.000 euros cun máximo de 3.000 euros, e un límite de unha intervención ao ano. As bases desta convocatoria foron informadas favorablemente pola Secretaría Xeral do Concello o 26 de xaneiro do 2017, tal e como figura no documento que se achega coas bases da convocatoria.
O obxecto é que as persoas que non teñen recursos económicos dispoñan dunha ferramenta áxil que lles permita facer fronte ao gasto que supón acometer arranxos básicos na súa vivenda habitual así como as melloras necesarias na accesibilidade conforme as necesidades e circunstancias de saúde dos usuarios, que serán persoas derivadas desde o Servizos Sociais.
Con este fin, o Goberno de Ferrol pide a colaboración dos pequenos empresarios e autónomos das distintas especialidades -aluminio, carpintería, fontanería, pintura, albanel..- asentados no municipio para elaborar unha listaxe de empresas disposta a colaborar co Concello na execución das mesmas.
Os gastos que se poden sufragar, así recollidos nas bases, son a reparación de fiestras, tratamento de humidades, pintura, instalación básica de electricidade ou fontanería, e supresión de barreiras no interior das vivendas ou adaptacións básicas. Os técnicos municipais informarán da obra realizada para habilitar o pago a empresa/autónomo que a acometera.
O primeiro paso para a posta en marcha do programa, é a elaboración da lista das empresas colaboradoras. Os empresarios interesados terán que dirixirse a solidarizate@ferrol.es, ou ben, cubrir a ficha de participación e presentala por Rexistro.
As bases son similares as de outras iniciativas de axuda social artelladas desde a Concellería de Benestar que están a funcionar con boísima acollida para cubrir as necesidades básicas como Arrouparte ou Solidarízate, para alimentos e prendas de abrigo e roupa do fogar.
A concelleira agarda que cando menos, o Habita, teña tanto ou máis éxito porque “é un dereito de dignificación no acceso aos recursos desde unha perspectiva integradora acadando a optimización da habitabilidade da vivenda e do aproveitamento enerxético”.
Ferrol, 16 de febreiro de 2017
Fonte: Web Oficial do Concello de Ferrol.
---