luns, 30 de novembro de 2015

As cinco propostas lexislativas das PAHs/STOPs da Galiza diante das Eleccións Xerais do 20 de Decembro


Tres anos despois de tentar cambiar a lei a través da ILP que o PP bloqueou coa súa maioría absoluta, e máis de 6 anos despois de autotutelar os nosos dereitos a diario parando desafiuzamentos, recollendo familias a través da Obra Social, arrincando dacións e alugueres sociais á banca, soportando multas, represión e unha campaña de estigmatización constante dende os poderes fácticos e políticos do Estado Español. As eleccións xerais abren a posibilidade dunha nova correlación de forzas que permita superar a complicidade da banca e as subministradoras cos gobernos do PP e o PSOE. Complicidade que ocasionou leis inxustas, estafas, desafiuzamentos e cortes de subministracións.

Dirixímonos a toda a cidadanía, para que coñeza estas demandas enmarcadas na campaña: Sen as 5 da PAH, Eu non vos voto:

1.- DACIÓN EN PAGO RETROACTIVA: Poñer fin ás débedas para sempre, a débedas ilexítimas, garantir o dereito para volver a empezar. Rescatemos a persoas, non á banca.

2.- ALUGUER ALCANZABLE: O aluguer como unha opción de vida segura, estable e a un prezo alcanzable.

3.- STOP DESAFIUZAMENTOS: Nin unha familia máis na rúa.

4.- VIVENDA SOCIAL: Poñer fin aos pisos baleiros en mans da banca creando un parque público de  aluguer. Non se entende que haxa xente sen casas e casas sen xente.

5.- SUBMINISTRACIÓNS GARANTIDAS: Non máis cortes de auga, luz e gas.

Son 5 demandas de mínimos, necesarias, urxentes, destinadas a rescatar á cidadanía. Desde 2009 puxemos propostas de solución sobre a mesa a todos os partidos e todos os niveis da Administración. Demostramos que perdendo o medo podiamos vencer a Bancos, financeiras e fondos voitres. Fomos nós quen en ausencia de gobernos valentes organizámonos e combatido polos nosos dereitos.

As PAH e colectivos Stop-desafiuzamentos Galegos presentamos no Parlamento Galego o día 10 de novembro estas 5 propostas lexislativas, dentro desta campaña que deu comezo en todo o estado o día 8 de setembro.

Recentemente comezamos a recibir propostas de reunións con formacións políticas. Dende os colectivos galegos, e dado que entramos de cheo nun ciclo electoral que comeza con eleccións Estatais ao Congreso e ao Senado, rematando en  primavera con unhas eleccións autonómicas queremos comunicar:

1º) As formacións políticas que se amosen sensibles coas 5 propostas da PAH, en política de vivenda, faránnolo saber por escrito antes do día 14 de decembro. Explicando no mesmo o nivel de compromiso con estas propostas.

2º) Os colectivos pah-stop galegos consideramos que as propostas lexislativas da PAH son razoables e asumibles por calquera formación política e as condicións que expoñemos tamén entran dentro da lóxica  preventiva dun colectivo cidadá que non quere ser utilizado en campaña  electoral para beneficio de ningunha formación política.

3º) Ante os presentes tempos electorais e partidarios, dende o colectivo das PAHs e STOP DESAFIUZAMENTOS galegas consideramos que participar nas presentes eleccións coma axente activo e sobre todo en forma de correa de transmisión publicitaria, non é o noso papel.

Recibide unha fraternal aperta.
NEN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA.

30 de Novembro de 2015

PAHs/STOPs da Galiza

|||||||||||||||||

Presentación no Parlamento Galego dunha moción coas Esixencias PAHs/STOPs da Galiza que garantan mediante medidas básicas o dereito á vivenda digna e aos subministros básicos


O pasado 10 de Novembro, en Santiago de Compostela, realizou-se a presentación no Parlamento Galego dunha moción coas Esixencias das PAHs/STOP de Galiza para garantir, mediante unhas medidas mínimas, o dereito á vivenda digna e aos subministros básicos de subsistencia.

O acto consistiu no rexistro das Esixencias e o contacto no Parlamento Galego cos grupos do BNG e AGE, o mixto escusou a súa, para a presentación dunha Moción Parlamentaria que con carácter xeral esta-se a presentar, adaptado ás circunstancias en cada territorio, no conxunto do Estado  que é un documento de "Esixencias PAHs/STOP" que desenvolve estes cinco puntos:
1. Dación en pago retroactiva. Mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberar aos avales e eliminar as cláusulas abusivas.
2. Aluguer estable e asequíbel. Modificar a lei para que os contratos do aluguer sexan máis estables e seguros.
3. Vivenda accesible. Paralización dos desafiuzamentos e creación dun parque de vivenda público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira.
4. Subministros básicos garantidos. Evitar cortes e responsabilizar ás subministradoras.
5. Creación dun observatorio da Vivenda.
Moción Parlamentaria en formato pdf | Acceder/Baixar.

Si se Pode !! |Saúde e Vivenda Digna !!

||||||||||||||||||||

xoves, 5 de novembro de 2015

A PAH de Ferrol e Comarca chama a participar na concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro


A PAH de Ferrol e Comarca chamou-nos a participar na concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro, ás 11:00hs nos xulgados de Ferrol, do Banco Santander contra un compañeiro da PAH de Ferrol e comarca.

As compañeiras e compañeiros das PAH comunican-nos que a avogada Maite Ortiz e o avogado José María Erauskin de Gipuzkoa, onde "están conseguindo parar en moitos casos aos voitres carroñeiros da banca", din desde as PAH, e que se lles solicitou apoio e sen dubidalo responderon positivamente á petición. A PAH de Ferrol e Comarca, convidan-nos a participar e a difundir á acción, para "que se saiba nos xulgados de Ferrol que non é un campo abonado para os bancos onde como ata agora, fixeron o seu libre albedrío". Din as compañeiras e compañeiros da plataforma antidesafiuzamentos. Manifestando que lle deamos a "máxima difusión para que se saiba que non nos imos a deixar vencer e que chegaremos ata o final na loita polos nosos dereitos. SI PÓDESE".

Desde STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, non podiamos máis que amosar a nosa solidariedade e manifestar que conten con nós na difusión da acción do 10 de Novembro e que participaremos activamente na concentración que vai ter lugar o mesmo día do xuízo, diante dos Xulgados de Ferrol, ás 11 da mañá.

As Marchas da Dignidade de Ferrolterra, na súa última Asemblea decidiu apoiar a concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria do Banco Santander contra un compañeiro da PAH.

O xuízo coincide co acto de rexistro e contacto no Parlamento Galego cos grupos, para a presentación dunha Moción Parlamentaria que con carácter xeral esta-se a presentar, adaptado ás circunstancias en cada territorio, no conxunto do Estado  que é un documento de "Esixencias PAHs/STOP" que desenvolve estes cinco puntos:
1. Dación en pago retroactiva. Mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberar aos avales e eliminar as cláusulas abusivas.
2. Aluguer estable e asequible. Modificar a lei para que os contratos do aluguer sexan máis estables e seguros.
3. Vivenda accesible. Paralización dos desafiuzamentos e creación dun parque de vivenda público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira.
4. Subministros básicos garantidos. Evitar cortes e responsabilizar ás subministradoras.
5 Creación dun observatorio da Vivenda.
Agardamos que alguén de nós poida estar ese Martes 10 de Novembro en Compostela representando a Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.

Moción Parlamentaria en formato pdf | Acceder/Baixar.

||||||||||||||||