mércores, 18 de febreiro de 2015

Xuntanza da Coordinadora Galega de PAHs e STOPs - Plataformas Anti-Desafiuzamentos da Galiza


O sábado 21 de Febreiro, vai ter lugar en Compostela, unha nova xuntanza das plataformas anti-desafiuzamentos da Galiza. No bar-restaurante As María (San Clemente, 32 - ver mapa). Antes da xuntanza, no mesmo lugar, mais sobre as 10 da mañá, está convocada unha rolda de prensa onde se dará conta da nosa actividade e previsións.

Trata-se da primeira xuntanza, despois das mobilizacións coordenadas contra a criminalización e a represión dos movimentos sociais, para denunciar a represión que se está exercendo contra loita contra os desafiuzamentos. Mobilizacións celebradas a finais do pasado ano, pois a represión policial directa e as multas, están caendo sobre as nosas plataformas que loitan polo dereito humano a unha vivenda digna e adecuada, así como contra especulación financeira e inmobiliaria.

As plataformas de stop desafiuzamentos e afectad@s pola hipoteca, da Galiza, reúnen-se para coordinar asuntos de importancia para o movemento anti-desafiuzamentos, como a valoración da evolución do activismo en cada PAH/STOP desde a anterior xuntanza; ou a valoración das accións coordenadas realizadas contra a Lei Mordaza, e propostas de novas accións conxuntas. Tamén imos debater sobre a oportunidade de volver a promover unha IPL en defensa do dereito á vivenda, que incorpore tamén medidas contra a pobreza enerxética. Constituír grupos de traballo e coordinar a nosa participación  na próxima asemblea estatal da PAH, o 7 de marzo, en Xixón. Debater sobre as posibilidades que pode presentar o período previo ás eleccións municipais do 24M para difundir e defender o dereito á vivenda fronte e a través dos concellos. E por último perfilar novos métodos para avanzar na coordinación das PAH/STOP galegas.

|||||||||||||||||||||||

luns, 9 de febreiro de 2015

O 18 de Febreiro finaliza a Campaña "socializando as multas" o obxectivo está case cumprido


Campaña de socialización de multas: 18 DE FEBREIRO, FIN DE CAMPAÑA!!


O18 de Febreiro de 2015, cumpre-se dous anos desde que se producira o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey. Daquela estabamos felices porque gañamos, mais aínda estaban por vir as multas e máis os xuízos. Baleiraron as nosas contas, marearon-nos con citacións e sentenzas … e eiquí seguimos, alegres e combativas coma sempre!.

Mais agora tamén estamos felices, porque, socializando as multas que trouxo todo aquelo, ímos-lle pór fin definitivamente ao “caso Aurelia”, e ímos-llo pór NÓS gañando de novo. Deste xeito, anunciamos que o vindeiro 18 de febreiro, coincidindo co aniversario do intento de desafiuzamento de Aurelia Rey, remataremos esta “aventura” de pouco máis de tres meses co peche da conta. Para entón, esperamos ter xuntado os cartos necesarios para pagar tódalas multas do “caso Aurelia”, para entregarllos aos multados, e dar así fin a esta campaña.

Polo momento, a conta: ES81 1550 0001 2100 0067 9324 (Fiare banca ética) segue aberta, para acadar o noso obxectivo (7.000,00€). Non fai falla que o poñas todo ti, nós preferimos que fagas unha pequena achega para que, ao final, sexa cousa de moitos e, xuntos, sexamos máis fortes e podamos defender á xente e ás súas casas dos corruptos e poderosos que queren quedar con elas!

Polas veciñas que coidan das demáis! Pola xente valente e xenerosa!

Nesta cidade non se desafiuza!!!
Nin casas sen xente, nin xente sen casas!!!

Stop Desafiuzamentos d'A Coruña.

||||||||||||||||||||||