domingo, 19 de outubro de 2014
Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, participou na acción coordinada e simultanea que se denvolveu en diferentes cidades da Galiza, diante do IGVS, contra o engano e malfacer institucional e en demanda dunha vivenda digna e adecuada
A mañá do venres 17 de Outubro, concéntramo-nos, na Praza Amada Garcia de Ferrol, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada .
Concéntramo-nos para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada, comezando polas persoas máis vulnerábeis e sen recursos económicos, así como para solicitar información sobre as 500 vivendas das que, segundo as medidas aprobadas pola Xunta, dispón para todo o País e que se fagan públicas, tamén para que se nos facilite información sobre o parque de vivenda social baleira que hai en Ferrol, Narón e no resto dos concellos das comarcas do noroeste galego.
Hai que ter en conta que a Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, recolle no seu Artigo nº 3 que o IGVS ten como función “garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica ...”. Desde as plataformas que demandamos a aplicación efectiva do dereito humano a unha vivenda digna e adecuada, denunciamos que non se está cumprindo con este mandato.
Ao mesmo tempo, compañeiras e compañeiros das PAHs e de STOP Desafiuzamentos de Compostela, Ourense, Lugo e A Coruña, concentraban-se coordinadamente diante das delegacións do IGVS que ten en cada unha destas cidades, confluíndo así na primeira acción reivindicativa sincronizada realizada por colectivos antidesafiuzamentos na Galiza. Outras plataformas de STOP's e PAH's da Galiza, como, Barbanza, O Sanés, Ponteareas e Pontevedra, realizaron outro tipo de accións mais de acorde co seu xeito de funcionamento e dispoñibilidade, algunhas plataformas enviaron escritos ao IGVS. A PAH de Vigo-Tui manifestaba-se ao día seguinte, sábado 18 de Outubro, contra a pobreza, a exclusión social e por un reparto da riqueza equitativo para tod@s.
Concéntramo-nos diante das sedes do IGVS, porque está claro que diante do engano e malfacer institucional teremos que ser nós quen construamos e conquistemos os nosos dereitos.
O mesmo día da acción, o IGVS fixo público un comunicado dicindo que están a desempeñar o seu cometido perfetamente, intentando desmentir cunha información parcial, a denuncia das plataformas antidesafiuzamentos. O Grupo d'A Coruña de Stop-Desafiuzamentos, contestou o comunicado oficial do IGVS inmediatamente que publicamos no noso sitio-e co titulo "Aclarando o misterio das 500 vivendas do Instituto Galego da Vivenda e Solo".
Nin casas sen xente nin xente sen casa!
Saúde e vivenda Digna !
Si se pode ! #Limite24D
Foto de Jorge Meis publicada no Diario de Ferrol.
|||||||||||||||||||