sábado, 16 de novembro de 2013

Denunciamos de novo a desidia do goberno municipal á hora de abordar o asunto pendente da reparación, adxudicación e entrega das vivendas de Recimil - Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra queremos amosar a nosa solidariedade coa compañeira Yolanda


Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra queremos amosar a nosa solidariedade coa compañeira Yolanda Martín Roca, adxudicataria dunha das vivendas protexidas que entregou o Concello de Ferrol en Recimil.

Por outra banda queremos denunciar de novo a desidia do goberno municipal á hora de abordar o asunto pendente da reparación, adxudicación e entrega das vivendas.


No caso de Yolanda a actuación municipal é moi grave. Yolanda ocupaba o número 22 da lista. A vivenda foi entregada hai un mes, o pasado 14 de Outubro. Ese mesmo día foi ver a vivenda que tanto agardaba, mais ao entrar, mesmo xa no portal a cousa non pintaba moi ben.  A vivenda tiña un monton de deficencias que foron comunicadas axiña ao Concello: lacenas, marcos da porta, pintado, sintasol diferente nos mesmos espazos, colocación deficiente do prato da ducha, solo do comedor sen reparar, ... e o peor, sen poder enganchar a corrente eléctrica, pois a instalación, totalmente renovada, non cumpría coa normativa vixente. Mais pasado un mes, o Concello aínda non resolveu esta deficiencia como se pode comprobar pola carta remitida ao Concello pola compañía eléctrica, carta que anexamos a esta nota.

O Concello recepcionou unha vivenda que non estaba ben reparada. A empresa que a reparou foi a pontesa Construciones Canosa que non facía moito tempo que saiu dun concurso de acredores, polo que debería ser máis coidadosa á hora das reparacións e facer as cousas ben.

No seu momento o goberno municipal ferrolán accedeu á nosa demanda, liberando  unha partida de máis de 451 mil euros para poder rehabilitar, adxudicar e entregar 28 vivendas en Recimil. Polo que, este, tiña a obriga de velar polo bon emprego dos centos de miles de euros de diñeiro público para reparar as vivendas municipais e que estas quedaran en perfecto estado de habitabilidade.

Yolanda ten que facer frente a un aluguer de 230 euros, cunha pequena paga, nunha vivenda insalubre, aínda tendo adxudicada unha vivenda en Recimil que non pode ocupar. E o goberno municipal é o responsábel. Polo que esiximos que atenda as demandas de Yolanda que non son outras que se cumpra o Regulamento das vivendas de Recimil e mesmo o acordado polo Pleno sobre a súa entrega.

Yolanda decidiu desde o pasado martes acudir todos os días, ás 11 da mañá, ao Concello para lembrar-lles aos responsábeis municipais os seus compromisos e obrigas, e así leva catro días. E así vai seguir até conseguir unha vivenda digna e adecuada.

Saúde e Vivenda Digna !

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra (Comisión Dereito a unha Vivenda Digna) | Está Adherida ás PAHs  e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Inácio (Comunicación)
645 158 113

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Foto de : Daniel Alexandre publicada no Diario de Ferrol.

||||||||||||||||||