mércores, 6 de febreiro de 2013

Praticas abusivas de "La caixa" -"Caixabank" - Stop-Desafiuzamentos denuncia un "abuso bancario" a unha familia de Ferrol

Stop-Desafiuzamentos denuncia un "abuso bancario" a unha familia de Ferrol

Membros de Stop-Desafiuzamentos, pertencente á Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, protagonizaron onte unha roda de prensa diante das oficinas da Caixa situada no número 152 da rúa Real de Ferrol.

Membros de Stop-Desafiuzamentos, pertencente á Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, protagonizaron onte unha roda de prensa diante das oficinas da Caixa situada no número 152 da rúa Real de Ferrol. Tratábase de explicar a situación na que se ve inmersa unha familia da cidade á que a entidade bancaria comunicou por escrito que os seus dereitos dun crédito hipotecario foron vendidos a Frontera Capital SARL, con sé en Luxemburgo.

Representantes de Stop-Desafiuzamentos acompañaron á familia afectada a unha reunión coa Caixa "agora Caixabank" para tratar de desbloquear outro problema suscitado coa negativa da entidade a cobrarlle o abono da hipoteca en tanto non fixese fronte a unha cantidade próxima aos 500 euros por uns supostos gastos xudiciais.

A Caixa comunicou aos afectados a venda dos dereitos do seu crédito a unha entidade de Luxemburgo

Segundo explicou o portavoz do colectivo, Rafael Pillado, esta familia solicitara un crédito hipotecario e esixíronlle dous avalistas que o banco, "con engano", incorporou como parte dos beneficiarios do préstamo.

O crédito foise pagando con normalidade até que chegou un momento de dificultade no que comezou a abonarse con atraso, polo que tamén houbo que facer fronte aos intereses de demora.

O problema xorde cando os beneficiarios recibiron unha notificación na que se lles reclamaban preto de 500 euros por uns supostos gastos xudiciais que descoñecen a que corresponden, polo que intentan contactar coa dirección da Caixa, sen éxito. A familia, segundo Rafael Pillado, manifesta estar disposta a pagar, pero non esa cantidade e, ao parecer, a partir de entón o banco negouse a cobrarlle o crédito. Chegaron a conseguir unha cita para reunión co responsable de morosos da entidade, que os emprazou para o pasado luns na Praza de España, pero este responsable non acudiu. Por iso é polo que Stop-Desafiuzamentos acompañounos onte á reunión co director da oficina da rúa Real. Ao parecer, inicialmente aceptaba o cobro a conta da suma debida sen asignala aos meses previstos, pero ao final resolveuse en parte o problema, polo que as mensualidades quedaron cubertas até o pasado xaneiro, que non se liquidou porque levaba aparellada a cantidade atribuída a gastos xudiciais.

A preocupación desta familia vese agravada polo feito de que os dereitos do seu crédito foron vendidos a unha entidade de Luxemburgo, actuación coa que, segundo Pillado, estase tratando de amedrentalos.

En vista da situación, Stop-Desafiuzamentos decidiu trasladar os feitos ao Valedor do Pobo. Os afectados, pola súa banda, presentaron unha reclamación ante Consumo.

Respecto de a venda do crédito, están á espera dunha entrevista cun responsable da Caixa que saiba do asunto. O xoves "12.00 horas" volverán ao banco para tratar de forzar esa entrevista.

Unha reportaxe de Carmela López publicada no Diario de Ferrol - Actualizado 06 Febreiro 2013 - 02:00 h.

Foto: "Membros de stop ante a oficina bancaria" - Daniel Alexandre

Pode ver esta noticia en www.diariodeferrol.com: http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/stop-desafiuzamentos-denuncia-un-abuso-bancario-a-unha-familia-de-ferrol/20130205224549031799.html

||||||||||||||||