sábado, 9 de maio de 2015
O dereito á vivenda: primeiro ás persoas
O dereito á vivenda: primeiro ás persoas
O dereito á vivenda digna e adecuada, segue sendo un dereito sen garantir para moitas familias. O abandono, desde hai décadas da política social de vivenda por parte das administracións públicas, segue obrigando ás persoas a achegar-se aos bancos en busca do diñeiro para afrontar o gasto da súa vivenda. Unha lexislación hipotecaria e bancaria inxusta, cláusulas abusivas e xuros desproporcionados, provocaron que as persoas acabaran sen casa e con unha débeda acumulada, imposíbel de pagar, de por vida. Nos tempos da estafa chamada crise, cunha taxa moi elevada de desemprego [1] e máis dun 50% de emprego sen prestacións económicas, cun grande índice de temporalidade e precariedade na contratación, así como unha baixada xeneralizada dos salarios, o acceso á vivenda, converte-se en algo case imposíbel para moitas persoas.
Nas últimas décadas a política de vivenda dos gobernos de quenda, máis que beneficiar ás persoas, ían destinadas a beneficiar ás promotoras privadas, pois os investimentos en vivenda, mesmo protexida ían dirixidos á promoción privada, en subsidios, compensacións, ou vendendo-lle solo público a prezos case de balde, só coa escusa de apoiar ao sector da construción que comezaba a ter síntomas de crise co paulatino descenso da actividade. Como consecuencia destas políticas aí están as cidades fantasma, urbanizacións sen habitar, e centos de miles de vivendas baleiras, tan só na Galiza son máis de 300.000. Mentres a xente segue perdendo a súa vivenda a mans dos bancos por non poder facer fronte á hipoteca, mais tamén por non poder pagar un aluguer, motivo de desafiuzamento que vai aumentando a un maior ritmo.
Segundo os dados que manexamos desde a Coordenadora Galega de STOPps e PAHs Antidesafiuzamentos, o Goberno Español é responsábel de que os desafiuzamentos sigan aumentando, a estas alturas, segundo a tendencia, xa deben superar o 500.000 en todo o Estado desde o 2008.
Os datos que se poden consultar na web [2] do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) do cuarto trimestre do 2014, reflicten que mentres o PP nos vai vendendo medidas parche e hipócritas anuncios de recuperación, os desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda seguen, na súa grande maioría de forma silenciosa.
Os datos son terríbeis. Desde 2008 practicáronse 496.049 desafiuzamentos, incluíndo os de aluguer e os de hipoteca. É dicir medio millón de familias na rúa desde o estoupido da burbulla inmobiliaria. E os datos non só se manteñen, senón que seguen aumentando: no último trimestre de 2014 produciuse un aumento do 1,8% de lanzamentos, respecto o mesmo período de 2013.
Os centos de miles de desafiuzamentos producidos até hoxe, teñen uns responsábeis políticos directos: os sucesivos gobernos do PP e PSOE que encadearon políticas que lonxe de frear a avalancha de desafiuzamentos aumentárona. Todas as medidas adoptadas até hoxe foron un estrepitoso fracaso para a cidadanía e un tremendo éxito para a Banca. O Real Decreto de "malas" prácticas; o restritivo e ridículo Fondo social de vivendas; a falsa moratoria de desafiuzamentos; a Lei de Segunda oportunidade para os bancos; o fraco e restritivo bono aluguer para familias en exclusión social da Xunta de Galicia ... en todos estes anos non quixeron lexislar para a cidadanía. Actuaron sometidos aos ditados da banca, rescatándoa con diñeiro público, criando un banco malo e axilizando aínda máis os desafiuzamentos.
Desde as PAHs e STOPs antidesafiuzamentos vimos demandado unha solución: dación en pago, moratoria de desafiuzamentos e aluguer social. Mentres o pobo non entre nos parlamentos e concellos, mentres non consigamos desfacernos dos partidos corruptos que gobernan para as grandes corporacións multinacionais e grupos financeiros, mentres e o pobo traballador non entremos nas institucións, para lexislar a favor da maioría social, das persoas, da cidadanía, ... seguiremos loitando, conseguindo dacións en pago, condonacións de débeda, alugueres sociais, paralizando desafiuzamentos e lanzamentos e recuperando as vivendas baleiras en mans das entidades financeiras, para que cumpran a súa función social, porque da nosa loita dependen o respecto ás nosas vidas e os nosos dereitos.
Se se pode !
Nin casas sen xente nin xente sen casas!
Saúde e vivenda Digna !
Ferrol, Abril de 2015
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.
Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra
Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
Notas.-
[1] Ao final do 2014, a taxa de desmprego era superior ao 20% (Estado 23,70%, Galiza 20,90%, en Ferrolterra do 26,47 e en Ferrol do 29,65%) - Fontes IGE e INE.
[2] http://www.poderjudicial.es/
[3] O gráfico elaborado cos datos do CGPJ.
|||||||||||||||
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)